• A concelleira de Normalización Lingüística da Baña, Lorena Trillo, asistiu á gala celebra en Carballo //

  • Toxío impúxose na categoría de Canle e Histérikas Histórikas como Youtubeira revelación //

  • 'Eduardita’, de Piratas sen parche, recibe o Premio Vídeo; Pingando-Laura Veiga o Pioneiro; Loba Today o de Rede; a canle Falemos do Reino de Galicia, o de Calidade Lingüística e o vídeo de Xabi Gómez ‘Bembibre coas Tanxugueira’, o do Público //

fotofamilia youtubeiras2022 WEB

A concelleira de Normalización Lingüística da Baña, Lorena Trillo, asistiu o sábado, 28 de xaneiro, á gala de entrega dos Premios Youtubeiras, celebrada no Pazo da Cultura de Carballo. Os Premios Youtubeiras, que chegaron á súa sexta edición, están organizados polos servizos de Normalización Lingüística dos Concellos da Baña, Rois, Ames, Carballo, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo, e da Deputación da Coruña.

Un total 22 propostas finalistas, das 75 canles que se presentaron, competían por un dos oitos galardóns dos Premios Youtubeiras..

O xurado, composto por Mario Brión, Mónica Fernández Valencia, Carmen Nieto, Elvira Nercellas e Alba Rodríguez outorgou o Premio Youtubeiro do ano a Neeumatiko, de quen o xurado destacou o seu carácter de “referente do youtube en galego” e a alta capacidade comunicativa e lingüística do youtubeiro.

O premio á Canle foi Toxío para pola “súa alta calidade comunicativa, técnica e estética e a continuidade e periodicidade dos contidos cun dominio emocional e ético”. Mentres que Histérikas Histórikas álzase co de Youtubeira revelación por “por unha forma fresca de presentar contidos, cunha alta repercusión e cun formato innovador no youtube en galego”, segundo remarcou o xurado.

O Premio Vídeo levouno Piratas sen parche polo vídeo Eduardita, de quen o xurado puxo en valor a “calidade técnica, creatividade e orixinalidade á hora de transmitir mensaxes”.

A canle Falemos do Reino de Galicia recibiu o galardón de Calidade Lingüística pola “súa capacidade para manter os trazos dialectais nun rexistro culto e normativo”, segundo remarcou na acta o xurado. Mentres que Pingando-Laura Veiga foi galardoada co de Pioneiro, por “introducir unha nova temática na Rede galega” dun xeito innovador e atractivo.

“Pola súa constancia para fortalecer a comunidade virtual galega, por crear e manter vínculos e asociacións” o xurado otorgou o Premio Pioneiro á Lobeira Today. Mentres que o galardón do público foi para o vídeo Bembibre coas Tanxugueiras, de Xabi Gómez.

Todos os premios conta cunha dotación económica de 1.000 euros, agás o Premio do Público que dispón de 500 euros. En total repartíronse 7.500 euros en premios e as persoas gañadoras recibiron tamén un diploma e unha medalla simbólica deseñada para a ocasión por Nahuel Pérez.

Á gala foi conducida por Cristina Collazo e contou coa actuación musical de LaMontagne e PicoAmerio

Nesta ligazón podes ver os vídeos e as canles gañadoras dos Premios Youtubeiras 2022:

https://youtubeiras.gal/novas.php?k=34061

  • Aprobados dous recoñecementos extraxudiciais de crédito para pagar facturas pendentes

 

 

A Corporación da Baña celebrou onte o primeiro Pleno ordinario do ano, durante o cal tomou posesión como concelleiro Álvaro Silva Suárez, que se incorpora ao grupo socialista tras a dimisión como concelleira de Mónica González. Na sesión tamén se aprobaron dous recoñecementos extraxudiciais de crédito para pagar facturas pendentes.

Álvaro Silva prometeu o seu cargo de concelleiro e recibiu os parabéns dos tres grupos políticos presentes na Corporación e o aplauso do público presente no salón de plenos. A incorporación de Álvaro Silva provoca tamén a modificación da composición da comisión informativa de asuntos do Pleno e da comisión especial de contas, que agora pasan a estar formadas por 2 concelleiros do PP, 2 do PSdeG e 1 de Compromiso.

Os dous recoñecementos extraxudiciais de crédito para pagar facturas pendentes de 2022 foron aprobados cos votos a favor do equipo de goberno (7 votos de PP e Compromiso) e a abstención do grupo socialista. Neste punto houbo unha forte controversia entre goberno e oposición. Dende o PSdeG, José Antonio Pereira criticou que non se pagaran as facturas en tempo e forma o que “demostra a mala xestión do bipartito”. O alcalde replicoulle que Pereira Gil deixara o Concello sen tesourería por “non saber xestionar a subvención do IDAE e pagar case medio millón de euros en vez de utilizar un endoso. O Concello pagou, pero aínda non cobrou ese medio millón, polo que estamos sen fondos para pagar esas facturas” que forman parte dos dous expedientes aprobados no Pleno.

No apartado de rogos e preguntas houbo outro enfrontamento entre goberno e oposición pola ruta das tapas. Os socialistas criticaron como se xestionou a organización das tapas, por non reunir a todos os locais de hostalaría, que foron poucos os participantes e que non se cumpriran as bases iniciais. Na resposta do equipo de goberno Lorena Trillo criticou a actitude do grupo socialista, e dixo que se falou con todos os locais de hostalaría, que o Concello podía modificar as bases e así o fixo para que participaran todos os establecementos interesados. “O certame levou aos locais a máis de 200 persoas, que participaron no concurso”, dixo Lorena Trillo, e pediulle a voceiro socialista que “vaia falar cos bares e restaurantes participantes a ver que opinan”.

O tenente de alcalde, César Ramos, foi máis aló e díxolle a José Antonio Pereira: “Que o PSOE critique a ruta das tapas di moito da súa agrupación. O que estivo mellor organizado durante a súa etapa na alcaldía foi, sen dúbida, todo o que non fixeron vostedes”.

20230125 Pleno Ordinario Banha tome posesion Alvaro Silva 1

 

  • Anuncia cortes de tráfico ao longo da mañá polo percorrido da proba e solicita que non se aparquen vehículos na praza do Concello 

O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, ven de asinar un bando no que solicita a colaboración veciñal para o desenvolvemento da I Carreira San Vicenzo. A proba, con saída e chegada na praza do Concello, celebrarase este domingo, 22 de xaneiro, coincidindo co Patrón da Baña, de 12.00 a 14.00 horas.

Por ese motivo,  no bando o Concello pide á veciñanza que non aparque os seus vehículos na praza do Concello ao longo da mañá do domingo, nin nas súas inmediacións. Tamén se solicita comprensión veciñal respecto dos cortes de tráfico que se producirán ao paso da carreira nos lugares de San Vicenzo, Vesía, Guende, Xasoso, O Castro, Señor e A Castiñeira.

A I Carreira San Vicenzo, non competitiva e de 4 quilómetros, está organizada pola Concellaría de Promoción da Vida Activa e Deporte e terá como padriño o karateka Nicolás Carnota. Haberá medallas para todos os participantes e, ao rematar a proba haberá sesión vermú a cargo do Dúo Rosán. Os máis cativos poderán gozar nos inchables na liña de meta e tomar chocolate quente.

  • A entrega dos premios terá lugar este sábado 28 de xaneiro en Carballo nunha gala conducida pola actriz Cristina Collazo //

  • Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística do Concello da Baña e doutros 11 concellos máis, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña //

20230124 Rolda youtubeiras web 1

Os Premios Youtubeiras, organizados polos servizos de normalización lingüística do Concello da Baña, e doutos 11 concellos máis, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña, darán a coñecer este sábado 28 de xaneiro, aos gañadores e gañadoras da sexta do certame. Será no transcurso dunha gala que se celebrará no Pazo da Cultura de Carballo, ás 20.00 horas, e que estará conducida pola actriz, guionista e narradora oral Cristina Collazo, con música de LaMontagne e PicoAmperio. Un total de 22 propostas finalistas aspiran a gañar este concurso nalgunha das súas oito categorías (canle canle, youtubeira/o, revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público).

En total, o certame repartirá 7.500 euros en premios entres as persoas gañadoras, que tamén recibirán un diploma acreditativo e unha medalla simbólica deseñada para a ocasión por Nahuel Pérez.

Así o avanzou a organización no transcurso dunha rolda de prensa celebrada hoxe en Carballo e na que participaron a coordinadora do Proxecto Youtubeiras, Carme Pereiro; o concelleiro de Cultura e Deportes carballés, Marcos Trigo, a presentadora da gala Cristina Collazo, presentadora da gala; e gañador do Premio Youtubeira/o 2021 e membro do xurado, Mario Brión (Olaxonmario).

Para o concelleiro de Cultura e Deportes carballés os Premios Youtubeiras “son unha iniciativa que fomenta o uso da nosa lingua nunha xanela fundamental para comunicarnos, para mirarnos e para mirar o futuro: a creación de contidos na Rede”. Marcos Tribo tamén destacou a colaboración institucional entre as diversas administracións na creación, organización e desenvolvemento do proxecto Youtubeiras. E destacou a elevada participación deste ano no certame, que contabilizou un total de 75 canles, moitas delas de recente creación.

Pola súa banda, Carme Pereiro indicou que á espera dunha análise polo miúdo das cifras de 2022, na edición anterior as canles presentadas aglutinaban “2.600 vídeos, máis de 40.000 subscricións e máis de 2.743.000 visualizacións. Son números que dan boa conta do volume que acada a comunidade creadora de contidos na nosa lingua na Rede”.

Mentres que Cristina Collazo avanzou que a gala deste sábado será “dinámica e interactiva” e estará “chea de sorpresas”. Collazo indicou que o público terá “un gran protagonismo” e fomentarase a “participación do patio de butacas. A actriz avanzou

Finalmente, Mario Brión destacou o amplo traballo que tivo que desenvolver o xurado este ano, a diversidade temática desta edición e o complexo que resultou acordar o palmarés que se desvelará ese sábado durante a gala. E, rematou salientado o traballo das canles participantes, polo seu esforzo e por tecer comunidade na creación dixital en galego.

Cómpre subliñar que o xurado da edición dos Premios Youtubeiras 2022 estivo conformado ademais de por Mario Brión, por Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense e coordinadora de Youtubeiras nas primeiras catro edicións; Carmen Nieto, dinamizadora e formadora no eido das novas tecnoloxías e promotora da canle Teño unha horta en San Sadurniño; Elvira Nercellas, estudante e integrante do Grupo por unha Medicina en Galego, e Alba Rodríguez, administrativa que deu a coñecer o seu cambio de lingua a través de Twitter no ano 2018.

Podes ver a os vídeos e canles finalista nesta ligazón:

https://youtubeiras.gal/novas/FINALISTAS%20DOS%20PREMIOS%20YOUTUBEIRAS%202022/

  • O Concello achegou 8.000 euros para acondicionar as instalacións //

  • O alcalde considéraas unha “infraestrutura deportiva de calidade que está a ter xa moita demanda” //

  • César Ramos: “O Concello fixo un investimento importante para ampliar a oferta deportiva municipal” //

20230111 Diego Calvo inaugura pistas padel Lanhas 1

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo alcalde da Baña, Andrés  García Cardeso, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e o tenente de alcalde César Ramos, visitou hoxe o pavillón polideportivo de Lañas, para comprobar as melloras realizadas co apoio da Xunta e que permitiron a construción de dúas pistas de pádel. A obra supuxo un investimento de 47.589,30 euros, dos que o Goberno galego achegou 40.000 e o Concello, 7.589,30 euros.  

Segundo sinalou Diego Calvo, a través desta iniciativa a Xunta quere facilitarlle á veciñanza da Baña a práctica deportiva nun espazo axeitado, que contribúa ademais a impulsar o aproveitamento do polideportivo municipal.

Andrés García Cardeso destacou que coas pistas de pádel dáselle un “xiro importante ao uso do polideportivo de Lañas para practicar un deporte que está de moda”. O alcalde destacou que o investimento realizado permite “crear unha infraestrutura deportiva de calidade que está a ter xa moita demanda”, como corroboran as numerosas chamadas que se están a recibir no Concello para participar nas xornadas de portas abertas da vindeira fin de semana. García Cardeso tivo palabras de agradecemento para a Secretaría Xeral para o Deporte e a Vicepresidencia Segunda por apoiar a iniciativa do Concello da Baña.

No mesmo senso se manifestou o tenente de alcalde e concelleiro de Promoción da Vida Activa e Deporte, César Ramos, que destacou o “importante investimento feito pola Xunta e o Concello para ampliar as modalidades deportivas que se ofertan na Baña, sobre todo nunha disciplina que está tendo moita demanda entre a poboación”.

20230111 Diego Calvo inaugura pistas padel Lanhas 4

Dúas pistas

Coa inauguración das instalacións dáselle cumprimento aos obxectivos do convenio de colaboración asinado o pasado ano entre Xunta e Concello da Baña para a reestruturación do polideportivo de Lañas, coa creación das pistas de pádel. As obras consistiron na nivelación do pavimento e no levantamento do recinto para a colocación dunha estrutura autoportante con frontes de vidro temperado e puntos de iluminación con focos LED. As obras, que comezaron a mediados de decembro, foron executadas pola empresa Sport Equipalias.

Durante a visita, o vicepresidente segundo incidiu na aposta do Goberno galego pola creación de novas instalacións deportivas e a mellora das existentes, para o que se investirán neste ano 18 millóns de euros nas catro provincias galegas. Búscase así fomentar o deporte base e poñer á disposición da cidadanía infraestruturas municipais que lles garantan servizos de calidade a todos os galegos, con independencia do seu lugar de residencia.

Para Diego Calvo, a colaboración coas administracións locais para o fomento do deporte no ámbito municipal permite darlle resposta ao crecente interese da sociedade na práctica deportiva. Nesta liña, recoñeceu o labor do Concello da Baña como impulsor deste proxecto que lle facilita á veciñanza a posibilidade de levar unha vida saudable.

20230111 Diego Calvo inaugura pistas padel Lanhas 9

Xornadas de portas abertas

Para dar a coñecer as pistas de pádel, o Concello da Baña organizou esta fin de semana dúas xornadas de portas abertas os días 14 e 15 de xaneiro para quen queira practicar este deporte.

As persoas que desexen xogar e probar as novas pistas deberán facer, de xeito gratuíto, a reserva de hora chamando ao teléfono 669 368 413 e indicar o tramo horario que prefiren (a reserva será dun máximo de 90 minutos por persoa). Para facer a reserva deberán chamar de 10.00 a 14.00 horas ata o vindeiro venres.

As pistas estarán abertas ao público de 09.00 a 23.00 horas o sábado, día 14, e o domingo día 15.

A partir do 23 de xaneiro, o pádel incorporarase a oferta das escolas deportivas municipais que oferta a Concellería de Promoción da Vida Activa e Deporte do Concello da Baña.