O Concello da Baña abre o prazo de inscrición para participar no programa de envellecemento activo, dirixido a persoas maiores de 60 anos. As solicitudes poderán presentarse ata o 30 de setembro.
As actividades comezarán na primeira semana de outubro e prolongaranse ata maio. O programa inclúe estimulación cognitiva, con técnicas destinadas a traballar capacidades como a memoria ou a atención, e ximnasia de mantemento para favorecer a mobilidade e a autonomía funcional.
Como novidade, este ano promoverase un ciclo de charlas formativas sobre diferentes cuestións relacionadas co envellecemento activo. As persoas inscritas poderán escoller as actividades que máis lles interesen ou participar en todas.
As sesións de estimulación cognitiva celebraranse os martes. En San Vicenzo haberá dous grupos, de 16.00 a 17.30 e de 17.30 a 19.00 horas, mentres que en Fiopáns serán de 19.15 a 20.45 horas.
A ximnasia de mantemento desenvolverase os luns e mércores, de 17.30 a 18.30 horas en San Vicente e de 19.00 a 20.00 horas en Fiopáns.
As persoas interesadas poden obter máis información ou formalizar a súa inscrición no Departamento de Servizos Sociais, situado na rúa Tedelle, ou chamar ao teléfono 981 88 65 01. A folla de inscrición pode descargarse nos arquivos adxuntos ou nesta ligazón.
Este proxecto da Concellería de Acción Social, Cultura e Servizos á Cidadanía lévase a cabo con cargo á subvención FOEAC/2026 da Deputación Provincial da Coruña.
