Imprimir
Categoría: novas
Visto: 559

 

 

A Corporación da Baña celebrou onte o primeiro Pleno ordinario do ano, durante o cal tomou posesión como concelleiro Álvaro Silva Suárez, que se incorpora ao grupo socialista tras a dimisión como concelleira de Mónica González. Na sesión tamén se aprobaron dous recoñecementos extraxudiciais de crédito para pagar facturas pendentes.

Álvaro Silva prometeu o seu cargo de concelleiro e recibiu os parabéns dos tres grupos políticos presentes na Corporación e o aplauso do público presente no salón de plenos. A incorporación de Álvaro Silva provoca tamén a modificación da composición da comisión informativa de asuntos do Pleno e da comisión especial de contas, que agora pasan a estar formadas por 2 concelleiros do PP, 2 do PSdeG e 1 de Compromiso.

Os dous recoñecementos extraxudiciais de crédito para pagar facturas pendentes de 2022 foron aprobados cos votos a favor do equipo de goberno (7 votos de PP e Compromiso) e a abstención do grupo socialista. Neste punto houbo unha forte controversia entre goberno e oposición. Dende o PSdeG, José Antonio Pereira criticou que non se pagaran as facturas en tempo e forma o que “demostra a mala xestión do bipartito”. O alcalde replicoulle que Pereira Gil deixara o Concello sen tesourería por “non saber xestionar a subvención do IDAE e pagar case medio millón de euros en vez de utilizar un endoso. O Concello pagou, pero aínda non cobrou ese medio millón, polo que estamos sen fondos para pagar esas facturas” que forman parte dos dous expedientes aprobados no Pleno.

No apartado de rogos e preguntas houbo outro enfrontamento entre goberno e oposición pola ruta das tapas. Os socialistas criticaron como se xestionou a organización das tapas, por non reunir a todos os locais de hostalaría, que foron poucos os participantes e que non se cumpriran as bases iniciais. Na resposta do equipo de goberno Lorena Trillo criticou a actitude do grupo socialista, e dixo que se falou con todos os locais de hostalaría, que o Concello podía modificar as bases e así o fixo para que participaran todos os establecementos interesados. “O certame levou aos locais a máis de 200 persoas, que participaron no concurso”, dixo Lorena Trillo, e pediulle a voceiro socialista que “vaia falar cos bares e restaurantes participantes a ver que opinan”.

O tenente de alcalde, César Ramos, foi máis aló e díxolle a José Antonio Pereira: “Que o PSOE critique a ruta das tapas di moito da súa agrupación. O que estivo mellor organizado durante a súa etapa na alcaldía foi, sen dúbida, todo o que non fixeron vostedes”.

20230125 Pleno Ordinario Banha tome posesion Alvaro Silva 1