• Nos cinco expedientes extraxudiciais de crédito para pagar a provedores, facturas por máis de 720.000 euros tiñan algún tipo de reparo dende Intervención

  • O alcalde destaca a boa xestión do goberno municipal para facer fronte en oito meses a situación económica que deixou o anterior bipartito

  • O importe do POS+ ascende a 425.000 euros, dos que se destinarán 239.000 a gasto corrente e 185.000 para facer obras

  • O POS+ Adicional para gastos sociais extraordinarios ascende a 68.468 euros

  • Aprobados definitivamente os orzamentos municipais de 2024 e a ordenanza do PAI

O Pleno da Corporación da Baña aprobou onte de forma definitiva os orzamentos municipais para 2024, a ordenanza reguladora do Punto de Atención á Infancia (PAI) e o POS+ Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña, así como cinco expedientes extraxudiciais de crédito para pagar facturas a provedores que ascenden a preto de 700.000 euros. O alcalde, José Antonio Pereira, destacou a boa xestión do goberno municipal “que en oito meses foi quen de reducir case á metade a débeda que deixou no Concello o goberno de PP e Compromiso, que ascendía a 1,6 millóns de euros cando chegamos á alcaldía”, dixo.

Na sesión de onte tamén se aprobou o POS+ Adicional para gastos sociais extraordinarios (68.000 euros) e a nova composición da mesa de contratación, que pasará a estar presidida polo alcalde e formada por 3 vogais (o secretario-interventor municipal e dous funcionarios). O secretario da mesa será outro funcionario. “Como alcalde, poderei delegar a presidencia noutro membro da Corporación cando o considere oportuno”, dixo Pereira Gil.

Os orzamentos municipais para 2024 quedaron definitivamente aprobados ao non presentarse alegacións, igual que a ordenanza reguladora do PAI, tras ser atendida a única aportación remitida pola cidadanía. Tamén se aprobou a política de seguridade do Concello, despois de que A Baña se adherise á Oficina Técnica de Ciberseguridade Provincial da Deputación da Coruña.

En canto ao Plan de Obras de Servizos (POS+), Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña, que no caso da Baña ascende a 425.482 euros, a Corporación aprobou destinar 239.639 euros a financiar gasto corrente e 185.842 euros para facer obras.

Na relación de obras incluídas nos POS+ figura a mellora do primeiro treito do camiño de Monelos, “que estamos obrigados a urbanizar por sentenza xudicial, polo que incluímos unha partida de 48.370 euros para arranxar o primeiro tramo”, explicou José Antonio Pereira. Tamén se reforzará o firme no viario de Nantón a Buchaín, con 137.472 euros. Outra parte deste viario está incluída no POS+ Complementario “para poder completar a obra”, segundo explicou o alcalde. O plan complementario do POS+, que ascende a 121.000 euros, inclúe tamén a mellora de viarios en Vilar da Torre e a mellora da capa de rodaxe da pista de Cerdeiras (Corneira).

O primeiro Pleno ordinario do ano na Baña tamén aprobou o POS+ Adicional para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2024, que ascende a 68.468 euros. Un montante que se distribúe en 24.968 euros para reforzo ou ampliación do persoal técnico dos Servizos Sociais do Concello, 6.000 para axudas de emerxencia, 35.000 euros para ampliar o servizo de axuda a domicilio e 2.500 euros para aluguer de equipamento técnico asistencial para cesión de uso ás persoas que o necesiten.

20240207 Pleno Banha POS facturas 01

  • O obxectivo é facilitar a conciliación das familias durante estas festas

  • Está dirixido ás crianzas escolarizadas ata os 13 anos

  • As persoas interesadas poderán inscribirse ata o mércores 7 de febreiro e reservar praza chamando ao 981 81 76 05 ou enviando unha mensaxe ao 629 15 40 51

20240130 Obradoiros de entroido A Banha

O Concello da Baña, a través da Concellería de Acción social, cultura e servizo sociais, organiza entre os días 12 a 14 de febreiro os Obradoiros de Entroido co obxectivo de facilitar a conciliación das familias durante estas festas.

As nenas e os nenos da Baña escolarizados ata os 13 anos poderán gozar de diferentes actividades de carácter gratuíto que se desenvolverán na Axencia de Lectura, situada na Casa da Cultura, en horario de 8.00 a 14.00 horas.

As manualidades coa temática do Entroido, a confeccións de máscaras e os diversos xogos, entre outras actividades, formarán parte da rutina durante estas tres xornadas.

As persoas interesadas en participar poderán inscribirse, de balde, ata o mércores 7 de febreiro. Poderase reservar praza chamando ao 981 81 76 05 ou enviando unha mensaxe ao 629 15 40 51.

  • As obras consistiron na revisión da cuberta, a limpeza da fachada exterior e a instalación de luminarias LED

  • Confírmase a incorporación dunha enfermeira ao persoal do centro e o Concello subliña a necesidade de reforzar o servizo de pediatría

20231218 FOTOXUNTA Visita centro saude 3O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado pola xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez, o alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil, e a tenente de alcalde, Mónica González, supervisaron as obras realizadas no centro de saúde. Estas melloras, cun orzamento superior a 48.000 €, foron posibles grazas a un convenio entre a Xunta e o Concello bañense.

O Concello da Baña encargouse da coordinación técnica e da execución das obras, que incluíron a substitución das luminarias por outras de tecnoloxía LED para aforrar enerxía, a limpeza da fachada exterior e unha revisión da cuberta.

Tamén participaron na visita a directora de Recursos Económicos da área sanitaria de Santiago, María José López Rebollo; o director de Atención Primaria, Felipe Calle; e o portavoz local do PP, Andrés García Cardeso.

Reforzar o servizo de pediatría 

Por outra banda, confirmouse a incorporación dunha nova enfermeira ao persoal do centro sanitario. Os representantes do goberno local insistiron tamén na necesidade de reforzar o servizo de pediatría, que só conta cun facultativo dous días á semana. Esta reivindicación xa fora expresada por parte do Concello na reunión mantida a comezos de setembro con Eloína Núñez e facultativos do centro de saúde da Baña.

 

  • As contas foron aprobadas cos votos do equipo de goberno e a abstención do PP

  • Rexeitada a RPT cos votos en contra de PP e BNG

 

 

O Concello da Baña contará en 2024 cun “presupostos austeros e realistas” de 3,9 millóns de euros que permitirán “pagar as débedas de máis dun millón de euros que nos deixou o anterior goberno”, segundo explicou o alcalde, José Antonio Pereira, no Pleno celebrado onte. As contas foron aprobadas cos votos a favor do equipo de goberno (PSdeG e BNG) e a abstención da oposición. A Corporación rexeitou a RPT cos votos en contra de PP e BNG.

Os presupostos aprobados onte son lixeiramente inferiores aos do presente exercicio. “Son un presupostos austeros e realistas, que nos permitirán pagar a débeda que herdamos do anterior goberno, que manteñen as axudas a colectivos sociais”, nos que se engade unha subvención de 12.000 euros para a Festa da Filloa e outra partida de 300.000 euros para a mellora da estrada entre Vilar da. Torre e Paramos, segundo explicou José Antonio Pereira.

Na mesma liña incidiu a tenente de alcalde, Mónica González, ao asegurar que estas contas “permitirán pagar servizos básicos e as facturas pendentes a pequenos provedores”.

Dende o PP, Andrés García Cardeso votou en falta a desagregación das inversións, pero dixo que o seu grupo “quería ser construtivo” e adiantou a abstención.

A maior partida de ingresos dos presupostos da Baña para 2024 proceden das transferencias correntes doutras administracións (2,52 millóns de euros). Os impostos directos (639.000 euros), as taxas e prezos públicos (334.000) e as transferencias de capital (307.000) son as outras partidas máis relevantes.

Polo que se refire aos gastos, a maior parte destínanse a pagar dos gastos correntes e servizos que recibe a veciñanza (1,74 millóns de euros) o para gastos de persoal (1,43 millóns). Para investimentos reais resérvanse 491.000 euros e outros 191.000 para transferencias correntes.

Rexeitada a RPT

Non houbo o mesmo consenso na aprobación da RPT (relación de postos de traballo). O alcalde dixo que despois de varios anos de traballo e negociación cos sindicatos e traballadores, presentábase presentaba un documento moi importante para organizar o traballo do persoal municipal, que busca a eficiencia da administración local, e a mellora as condicións dos traballadores, creando incluso novos postos de traballo. Para José Antonio Pereira este é un “documento vivo, que se pode mellorar, e que está consensuado cos representantes dos traballadores. Na última mesa de negociación aclaráronse moitas dúbidas”, dixo.

Dende o PP pediron retirar o punto da orde do día para seguir negociando e buscar o consenso con traballadores e sindicatos. Mónica González (BNG) dixo que a RPT non cumpre coa optimización dos recursos humanos dos que dispón o concello, que ten incongruencias e que non ten o respaldo da maioría dos traballadores municipais.

Ao sometela a votación, o PSdeG (5) votou a favor e o PP (5) e BNG (1) votaron en contra, polo que a RPT foi rexeitada.

 

20231222 Banha pleno presupostos e RPT 3

  • O pavillón de San Vicenzo acollerá entre as 12.00 e as 20.00 horas a oitava edición deste mercado

  • O talento local estará representado polas agrupacións da Escola de Música Tradicional e por un grupo musical do CPI San Vicente

  • A actuación do Mago Teto e unha exhibición de ximnasia rítmica e acrosport de AFA Avania completan a oferta lúdica da xornada

  • A xornada comezará na Escola de Música Emilio Andújar co concerto de Nadal de alumnado e profesorado

20231217 cartel nadal web completoO vindeiro domingo, 17 de decembro, o pavillón municipal de San Vicenzo acollerá a oitava edición do Mercadiño de Nadal da Baña. Dende as 12 do mediodía e ata as 8 da tarde, veciñanza e visitantes poderán desfrutar dunha variada oferta de artesanía, produtos de alimentación e doces típicos desta época, nun ambiente festivo con música, maxia e mesmo coa agardada visita de Papá Noel. A xornada festiva dominical comezará ás 11.00 horas co festival de Nadal na Escola de Música Emilio Andújar.

Este encontro estase a converter nunha cita imprescindible na comarca. Ademais de ofrecer a oportunidade de mercar agasallos únicos e deliciosos produtos propios do Nadal, tamén conta cun amplo programa de actividades e espectáculos que busca entreter a toda a familia ao tempo que pon en valor o talento local.

A primeira das actuacións chegará á unha do mediodía da man dos gaiteiros da Escola de Música Tradicional (EMT) da Baña. Ás catro da tarde será a agrupación de pandeireteiras da mesma escola quen anime o ambiente no mercado. Ademais, no transcurso do Mercadiño terá lugar a presentación dun novo proxecto da EMT da Baña: CantoEncanto.

Seguindo coa promoción do talento local, ás catro e media da tarde comezará a exhibición e ximnasia rítmica e acrosport do alumnado destas actividades extraescolares do CPI San Vicente, grazas á colaboración de AFA Avania, a asociación de familias do centro bañense. Tamén do CPI San Vicente procede o grupo musical Willi Wonka e as Umpalumpas, que de seguro sorprenderá coa súa actuación, a partir das cinco da tarde. O Concello da Baña agradece a implicación do colexio na organización do Mercadiño de Nadal, que contará tamén cunha decoración elaborada polo alumnado e profesorado do centro.

Ademais da música e das exhibicións deportivas, a maxia tamén estará presente. O Mago Teto ofrecerá un espectáculo de ilusionismo para todos os públicos ás 17.30 horas. Pequenas grandes maxias, o que en palabras do autor é o seu espectáculo máis persoal despois de 29 anos percorrendo os camiños do mundo, chegará á Baña grazas á colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

E, como colofón á festa, Papá Noel atenderá os desexos de nenas e nenos. A súa chegada ao Mercadiño de Nadal da Baña tras unha longa viaxe dende o Polo Norte está prevista para as seis e media da tarde.

Empaquetado solidario

Ao igual que en edicións anteriores, no Mercadiño de Nadal da Baña haberá un posto de empaquetado solidario para que todas aquelas persoas que merquen nalgún dos postos poidan levar o seu agasallo ben preparado, ao tempo que colaboran cunha causa solidaria. Este ano, os cartos recadados destinaranse a colaborar coa Asociación Española contra o Cancro.

Festival de Nadal

Por outra banda, alumnado e profesorado da Escola de Música Emilio Andújar ofrecerá un concerto este domingo 17 de decembro, a partir das 11.00 horas. O festival de Nadal traerá sons propios destas datas á sede da escola municipal de música.