imprimir
Categoría: Cultura e educación
Visitas: 580

 

“A unha muller cústalle máis chegar a postos de responsabilidade e, por outro lado, as mulleres somos as encargadas do coidado dos nenos e das tarefas da casa”. Estas dúas, a xuízo da concelleira Mónica González, son as principais causas da desigualdade existente na Administración local da Baña, espello para ela do comportamento da sociedade. “Temos unha corporación bastante paritaria, con cinco mulleres e seis homes. A parte negativa é que os voceiros dos tres grupos con representación son homes e que os postos principais, como o de alcalde, sempre os ocuparon homes. Tamén hai diferenzas no ámbito de actuación; por exemplo, Urbanismo e Obras está dende sempre vencellada ao xénero masculino, mentres que o departamento de Cultura, o servizo de axuda a domicilio, o punto de atención á infancia, etc, dependen de mulleres”, explica.

Mónica Gónzalez Blanco é natural de Marcelle. Psicóloga e profesora, exerce dende hai dous anos como concelleira de Política Social, Emprego, Educación, Cultura e Deportes da Baña e protagoniza neste mes de decembro a última entrega do 2021 da serie de audiovisuais A Baña en feminino, unha das accións do goberno local encamiñadas a reivindicar o papel das mulleres e ofrecer referentes femininos no ámbito rural. Para superar a desigualdade, coida Mónica, “é prioritario promover a conciliación familiar, concienciar a sociedade do reparto da responsabilidades entre homes e mulleres e promover iniciativas como esta para visibilizar o labor das mulleres e abrir un espazo de reflexión”.

Ademais dos programas de concienciación, a concelleira salienta outras actuacións que se levan a cabo dende a Administración local. Cita os centros de información á muller ou as axudas económicas e fai énfase nas que se desenvolven nos centros escolares, “porque é onde están as novas xeracións e temos que preocuparnos de educalas en igualdade para que a defendan cando sexan adultos”.

Baña feminino 12 Monica Gonzalez Blanco ALF1901

A Baña en feminino

O vídeo de Mónica González, que pode verse na canle municipal de Youtube, pecha por este ano o proxecto ‘A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural’. Trátase dunha iniciativa do concello bañense que, coa publicación dun audiovisual por mes ao longo do presente ano 2021, tivo como principal obxectivo convidar a reflexionar sobre o papel das mulleres na contorna rural e fomentar a igualdade dándolle voz a persoas do municipio que exercen en diversos eidos. As anteriores protagonistas foron:

Enlacedeo de Mónica González: https://youtu.be/nYoU_VuMQAM