imprimir
Categoría: novas
Visitas: 633

O Concello da Baña e a Asociación Filloas da Pedra da Baña promocionarán o produto estrela da súa gastronomía local, a filloa de pedra, en Madrid, nun acto que terá lugar o martes 28 de febreiro na Casa de Galicia e ao que están invitados os centros rexionais, galegas e galegos residentes na capital de España e medios de comunicación. Ademais de dar a coñecer as potencialidades turísticas e gastronómicas deste manxar tradicional, integrantes da asociación poñerán en funcionamento 2 pedras sobre as que elaborarán en vivo e en directo as filloas, que logo serán degustadas.

Todos os ingredientes que se empregarán na elaboración das filloas (ovos, fariña, touciño...) serán 100% ecolóxicos, ao igual que xa se fixo na XIX Festa da Filloa da Pedra celebrada na Baña a fin de semana do 11 e 12 de febreiro e que bateu récord de asistencia.

A delegación estará encabezada polo alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, quen aproveitará para dar a coñecer as potencialidades turísticas do municipio. Mónica Tomé Rey, secretaria da Asociación Filloas da Pedra da Baña, Lola Landeira e o chef Manuel Mallón Ardións, tamén integrantes da entidade, serán os encargados de divulgar e exaltar o potencial gastronómico da filloa da pedra, elaborar o amoado e facer as filloas.

Os asistentes ao acto (previsto para ás 19.30 horas) terán a oportunidade de degustar as filloas da pedra e comprobar as particularidades únicas deste manxar natural e artesán, cuxo arte de elaboración foi conservado con agarimo nas cociñas dos fogares bañenses xeración tras xeración. Quen o desexe tamén poderá probar a facer a súa propia filloa nunha das pedras.

Fieis ao seu compromiso de divulgación da filloa da pedra como produto natural e artesán, a asociación mantén dende hai anos unha estreita colaboración con outras entidades filloeiras galegas, como a de Muimenta (Cospeito) para a promoción conxunta da filloa.

E, en recoñecemento ao seu labor e como promotora dunha das catro festas máis senlleiras de Galicia dedicadas á exaltación da filloa, a Asociación Filloas da Pedra da Baña recibirá este domingo, 26 de febreiro, o Mandil de Honra da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, no transcurso da XL edición da festa da filloa desta localidade boqueixonesa.