imprimir
Categoría: Servizos sociais INICIO
Visitas: 1050

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe dúas ordes de axudas da Xunta de Galicia destinadas a apoiar a natalidade: dunha banda, a prestación económica de pagamento único para fillas e fillos menores de 3 anos e, doutra banda, as bases da convocatoria para acceder á Tarxeta Benvida neste ano 2020.

No que atinxe á prestación familiar por fillos menores de 3 anos, poden beneficiarse aquelas persoas que teñan nenos ou nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 31 de decembro de 2017 e que durante o ano 2018 ningún dos integrantes da unidade familiar presentara a declaración polo IRPF. Son igualmente beneficiarias as persoas que teñan fillas ou fillos adoptados ou acollidos mediante resolución, xudicial ou administrativa, ditada entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 31 de decembro de 2017.

A prestación consistirá nun pagamento único por cada filla ou fillo menor de 3 anos, sendo a contía por un neno ou nena de 360 euros, 1200 polo segundo fillo ou filla e 2400 para terceiros fillos e sucesivos.

As persoas interesadas deberán presentar un formulario a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. O prazo para realizalo vai do 21 de xaneiro ao 10 de marzo de 2020.

Ademais deste formulario, os solicitantes deben achegar unha copia do libro de familia; xustificante de empadroamento; no caso de nulidade, separación ou divorcio: a copia da sentenza ou resolución xudicial; e no caso de adopción ou acollemento: a resolución xudicial ou administrativa.

Para máis información sobre esta axuda, podes consultar a Orde publicada do DOG neste enlace ou dirixirte ao departamento de Servizos Sociais do Concello.

Tarxeta Benvida 2020

Por outra banda, o DOG publica tamén hoxe as bases da convocatoria para acceder á Tarxeta Benvida, para nenos e nenas nados en 2020 e para familias que adopten ou sexan declaradas en situación de garda neste ano. Trátase dunha axuda directa que contribúe a sufragar os custos que trae consigo a chegada dun novo membro á familia. Faise efectiva a través dunha tarxeta que só pode ser utilizada en farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia.

A contía desta axuda é de 1200 € por cada fillo ou filla durante un ano, a razón de 100€/mes, con carácter xeral. Unha das novidades deste ano é que se duplica a cantidade que se percibe polo terceiro fillo e sucesivos durante o primeiro ano, ata acadar os 2400 € anuais. Ademais, increméntase un 25% a contía para as familias que vivan en concellos de menos de 5000 habitantes, amplíase ata os catro anos a axuda para as familias especialmente vulnerables e aumenta o prazo de presentación de solicitudes para os galegos no exterior que volvan a Galicia.

Para máis información sobre esta axuda, podes consultar a Orde publicada do DOG neste enlace ou dirixirte ao departamento de Servizos Sociais do Concello.