imprimir
Categoría: Servizos sociais INICIO
Visitas: 886

20200306 PAI BañaA Xunta de Galicia vén de comunicar aos concellos a decisión de que as escolas infantís non retomen a súa actividade ata o curso que vén. O mantemento da suspensión da actividade débese ás "dúbidas existentes na comunidade médica de que haxa a seguridade suficiente para que as nenas e nenos menores de 3 anos compartan espazos durante un tempo tan prolongado, especialmente nas escolas infantís, onde é imposible manter a distancia social". Deste xeito, o Punto de Atención á Infancia (PAI) da Baña non reabrirá ata o curso 2020-2021, para o que hoxe se reanuda o prazo de inscrición (máis información). 

Ante esta decisión, o Consello da Xunta propón un paquete extraordinario de medidas de conciliación. No que atinxe á infancia, a Xunta prevé aprobar un "Bono coidado extraordinario" para que aquelas familias con nenos de ata 12 anos nas que os proxenitores traballan poidan conciliar. Consistiría nunha axuda de 500 euros ao mes para cubrir a atención domiciliaria dos máis pequenos e facilitar a conciliación. Tamén avanza na reactivación dos campamentos de verán, dirixidos a rapaces e rapazas de 8 a 18 anos.

Na mesma liña, e dado que os centros de día e ocupacionais de Galicia tampouco retomarán a súa actividade ata o curso que vén, a Xunta estuda a creación dun bono coidado extraordinario para a dependencia. Estas medidas completaranse cunha liña de axudas extraordinaria para as empresas que atendían a todas estas familias no ámbito da infancia e das persoas maiores.

Este paquete extraordinario para a conciliación familiar será trasladado á Mesa de Diálogo Social para a súa análise e aprobación definitiva. A Xunta comprométese a informar máis polo miúdo nos póximos días sobre estas axudas, así como a enviar aos concellos un protocolo de actuación nas escolas infantís para que poidan preparar e garantir o reinicio da actividade en condicións de seguridade, tanto para as nenas e nenos como para o persoal da escola.

Máis información do paquete extraordinario de medidas de conciliación nesta nova: https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/49297/feijoo-destaca-paquete-extraordinario-medidas-conciliacion-para-cun-investimento