imprimir
Categoría: Cultura e educación
Visitas: 440

cartel

Os Premios Youtubeiras abren ata o 22 de outubro o prazo de inscrición nunha quinta edición que ten como obxectivo consolidar a comunidade creadora que impulsou este certame dende o seu nacemento no 2017. Por iso, e pensando no mantemento das canles, por primeira vez non se van poder presentar vídeos illados. Poderán optar aos premios todas as persoas maiores de catorce anos con portal en Youtube e alomenos cinco vídeos publicados con data posterior ao 23 de outubro de 2020.

As categorías, ao igual que o ano pasado, volverán ser doce: canle, vídeo, youtubeira/o, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctica, prioneira e premio do público. As tres primeiras están dotadas cun premio en metálico de mil euros e as nove restantes levarán 500 euros. En total, o concurso repartirá 7.500 euros en premios entre as persoas gañadoras.

De cara a axudar aos participantes a mellorar no proceso creativo, os Premios Youtubeiras promoverán varias accións formativas nas vindeiras semanas, que se suman ao obradoiro que tivo lugar ao comezo de verán para mellorar a calidade sonora dos vídeos. Neste mes de setembro, Adrián Suárez impartirá un curso sobre posicionamento na creación dixital e Bárbara Román, avogada especializada en empresas tecnolóxicas, desenvolverá en outubro outro obradoiro centrado nos aspectos legais do Youtube.

O servizo de normalización lingüística do Concello da Baña é un dos impulsores de Youtubeiras, xunto aos de Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago e Teo, así como as tres universidades galegas e a Deputacón da Coruña. A responsable do servizo bañense e coordinadora do Proxecto Youtubeiras, Carme Pereiro, foi a encargada de desvelar as novidades da quinta edición do certame nunha rolda de prensa celebrada hoxe en Santiago. Acompañárona na presentación Escarlata Pampín, concelleira de Normalización Lingüística e Mocidade de Ames; e Rubén Prol, concelleiro compostelán de Poíticas Lingüísticas.

Carme Pereiro explicou que se elixiu o lema de ‘Magnetismo en liña’ para remarcar a evolución do proxecto dende a súa posta en marcha. “O que se pretende con esta idea do magnetismo é incidir na atracción en canto á consolidación da figura da youtubeira, ao tempo que se subliña a influencia que o mundo youbeiro exerce xa na sociedade”, sinalou.

Neste sentido, incidiu no espectacular incremento de participación que foi experimentando o certame. “Dende a primeira edición destes premios, alá por 2017, até o día de hoxe, a comunidade de youtubeiros e youtubeiras que publican contidos na nosa lingua non deixou de medrar ao abeiro do concurso”, indicou Carme. Lembrou que “en 2017 concorreron 202 vídeos” e na última convocatoria de 2020 “a cifra ascendeu até os 536 vídeos”, unha marca que confían en superar este ano.