O Imserso informa de que dende o luns 6 de novembro, ata o final da tempada 2023-2024, permanecerá aberto un novo prazo para participar no Programa de Turismo para persoas maiores, co obxectivo de proporcionarlles estancias en zonas de costa e turismo de interior que contribúan a mellorar a súa calidade de vida, a súa saúde e á prevención da dependencia.
Todas as persoas interesadas en poder gozar das viaxes que non estean dadas de alta e que cumpran cos requisitos legais de participación, deberán cubrir a solicitude e presentala por calquera dos medios previstos na Orde SCB/926/2018, do 10 de setembro, pola que se regula o Programa de Turismo do Imserso:
- De forma telemática a través da Sede electrónica do Imserso. Este procedemento non require autenticación electrónica (Cl@ve, certificado electrónico ou DNI electrónico) por parte da persoa interesada.
- Descargando o formulario de solicitude de participación no Programa de Turismo para a tempada 2023-2024. Unha vez cuberto deberá remitilo por algún dos seguintes medios:
- A través dos rexistros electrónicos e oficinas relacionados no artigo 7 da Orde SCB/926/2018, do 10 de setembro, pola que se regula o programa de Turismo do Imserso.
- En sobre franqueado, non por correo certificado, á dirección: Programa de Turismo do Imserso, apartado de correos 10.140, 28080 Madrid.
A presentación da solicitude é indispensable para que o Imserso, tras efectuar as comprobacións oportunas, poida ditar a Resolución que acredita a condición de persoa beneficiaria do Programa de Turismo, que recibirá o solicitante no seu domicilio ou poderá descargala na súa Dirección Electrónica Habilitada Única; desta forma, o titular da acreditación, poderá reservar e comprar as prazas dispoñibles.