imprimir
Categoría: Cultura e educación
Visitas: 300

O xefe territorial de Mobilidade da Xunta de Galicia púxose esta mañá en contacto co alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, en resposta ao escrito enviado o pasado luns pola ANPA do CPI San Vicente e polo Concello da Baña no que se lle informaba sobre o malestar provocado por causa dos reiterados atrasos e incumprimentos no transporte escolar.

O rexedor bañense, que se reafirmou hoxe en esixir unha solución, obtivo o compromiso de programar unha xuntanza entre ámbalas dúas partes. A reunión, que previsiblemente se desenvolverá na última semana deste mes de xuño, terá como obxectivo abordar a problemática actual con Monbus e, sobre todo, marcar as pautas para o bo funcionamento do servizo de cara ao vindeiro curso 2022/23.

O alcalde incidiu na gran preocupación do Concello e tamén que o goberno municipal ten como unha das súas prioridades a consecución dun transporte escolar eficaz, que lle garanta ao alumnado á asistencia ás clases nos horarios fixados, e que respecte todas as medidas de seguridade.