Martín Pose Pérez preséntase este luns como novo director da Escola Municipal de Música da Baña nunha reunión coas familias que dará comezo nas instalacións do centro a partir das 20.30 horas, e na dará a coñecer o proxecto docente para este curso escolar e ao novo cadro de profesorado. Ademais, os asistentes recibirán información sobre o proxecto que o novo equipo directivo ten para a Banda Municipal de Música da Baña.
O prazo de matrícula para a Escola Municipal de Música ábrese tamén o luns, día 16, para que os interesados se poidan inscribir ata o 23 de setembro, data na que comezarán as clases. Os formularios de inscrición, tanto para adultos como para infantil, e o de pago, pódense consultar nos documentos adxuntos.
Na escola de música poden matricularse todas as persoas interesadas maiores de 3 anos de idade (tamén os adultos) en algunha das seguintes especialidades: percusión, saxofón, frauta, clarinete, trombón, trompeta, tuba, bombardino, piano, guitarra, acordeón e música e movemento.
Os prezos establecidos son de 10 euros/mes para música en movemento (nenos de 3 a 6 anos) e de 20 euros mensuais para o resto de especialidades. En todos os casos, para o segundo e seguintes membros dunha mesma unidade familiar haberá un desconto do 50%.