-
O proxecto de dinamización lingüística inicia as actividades cun obradoiro para profesorado o 23 de outubro en Pontevedra
-
A inscrición está aberta ata o día 20, con preferencia para docentes dos concellos participantes e dos niveis educativos aos que se dirixe a iniciativa
O Concello da Baña incorpórase este curso ao Enreguéifate, un proxecto que promove o uso do galego entre as crianzas e a mocidade a través da regueifa, unha das expresións da poesía popular oral. A iniciativa celebra a súa décima edición coa participación de oito concellos e comeza a programación cun obradoiro dirixido a profesorado interesado en empregar a improvisación oral como ferramenta didáctica.
A formación terá lugar o venres 23 de outubro, de 16.30 a 20.30 horas, no Pazo da Cultura de Pontevedra. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o martes 20 de outubro, a través do formulario habilitado.
O obradoiro contará con 45 prazas. Se as solicitudes superan a oferta, terá preferencia o profesorado dos concellos participantes, entre eles A Baña, e dos niveis educativos aos que se dirixe o proxecto: 5º e 6º de educación primaria e educación secundaria obrigatoria (ESO).
Recursos para levar a regueifa ás aulas
Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Manolo Maseda e Séchu Sende conducirán a sesión, na que ofrecerán recursos para traballar a regueifa nas aulas. A través da improvisación oral, o profesorado poderá explorar estratexias para mellorar a expresión e o traballo en equipo, así como fomentar a empatía e valores como a igualdade e o respecto á diversidade.
A formación servirá tamén para presentar o Enreguéifate, que ao longo de dez anos de traxectoria traballa na dinamización da lingua galega entre a poboación máis nova.
A Baña e Narón incorpóranse nesta edición aos concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo como impulsores do proxecto, a través dos seus servizos de normalización lingüística. Nas vindeiras semanas daranse a coñecer os detalles da programación desta décima edición.