imprimir
Categoría: novas
Visitas: 300

 

20191030 Francisco Perez RedondoFrancisco Pérez Redondo incorporouse esta noite á Corporación da Baña despois de prometer o seu cargo de concelleiro como novo membro do grupo Popular nun pleno no que a oposición volveu deixar sen soldo ao equipo de goberno. O alcalde comprometeuse a levar a pleno una modificación da ordenanza municipal para garantir que as empresas que se dedican a cortar e transportar madeira arranxen os numerosos danos que deixan nos camiños e estradas municipais, como denunciou o Partido Popular no apartado de rogos e preguntas.

O Partido Popular xa volve contar con cinco concelleiros na Corporación da Baña, una vez que Francisco Pérez prometeu o seu cargo no pleno desta noite, para ocupar o escano que no mes de setembro quedou baleiro tras a dimisión de Manuel Tourís.

Foi a principal novidade da sesión desta noite, na que tanto o Partido Popular como Compromiso por Galicia volveron votar en contra do soldo para o equipo de goberno. Tan só os catro concelleiros socialistas votaron a favor de que o alcalde, José Antonio Pereira, teña unha dedicación exclusiva e que a concelleira de Cultura, Mónica González, conte cunha dedicación parcial. Os sete votos en contra da oposición (5 do PP e 2 de CxG) botaron abaixo a iniciativa do goberno.

20191030 ALI9952 web

Os salarios do equipo de goberno foron os únicos puntos sometido a debate no pleno de hoxe, que contou cun amplo apartado de rogos e preguntas (a oposición tampouco presentou ningunha moción). Neste apartado, Andrés García Cardeso (PP) pediulle ao goberno que tome medidas contra as empresas da madeira que deixan moi estragados os camiños e pistas municipais, como algúns en Faílde, Bugalláns ou  San Cibrán, entre outros. José Antonio Pereira adiantou que é intención do equipo de goberno levar unha modificación da ordenanza municipal para que todas as empresas madeireiras teñan que depositar unha fianza no concello e presentar un seguro de responsabilidade civil para facer fronte a estes danos, cando non arranxen as zonas despois de facer o traballo.

Tanto PP como Compromiso por Galicia solicitaron ter presenza na mesa de contratación do Concello da Baña, pedindo que na mesma haxa un representante de cada grupo político. A petición de CxG, o goberno local tamén analizará a posibilidade de sumarse ao programa Xantar na Casa que promove o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.