• Este contrato, que suporá un investimento autonómico de máis de 18.000 euros, conta cun prazo de execución de 8 meses
  • Na actuación tamén deberán resolverse os problemas de drenaxe e saneamento que se están producindo nese tramo

 

A Xunta adxudicou a redacción do proxecto de mellora da accesibilidade e seguridade peonil na estrada AC-444, no concello da Baña.

O contrato, adxudicado á empresa In-Cubed por un importe de máis de 18.000 euros, conta cun prazo de execución de 8 meses.

Trátase de definir as obras necesarias a ambas as marxes da AC-444, na zona do Seilán, co obxecto de conseguir unha mellora da accesibilidade peonil, ante a descontinuidade actual dos espazos reservados para o tránsito peonil no treito situado entre os puntos quilométricos 0+570 e 1+450.

Na actuación proxectada incluirase o desenvolvemento dun itinerario peonil continuo, renovando as beirarrúas ou executando novos treitos.

Na actuación tamén deberán resolverse os problemas de drenaxe e saneamento que se están producindo nese tramo.

O alcalde da Baña considera esta obra "unha acción prioritaria, e así llo trasladamos á Xunta en varias ocasións. Necesitamos mellorar a seguridade peonil nesta zona. Actualmente, as beiravías están moi deterioradas e requiren constantes reparacións nunha zona moi transitada polos peóns. Unha vez se execute esta obra, a situación mellorará considerablemente".

  • Aprobada por unanimidade a declaración institucional propoñendo o catedrático para o premio na categoría de investigación científica e técnica

  • Todos os concelleiros votaron a favor do bono taxi, do impulso ao galego e da OPE extraordinaria para estabilizar o emprego no Concello

  • O cambio do regulamento do PAI saíu adiante cos sete votos a favor do equipo de goberno e a abstención da oposición

 

A Corporación da Baña aprobou hoxe por unanimidade no pleno ordinario do mes de maio unha declaración institucional de apoio á candidatura presentada pola Xunta de Galicia para que Ángel Carracedo sexa premio Princesa de Asturias 2022, na categoría de investigación científica e técnica. O Pleno adoptou esta opción pola “relevancia neste eido do catedrático” natural de Santa Comba “e o orgullo que supón para o conxunto dos e das bañenses e de toda a nosa comarca”.

Tamén por unanimidade aprobáronse as bases reguladoras para a concesión do bono taxi, a OPE para estabilizar o emprego temporal no Concello, a actualización de prezos do proxecto de mellora da estrada entre Vilar da Torre e Paramos, e a ordenanza de impulso ao galego. A modificación do regulamento do Punto de Atención á Infancia (PAI) aprobouse cos 7 votos do equipo de goberno e coa abstención dos catro concelleiros do PSdeG.

As bases reguladoras das convocatorias das subvencións para a concesión do bono taxi na Baña, que teñen por obxectivo facilitar a mobilidade de persoas maiores, con discapacidade, escasos recursos ou non ter coche, serán publicadas no BOP e sometidas a exposición pública durante un mes. No debate, José Antonio Pereira (PSdeG) criticoulle ao goberno que copiasen literalmente a ordenanza presentada polo ex goberno socialista hai un ano.

O alcalde, Andrés García Cardeso, contestoulle que non eran as mesmas bases, xa que as “estas recollen os acordos tomados polos tres grupos políticos nunha reunión mantida coa ex concelleira Mónica González xusto despois do pleno no que se rexeitaron”. Cardeso e César Ramos replicáronlle ao portavoz socialista que despois desa reunión e ata o mes de decembro (cando se celebrou a moción de censura) “non fixera nada para ter en conta eses acordos e modificar as bases”.

A Corporación ratificou por unanimidade a oferta pública de emprego extraordinaria para estabilizar o emprego temporal no Concello da Baña no ano 2022, e as bases xerais que rexerán esta convocatoria específica. Esta OPE vén motivada pola lei 20/2021 de 28 de decembro, que obriga a todas as administracións a aprobar, antes do 1 de xuño, unha convocatoria específica para converter en indefinidos ou fixos a moitos traballadores temporais das administración públicas. No caso da Baña son 28 as prazas temporais que se incluirán nesta convocatoria.

A modificación do regulamento de réxime interno do Punto de Atención á Infancia (PAI), para dar prioridade ás nenas e nenos da Baña de 0 a 3 anos para ter unha praza, saíu adiante cos votos a favor do equipo de goberno e coa abstención do PSdeG. García Cardeso explicou que o cambio ben motivado pola inspección feita en febreiro por Política Social, que detectou deficiencias, e tamén “para dar prioridade ás familias da Baña na solicitude de praza”, engadiu.

“Actualmente, das 20 prazas ocupadas que hai no PAI, só catro corresponden a nenos e nenas censadas na Baña”, sinalou o alcalde. Dende o PSdeG, Mónica González, replicou que todas as prazas se adxudican segundo establece a normativa vixente en cada momento, e que hai menores no PAI que son descendentes de persoas que traballan na Baña.

A modificación de prezos do proxecto para mellorar a estrada que vai de Vilar da Torre a Paramos aprobouse por unanimidade. Esta obra será financiada pola Deputación da Coruña con 375.843,83 mediante unha subvención nominativa e foi o propio organismo provincial quen solicitou a modificación. A subida de prezos dos últimos meses, motivou que o orzamento se incrementase nun 33%, ao pasar de 469.843,83 euros ata os 626.193,25 euros (156.350 euros máis).

A aprobación definitiva da ordenanza para impulsar o uso do galego no Concello da Baña contou co voto a favor dos once concelleiros, o mesmo que a delegación no Concello de Santa Comba das xestións para coordinar o obradoiro dual de emprego no que tamén participan A Baña, Negreira e Val do Dubra.

20220526 Pleno Bana ordinario mayo ALF3794

  • Nos tramos que pasan pola Baña das vías Portomouro-Santa Comba e Negreira-A Pereira o investimento será de 382.574 euros

  • Gonzalo Trenor presentou hoxe en Santa Comba o proxecto

  • As obras tamén beneficiarán aos municipios de Tordoia, Coristanco, Cerceda, Mazaricos e Negreira

  • As empresas interasadas poden presentar ofertas ata o 15 de xuño

20220520 Trenor presenta melloras estradas Bana3 2

delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polos alcaldes da Baña, de Coristanco, de Santa Comba e de Tordoia, anunciou esta mañá un investimento autonómico de 1,5 millóns de euros para levar a cabo obras de reforzo do firme nas estradas AC-400, AC-406 e AC-546. As obras que se realizarán nos tramos que pasan pola Baña da AC-406 (Santa Comba-Portomouro) e da AC-546 (Negreira-A Pereira) suporán un investimento de 382.574,21 euros.

A Xunta vai acometer o reforzo do firme encamiñado a restaurar ou mellorar as características superficiais do pavimentos naqueles treitos que presenten maior grao de deterioro.

Trenor destacou que estas importantes obras, que hoxe se licitan, suporán unha maior seguridade e comodidade aos usuarios que circulan por estas vías, moi frecuentadas, especialmente en temporada de verán. Estas obras, ademais, facilitarán a mobilidade aos habitantes dos municipios onde se realizarán as actuacións: Santa Comba, Tordoia, Coristanco, Cerceda, Mazaricos, A Baña e Negreira. 

O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, amosou a súa satisfacción porque estas obras sexan licitadas xa, “pois a mellora destas dúas estradas é unha reivindicación que ven facendo o Concello da Baña dende hai tempo”.

Os traballos que se van realizar están encamiñados á reparación, rehabilitación e reforzo superficial do firme, adecuándoo ás súas necesidades funcionais e de durabilidade.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe o anuncio da licitación deste contrato, cun investimento de máis de 1,5 millóns. As empresas interesadas na execución das obras teñen ata o vindeiro 15 de xuño para presentar as súas ofertas. Os traballos contan cun prazo de execución de seis meses.

Estas obras están incluídas no Plan de Reforzos de firme que está a desenvolver o Goberno galego desde o convencemento de que priorizar a conservación das estradas autonómicas e investir na súa mellora é “velar pola seguridade dos cidadáns e mellorar os servizos e a calidade de vida de todos os galegos”, subliñou Gonzalo Trenor.

Os vehículos agrícolas da Baña poderán pasar a ITV os vindeiros días 15 e 18 de xullo. A unidade móbil de Inspección Técnica de Agrícolas estará situada os dous días na nave municipal ao carón co colexio de San Vicente. O horario de atención ao público será de 9.00 a 13.30 horas, o venres 15 de xullo. Mentres que o luns 18 de xullo o servizo prestarase de 9.00 a 13.30 horas e de 15.15 a 18.00 horas.

Os interesados en pasar a ITV aos seus vehículos agrarios poderán solicitar cita previa chamando ao número de teléfono 902 30 90 00 ou a través da páxina web de SyCITV, na seguinte ligazón (preme aquí).

20220715 A baña ITV agricolas jpg

O Concello da Baña dirixiu o pasado luns un escrito ás consellerías de Educación e de Mobilidade para que se solucione inmediatamente o recorrente problema do transporte escolar ao CPI San Vicente. Despois de semanas acumulando queixas, na mañá do pasado luns o autobús que traslada ao alumnado non se presentou ao servizo, obrigando aos usuarios e usuarias a desprazarse por medios particulares.

O luns 16 de maio, o autobús que traslada a parte do alumnado ao CPI San Vicente non apareceu á hora fixada e deixou sen transporte aos nenos e nenas que dependen deste servizo para acudir ás clases. Inmediatamente despois de coñecer esta situación, o Concello da Baña tentou sen éxito recoller información telefónica sobre o sucedido por parte da empresa adxudicataria, Monbus. Ao non conseguir comunicarse deste xeito, o alcalde, José Andrés García Cardeso, dirixiu un escrito tanto á Consellería de Educación como á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta para pedir explicacións sobre unha ausencia que obrigou a que moitas familias tivesen que desprazarse para levar aos estudantes ao centro, co conseguinte trastorno na conciliación.

A xuízo do Concello, é inxustificable tanto o abandono do servizo por parte da empresa como a falta de explicacións en tempo e forma. García Cardeso recorda que Monbus acumula queixas nos últimos meses debido a retrasos recorrentes, que impiden ao alumnado asistir con normalidade ás clases das primeiras horas. Tamén se reportou a utilización de autobuses vellos e en mal estado, con deficiencias de seguridade e mesmo goteiras.

A través do escrito dirixido a Educación e a Mobilidade, o Concello insta á Xunta a tomar cartas no asunto e a actuar con decisión para que estas situacións non se volvan repetir. O alcalde recorda que este servizo está suxeito a un contrato de concesión administrativa que, con faltas coma a vivida o pasado luns, non se está a cumprir.