imprimir
Categoría: Servizos sociais INICIO
Visitas: 1673

20200116 Concentracion Pediatra ALI1948 web

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, reclamoulle hoxe ao Sergas “servizos públicos dignos para garantir que a xente poida vivir no rural”. Durante a concentración diante do centro de saúde, Pereira Gil esixiu “unha atención pediátrica digna e que se cubran as baixas e vacacións da pediatra do centro de saúde, que actualmente so temos dous días á semana, para que os nenos e nenas da Baña non teñan que ir peregrinando polos distintos concellos da comarca”. 

No acto participaron veciños e  representantes dos tres grupos políticos da Corporación bañense, que estiveron acompañados por voceiros e representantes do Partido Socialista da comarca de Santiago, entre os que se atopaba o secretario provincial do PSdeG e presidente da Deputación, Valentín González Formoso. O alcalde da Baña agradeceu a presenza de todos os asistentes, especialmente nunha mañá na que fixo moi mal tempo.

O alcalde da Baña asegurou que “se as parellas novas, cando teñen familia, non teñen un bo servizo de pediatría, non van quedar vivir en concellos pequenos. Xa tramitamos dúas queixas por escrito á Consellería de Sanidade e aínda non tivemos resposta”, apuntou.

Ademais de José Antonio Pereira e Valentín González Formoso, polo Partido Socialista tamén participaron na concentración os alcaldes de Oroso, Manuel Mirás, e Negreira, Ángel Leis; o coordinador dos socialistas na comarca, Antonio Leira; o deputado no Parlamento galego e concelleiro no Pino, Óscar Vilar; o deputado provincial e concelleiro de Ames, Blas García; e  concelleiros e concelleiras de Santa Comba, Teo, Rois, Santiago e Touro.