imprimir
Categoría: novas
Visitas: 464

 

O Pleno municipal da Baña aprobou onte, xoves 11 de agosto, por unanimidade, un orzamento para o exercicio 2022 que ascende a 4.430.000 euros. No Pleno extraordinario a Corporación deulle luz verde tamén á solicitude de 234.000 euros para gasto corrente con cargo ao POS + Adicional para este exercicio; e fixou os días festivos locais de que poderá gozar a veciñanza en 2023: o martes de Entroido e o 8 de setembro.

Os orzamentos, os primeiros que aproba o Concello da Baña desde 2017, fan unha especial incidencia na partida dedicada a servizos sociais, favorecendo deste xeito a atención á calidade de vida da cidadanía bañense. A desagregación por programas mostra unha previsión de gasto social de 1.205.007,14€, máis da cuarta parte do total. Mentres, o investimento real en diferentes actuacións de saneamento e abastecemento, así como en melloras culturais, sociais e medioambientais, supera o 30% do orzamento do Concello para o presente exercicio. O mantemento da rede viaria tamén é unha das partidas con maior incidencia orzamentaria, cunha asignación de 859.210,13.

Para Andrés García Cardeso, "este orzamento vai permitir que A Baña recupere o pulso despois da pandemia. Este é un presuposto real, adecuado ás necesidades que ten un concello rural coma o noso". Mirando cara ao futuro, o alcalde da Baña apuntou que a aprobación do orzamento de 2022 significará "unha catapulta para elaborarmos xa o de 2023 e recuperarmos a normalidade, que é tan necesaria para o desenvolvemento".

Pola súa banda, o portavoz do PSdeG, José Antonio Pereira, razoou o voto favorable do seu grupo en que, ao seu xuízo, as contas "son as mesmas que nós presentamos en 2021", coa variación de capítulos coma "os incrementos salariais de persoal e a seguridade social. O que antes non valía, agora vale", afirmou Pereira, que xustificou a aprobación asegurando que "a diferenza de vostedes nós queremos o mellor para os veciños, gobernemos nós ou gobernen vostedes". O alcalde agradeceu o apoio dos socialistas ás contas municipais, aínda que declarou que "a diferenza entre as contas que presentaron en 2021 e as actuais é abismal: dos 3.600.000€ de entón pasamos a 4.430.000€". Para García Cardeso, aquelas contas e estas "pode que se parezan na letra, pero os números non son os mesmos".

Nunha análise por capítulos, a partida de investimentos reais suma 1.340.039,21 (o 30,24% do total). Entre as actuacións previstas de maior calado atópanse a ampliación de equipamentos sociais no centro cívico de San Vicenzo (332.492,26€) ou o saneamento de Liñares-San Salvador (177.843,57€) e de Xaxoso-Castiñeira (46.238,70€). Tamén figuran nos presupostos as obras de pavimentación no Cruceiro-Canle-Paraxó, Cores-Lameiro, Trarroeira e Trasbarcala a límite con Negreira ou de Lañas e Fiopáns.

Por outra banda, os gastos correntes en bens e servizos consomen o 34,20% do total do orzamento, cun importe asignado de 1.514.161,3€. Mentres, os gastos de persoal ascenden a 1.258.699,40€, á espera do remate da elaboración e negociación da Relación de Postos de Traballo (RPT) que se está a realizar. Este feito podería afectar á execución deste capítulo.

O equipo de goberno elaborou uns orzamentos equilibrados e sen déficit inicial. As principais fontes de ingreso son as transferencias correntes doutras administracións, que con 2.244.960,33€ supoñen máis da metade do presuposto. Tamén teñen gran peso as transferencias de capital, calculadas en base ás subvencións solicitadas, que suman un 25% do orzamentado.

POS + Adicional

Na sesión de onte tamén se aprobou solicitar 234.000,72€ para financiar o gasto corrente municipal con cargo ao POS + Adicional 2/2022. Nesta segunda fase do plan, a Deputación provincial ten asignado ao Concello da Baña un total de 412.001,29€, polo que os 177.843,57€ restantes se destinarán ao saneamento de Liñares-San Salvador. A proposta foi aprobada cos votos favorables do grupo de goberno (PP e Compromiso) e co voto en contra dos catro edís do PSdeG.

Festivos locais

Por outra banda, o Pleno da Baña aprobou tamén por unanimidade fixar como festivos locais para o vindeiro ano 2023 o martes de Entroido e o 8 de setembro, día no que se celebra a Virxe do Bo Suceso na parroquia de San Vicenzo. Malia que é costume declarar como días non laborables o 22 de xaneiro (San Vicenzo) e o 9 de setembro (Virxe das Dores), dáse a circunstancia de que estas datas coinciden en fin de semana.

20220811 pleno orzamento