Imprimir
Categoría: novas
Visto: 380

O Concello da Baña dirixiu o pasado luns un escrito ás consellerías de Educación e de Mobilidade para que se solucione inmediatamente o recorrente problema do transporte escolar ao CPI San Vicente. Despois de semanas acumulando queixas, na mañá do pasado luns o autobús que traslada ao alumnado non se presentou ao servizo, obrigando aos usuarios e usuarias a desprazarse por medios particulares.

O luns 16 de maio, o autobús que traslada a parte do alumnado ao CPI San Vicente non apareceu á hora fixada e deixou sen transporte aos nenos e nenas que dependen deste servizo para acudir ás clases. Inmediatamente despois de coñecer esta situación, o Concello da Baña tentou sen éxito recoller información telefónica sobre o sucedido por parte da empresa adxudicataria, Monbus. Ao non conseguir comunicarse deste xeito, o alcalde, José Andrés García Cardeso, dirixiu un escrito tanto á Consellería de Educación como á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta para pedir explicacións sobre unha ausencia que obrigou a que moitas familias tivesen que desprazarse para levar aos estudantes ao centro, co conseguinte trastorno na conciliación.

A xuízo do Concello, é inxustificable tanto o abandono do servizo por parte da empresa como a falta de explicacións en tempo e forma. García Cardeso recorda que Monbus acumula queixas nos últimos meses debido a retrasos recorrentes, que impiden ao alumnado asistir con normalidade ás clases das primeiras horas. Tamén se reportou a utilización de autobuses vellos e en mal estado, con deficiencias de seguridade e mesmo goteiras.

A través do escrito dirixido a Educación e a Mobilidade, o Concello insta á Xunta a tomar cartas no asunto e a actuar con decisión para que estas situacións non se volvan repetir. O alcalde recorda que este servizo está suxeito a un contrato de concesión administrativa que, con faltas coma a vivida o pasado luns, non se está a cumprir.