8-9-2026

O Concello da Baña aprobou unha addenda ás bases do proceso selectivo para contratar temporalmente unha persoa como peón ou peoa forestal, ao abeiro do programa destinado a persoas mozas inscritas no Sistema de Garantía Xuvenil.

A modificación establece que as persoas preseleccionadas pola oficina pública de emprego deberán presentar a documentación acreditativa dos méritos e o Anexo II, de carácter obrigatorio, ata o 14 de setembro de 2026, inclusive.

A documentación deberá entregarse mediante orixinais ou copias compulsadas no Rexistro do Concello da Baña, en horario de 9.00 a 14.00 horas. O resto das bases da convocatoria permanece sen cambios.

Toda a información pode consultarse na sede electrónica do Concello da Baña e no arquivo adxunto a esta nova.

 

24-8-2026

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publicou este luns, 24 de agosto, as bases da convocatoria para a contratación temporal dunha persoa como peón ou peoa forestal no Concello da Baña.

O posto, a xornada completa e cunha duración de nove meses, está vinculado ao Programa FSE+ Galicia 2021-2027 para a contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

A selección realizarase mediante unha oferta de emprego presentada polo Concello na Oficina Pública de Emprego de Santiago Norte. Só poderán participar no proceso as persoas incluídas na listaxe remitida polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

Toda a información, os requisitos e a documentación necesaria poden consultarse na sede electrónica do Concello da Baña e no arquivo adxunto a esta nova.