imprimir
Categoría: Servizos sociais INICIO
Visitas: 398

O programa de termalismo Benestar en balnearios, impulsado pola Xunta de Galicia, oferta este ano un total de 637 prazas para persoas empadroadas en Galicia maiores de 60 anos (ou 55, sempre que sexan pensionistas). Tal e como recollen as bases da convocatoria, publicada este venres no Diario Oficial de Galicia, as estadías serán de dez días (nove noites) e desenvolveranse entre o 1 de novembro e o 17 de decembro do presente ano 2022. A Consellería de Política Social subvenciona entre un 36 e un 43% do custo dependendo do establecemento, polo que os prezos oscilan entre os 349,89 euros e os 377,89 euros.

Ademais de cumprir os requisitos do empadroamento en Galicia e da idade de máis de 60 anos, as persoas que queiran beneficiarse do programa de Benestar deberán valerse por si mesmas e non padecer alteracións de comportamento que poidan alterar a convivencia nin enfermidades contaxiosas. Poderán acudir ao balneario na compaña da parella, dun fillo ou dunha filla cun grao de discapacidade do 33 por cento ou máis pero que non precise apoio ou doutra persoa que tamén desexe solicitar praza.

As estadías, que comprenden dende o mediodía do día de chegada ata o mediodía do día de saída, realízanse en réxime de pensión completa en habitación dobre. Aquelas persoas que desexen aloxarse soas, terán que aboar a diferenza no caso de que haxa dispoñiblidade. Os servizos inclúen o recoñecemento médico e un tratamento termal básico, así como a participación nas actividades de animación.

As solicitudes poderán presentarse dende o luns 10 de outubro ata o luns 24 de outubro, preferiblemente na sede electrónica da Xunta. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén teñen a opción de facelo nos lugares e rexistros habituais. Para obter máis información, poden dirixirse ao teléfono social 900 333 666 ou aos servizos sociais do Concello da Baña.

As bases do programa, os establecementos, as datas e os formularios pódense consultar neste enlace ao DOG.