-
As persoas interesadas poderán presentar as súas fotografías ata o 5 de setembro, incluído
-
O certame establece dúas categorías, unha aberta e outra reservada á participación local, cun premio de 75 euros en cada unha
-
As obras presentadas formarán parte dunha exposición pública con motivo do Día da Corresponsabilidade

O Concello da Baña, a través da Concellería de Acción Social, Cultura e Servizos á Cidadanía, vén de convocar o Concurso de Fotografía Amateur pola corresponsabilidade, masculinidades igualitarias, coidados e usos do tempo na Baña. A iniciativa desenvólvese no marco das accións do Plan Corresponsables 2026, financiado co apoio institucional da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Igualdade.
O certame ten como obxectivo principal promover a implicación, concienciación e sensibilización da cidadanía en materia de igualdade, poñendo un foco especial no papel dos homes como coidadores e na súa colaboración activa en espazos tradicionalmente feminizados, como os coidados familiares e as tarefas do fogar. A través do obxectivo das cámaras afeccionadas, preténdese amosar modelos de masculinidade que transcendan os prexuízos tradicionais e poñan de manifesto o grao de concienciación social existente no municipio.
Requisitos e categorías
No certame poderá participar calquera persoa afeccionada á fotografía, estea ou non empadroada na Baña (no caso de menores, haberá de xestionarse mediante representación legal). Cada participante poderá presentar unha única fotografía, orixinal, inédita e que non teña sido premiada noutros concursos. Queda expresamente prohibido o uso de ferramentas de Intelixencia Artificial para a creación total ou parcial das obras.
O concurso establece dúas categorías galardoadas con 75 euros cada unha:
- Categoría A: Premio aberto á participación xeral (autores/as empadroados/as ou non no municipio).
- Categoría B: Premio de participación local, destinado exclusivamente a persoas empadroadas no Concello da Baña.
Presentación das fotografías
O prazo permanecerá aberto ata o 5 de setembro de 2026, incluído. A participación require o envío da obra en formato dixital e a súa presentación impresa.
A imaxe dixital deberá remitirse individualmente, en formato PNG e PDF, ao correo electrónico Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo., coa indicación Concurso de fotografía amateur das masculinidades igualitarias e corresponsables da Baña. Deberá incluír o tema da imaxe, un pseudónimo e a categoría na que se participa.
A fotografía tamén deberá presentarse impresa no Concello da Baña ou enviarse por correo postal ao seguinte enderezo: Praza do Concello, s/n, 15863, A Baña, A Coruña. A documentación entregarase nun sobre pechado identificado co pseudónimo e coa categoría elixida. No interior deberán incluírse unha copia do DNI ou NIE, a folla de inscrición cuberta e a fotografía impresa. No reverso da imaxe deberán figurar o nome do concurso, a categoría, a data e a sinatura.
As obras serán valoradas en función da súa adecuación ás bases, calidade técnica, composición, estética, orixinalidade e creatividade. O xurado estará integrado por dúas persoas pertencentes ao profesorado dos centros educativos do municipio e unha persoa profesional relacionada co mundo da arte e da fotografía. Unha persoa técnica municipal exercerá a secretaría, con voz e sen voto.
O nome das persoas gañadoras publicarase na web municipal e na sede electrónica do Concello da Baña. Posteriormente anunciarase a data da entrega dos premios, que terá lugar nun acto público na Casa Consistorial.
As fotografías premiadas e o resto das obras presentadas formarán parte dunha exposición pública organizada con motivo do Día da Corresponsabilidade, o 23 de marzo de 2027. A fotografía orixinal gañadora tamén será empregada na campaña municipal vinculada a esta conmemoración.
As bases completas e a folla de inscrición poden consultarse na sede electrónica e nos documentos adxuntos.