Imprimir
Categoría: novas
Visto: 495

20230517 Banha entrega Premio Letras Galegas a Emilio Lois 6

O gaiteiro e músico Emilio Lois, máis coñecido como Emilio da Baña, recibiu esta mañá, na Casa da Cultura da Baña O II Premio Daniel García Ramos, instituído polo Concello co gallo do Día das Letras Galegas para recoñecer o traballo en favor da lingua e da cultura galegas. Coa entrega deste galardón, o Concello quere recoñecer o traballo levado a cabo por Emilio Lois como mestre na Escola de Música Tradicional da Baña, formando dende 1998 a varias xeracións de bañense nas clases de gaita e de percusión e gran defensor da cultura, da lingua e da tradición musical da terra. O acto, presidido polo alcalde, Andrés García Cardeso, quen estivo acompañado da concelleira de Cultura, Lorena Trillo, contou coa presenza do tenente de alcalde, César Ramos, de membros da Corporación e dun nutrido grupo de veciños e de veciñas.

20230517 Banha entrega Premio Letras Galegas a Emilio Lois 7

O alcalde, Andrés García Cardeso salientou a figura humana e profesional do homenaxeado e subliñou que “é unha persoa moi querida na Bañan onde formou durante máis de dúas décadas a varias xeracións de bañense nas clases de gaita e de percusión”. O mandatario bañense tamén destacou a súa implicación e a súa colaboración con diversas actividades do municipio, especialmente no que atinxe a creación de varios grupos de música tradicional como Os Campantes da Baña, os Pequenos da Baña e as Pandeireteiras da Baña ou a creación da Festa Rachada.

Facetas estas que tamén destacaría a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, na apertura do acto de entrega do II Premio Daniel García Ramos, no que tamén se proxectou un vídeo homenaxe protagonizado por diversos alumnos e alumnas ao gaiteiro natural de Santa Comba, pero bañense de adopción.

No seu discurso, a concelleira de Cultura reafirmou neste 17 de maio, Día das Letras Galegas, o compromiso do Concello para coa lingua e a cultura galegas. “Seguiremos sendo teimudos en formar as crianzas en galego, para construír un futuro para o noso idioma e por iso queremos celebrar con fachenda o día de hoxe”, dixo. Tras agradecer ao homenaxeado co premio bañense deste ano, Lorena Trillo indicou que “temos que estar enormemente agradecidos a mestres e profesionais que loitan pola cultura e a lingua galega como o fai Emilio Lois”.

20230517 Banha entrega Premio Letras Galegas a Emilio Lois 9

Precisamente este compromiso coa lingua e a cultura galegas é un dos puntos destacados polo Concello na creación do premio Daniel García Ramos, galardón que leva o nome do xuíz e fillo Predilecto da Baña, pioneiro en ditar unha sentenza en galego.

Pola súa banda, Emilio Lois, xalleiro de nacemento pero bañense de adopción, agradeceu o galardón, que fixo extensivo ao alumnado e a todas aquelas persoas que o acompañaron (e o seguen a facer) ao longo da súa traxectoria como gaiteiro. “Este premio non é so para min, senón para todos e todas os que estades aquí”, dixo Emilio Lois. O homenaxeado remarcou que “só fixen o meu traballo, aínda que foi fácil traballar aquí porque sentín sempre un gran apoio de toda a xente”. Visiblemente emocionado, Emilio Lois tivo palabras de agradecemento para a súa muller e a súa familia e confesou que “en Santa Comba tocaba a gaita pero na Baña fíxenme gaiteiro”.

O acto rematou coa actuación dos Gaiteiros da Baña que interpretaron o Himno Galego diante da Casa da Cultura para continuar coa foliada ata a escultura de Daniel García Ramos.

20230517 Banha entrega Premio Letras Galegas a Emilio Lois 14