• Anuncia cortes de tráfico ao longo da mañá polo percorrido da proba e solicita que non se aparquen vehículos na praza do Concello 

O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, ven de asinar un bando no que solicita a colaboración veciñal para o desenvolvemento da I Carreira San Vicenzo. A proba, con saída e chegada na praza do Concello, celebrarase este domingo, 22 de xaneiro, coincidindo co Patrón da Baña, de 12.00 a 14.00 horas.

Por ese motivo,  no bando o Concello pide á veciñanza que non aparque os seus vehículos na praza do Concello ao longo da mañá do domingo, nin nas súas inmediacións. Tamén se solicita comprensión veciñal respecto dos cortes de tráfico que se producirán ao paso da carreira nos lugares de San Vicenzo, Vesía, Guende, Xasoso, O Castro, Señor e A Castiñeira.

A I Carreira San Vicenzo, non competitiva e de 4 quilómetros, está organizada pola Concellaría de Promoción da Vida Activa e Deporte e terá como padriño o karateka Nicolás Carnota. Haberá medallas para todos os participantes e, ao rematar a proba haberá sesión vermú a cargo do Dúo Rosán. Os máis cativos poderán gozar nos inchables na liña de meta e tomar chocolate quente.

  • O Concello achegou 8.000 euros para acondicionar as instalacións //

  • O alcalde considéraas unha “infraestrutura deportiva de calidade que está a ter xa moita demanda” //

  • César Ramos: “O Concello fixo un investimento importante para ampliar a oferta deportiva municipal” //

20230111 Diego Calvo inaugura pistas padel Lanhas 1

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo alcalde da Baña, Andrés  García Cardeso, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e o tenente de alcalde César Ramos, visitou hoxe o pavillón polideportivo de Lañas, para comprobar as melloras realizadas co apoio da Xunta e que permitiron a construción de dúas pistas de pádel. A obra supuxo un investimento de 47.589,30 euros, dos que o Goberno galego achegou 40.000 e o Concello, 7.589,30 euros.  

Segundo sinalou Diego Calvo, a través desta iniciativa a Xunta quere facilitarlle á veciñanza da Baña a práctica deportiva nun espazo axeitado, que contribúa ademais a impulsar o aproveitamento do polideportivo municipal.

Andrés García Cardeso destacou que coas pistas de pádel dáselle un “xiro importante ao uso do polideportivo de Lañas para practicar un deporte que está de moda”. O alcalde destacou que o investimento realizado permite “crear unha infraestrutura deportiva de calidade que está a ter xa moita demanda”, como corroboran as numerosas chamadas que se están a recibir no Concello para participar nas xornadas de portas abertas da vindeira fin de semana. García Cardeso tivo palabras de agradecemento para a Secretaría Xeral para o Deporte e a Vicepresidencia Segunda por apoiar a iniciativa do Concello da Baña.

No mesmo senso se manifestou o tenente de alcalde e concelleiro de Promoción da Vida Activa e Deporte, César Ramos, que destacou o “importante investimento feito pola Xunta e o Concello para ampliar as modalidades deportivas que se ofertan na Baña, sobre todo nunha disciplina que está tendo moita demanda entre a poboación”.

20230111 Diego Calvo inaugura pistas padel Lanhas 4

Dúas pistas

Coa inauguración das instalacións dáselle cumprimento aos obxectivos do convenio de colaboración asinado o pasado ano entre Xunta e Concello da Baña para a reestruturación do polideportivo de Lañas, coa creación das pistas de pádel. As obras consistiron na nivelación do pavimento e no levantamento do recinto para a colocación dunha estrutura autoportante con frontes de vidro temperado e puntos de iluminación con focos LED. As obras, que comezaron a mediados de decembro, foron executadas pola empresa Sport Equipalias.

Durante a visita, o vicepresidente segundo incidiu na aposta do Goberno galego pola creación de novas instalacións deportivas e a mellora das existentes, para o que se investirán neste ano 18 millóns de euros nas catro provincias galegas. Búscase así fomentar o deporte base e poñer á disposición da cidadanía infraestruturas municipais que lles garantan servizos de calidade a todos os galegos, con independencia do seu lugar de residencia.

Para Diego Calvo, a colaboración coas administracións locais para o fomento do deporte no ámbito municipal permite darlle resposta ao crecente interese da sociedade na práctica deportiva. Nesta liña, recoñeceu o labor do Concello da Baña como impulsor deste proxecto que lle facilita á veciñanza a posibilidade de levar unha vida saudable.

20230111 Diego Calvo inaugura pistas padel Lanhas 9

Xornadas de portas abertas

Para dar a coñecer as pistas de pádel, o Concello da Baña organizou esta fin de semana dúas xornadas de portas abertas os días 14 e 15 de xaneiro para quen queira practicar este deporte.

As persoas que desexen xogar e probar as novas pistas deberán facer, de xeito gratuíto, a reserva de hora chamando ao teléfono 669 368 413 e indicar o tramo horario que prefiren (a reserva será dun máximo de 90 minutos por persoa). Para facer a reserva deberán chamar de 10.00 a 14.00 horas ata o vindeiro venres.

As pistas estarán abertas ao público de 09.00 a 23.00 horas o sábado, día 14, e o domingo día 15.

A partir do 23 de xaneiro, o pádel incorporarase a oferta das escolas deportivas municipais que oferta a Concellería de Promoción da Vida Activa e Deporte do Concello da Baña.

20230122 Carreira San Vicenzo

O Concello da Baña, a través da Concellaría  de Promoción da Vida Activa e Deporte, organiza o 22 de xaneiro, coincidindo con día de San Vivenzo, patrón da Baña, a I Carreira de San Vicenzo. A proba deportiva, de catro quilómetros e de carácter non competitivo, vén a substituír a San Silvestre 2022 que ía celebrarse o pasado 31 de decembro e que tivo que ser suspendida polo mal tempo.

A I Carreira de San Vicenzo terá como padriño ao karateka Nicolás Carnota, segundo avanzou o concelleiro de Promoción da Vida Activa e Deporte, César Ramos.

A proba deportiva saíra dende a praza do Concello, ás 12.30 horas. Haberá medallas para todos os participantes e, ao rematar a carreira, haberá sesión vermú a cargo do Dúo Rosán.

As persoas que desexen participar poderán formalizar a súa inscrición, de xeito totalmente gratuíto, ata o venres, día 20 de xaneiro, ás 14.00 horas. Para poder anotarse abonda con mandar un correo a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou un watsapp ao número de  teléfono 669 368 413, especificando o nome e apelidos da persoa que participa, o seu DNI e a idade (en caso de menores). Os menores de 12 anos deberán correr na compaña dunha persoa adulta.

  • O Conselleiro visitou hoxe o centro escolar onde explicou ás actuacións á comunidade educativa //

  • O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, destaca a nova e subliña que “a obra é unha realidade, a pesar de que algúns pensaban que vendíamos fume” //

  • Acometeranse traballos nas cubertas e fachadas para mellorar a impermeabilización, na carpintería exterior e renovaranse 121 ventás e 300 luminarias, entre outras actuacións //

  • A previsión é adxudicar as obras en tres meses, para telas rematadas cara o inicio do vindeiro curso escolar //

20230110 Conselleiro Educacion visita Banha anuncia obras CPI san vicente 4

A Xunta vén de sacar hoxe a licitación as obras de rehabilitación integral do Colexio Público Integrado de San Vicente da Baña. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, na visita que cursou esta mañá, acompañado polo alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, ao centro educativo onde tivo lugar a presentación do proxecto. As obras, que teñen como obxectivo fundamental, mellorar a eficiencia enerxética do edificio escolar, están presupostadas en 1.161.179,44 euros. Ademais da directiva do centro escolar, tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, o tenente de alcalde da Baña, César Ramos, e o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, entre outros.

Para o alcalde da Baña, o anuncio de Educación “é unha moi boa nova; os nenos e as nenas da Baña terán unhas infraestruturas educativas en condicións”, dixo o mandatario. Andrés García Cardeso tamén quixo remarcar que “a rehabilitación integral do CPI de San Vicente da Baña é unha realidade,  en contra da opinión do que algúns pensaban de que este goberno municipal vendía fume”.

A previsión inicial é adxudicar as obras en tres meses e iniciar os traballos o antes posible, tendo en conta que o groso das actuacións están previstas durante o verán,  “de tal xeito que poidan estar finalizadas entre setembro ou outubro”, indicou o alcalde.

20230110 Conselleiro Educacion visita Banha anuncia obras CPI san vicente 8

Segundo explicou Román Rodríguez, entre as actuacións previstas inclúense traballos nas cubertas e fachadas para mellorar a impermeabilización da estrutura e tarefas de carpintería exterior. Tamén se actuará nos acabados interiores e nas instalacións (aseos, instalación eléctrica e iluminación) e renovaranse un total de 121 ventás e 300 luminarias.

“Queremos renovar e acondicionar o colexio adaptándonos ás novas necesidades do alumnado e profesorado e seguindo as pautas do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que, cun investimento de 191 millóns, estamos facendo máis confortable e sustentables os centros escolares galegos”, remarcou o conselleiro de Educación.

20230110 Conselleiro Educacion visita Banha anuncia obras CPI san vicente 9

Cómpre subliñar que a rehabilitación integral do CPI de San Vicente da Baña súmase ás actuacións efectuadas pola da Xunta neste centro escolar nos últimos anos e nos que, segundo explicou o titular de Educacións, contribuíu a solucionar problemas ocasionados na cuberta, o acondicionamento do aseo para o alumnado con necesidades especiais e os arranxos na zona escolar, entre outros.

Tras explicar os pormenores das obras previstas, o conselleiro, acompañado polo alcalde e demais autoridades visitaron un par de aulas do centro, onde interactuaron co alumnado.

20230110 Conselleiro Educacion visita Banha anuncia obras CPI san vicente 10

  • Melchor, Gaspar e Baltasar escoitaron as peticións das nenas e dos nenos no polideportivo municipal //

20230105 reis magos banha corporacion

As Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente chegaron puntuais a súa cita coas crianzas da Baña, sementando ao seu paso ilusión e maxia. Nenas e nenos, cos nervios a flor de pel, ledos e expectantes, esperaban ansiosos no polideportivo municipal ao séquito real.

20230105 reis magos banha espectaculo circando 1

Para facer a espera un pouco máis amena, o Concello programou o espectáculo Circando; unha proposta de circo de rúa que fixo gozar ao público de todas as idades e na que o fío condutor non foi outro que a maxia e a ilusión propias dunha xornada tamén máxica.

20230105 reis magos banha espectaculo circando

Os Reis Magos cumpriron co programa previsto. A súa aparición, apenas pasadas as 17.30 horas, veu precedida de aplausos e gritos de xúbilo. Antes de recibir as peticións dos nenos e das nenas, as súas confidencias e os desexos de última hora, o alcalde, Andrés García Cardeso, acompañado por membros da Corporación Municipal, recibiu a Melchor, Gaspar e Baltasar. García Cardeso agradeceu ás Súas Maxestades que fixeran un oco na súa apertada axenda nunha xornada tan intensa como a de hoxe para vir á Baña.

20230105 reis magos banha recepcion ninhos 2

Cada unha das nenas e cada un dos nenos presentes tivo a oportunidade de falar co seu rei mago favorito, tomar unha fotografía e recibir, como anticipo da noite máis máxica do ano, un agasallo. E tamén, degustar un chocolate ben quentiño para amornar os nervios e recuperar forzas.

20230105 reis magos banha ambiente