• Mónica González mantivo contacto cunha persoa enferma allea ao concello

  • Sanidade non considera necesarias as probas, pero o goberno local ofrécelles a posibilidades aos traballadores municipais para maior tranquilidade

20200822 covid

O alcalde da Baña mantivo esta mañá unha reunión cos traballadores para informarlles que a concelleira de Cultura, Mónica González, está enferma de covid-19. Aínda que deu positivo tras manter contacto cunha persoa enferma allea ao concello, o goberno local ofrécelles aos traballadores municipais a posibilidades de facer probas diagnósticas con cargo ao Concello.

Segundo informou ela mesma, a concelleira de Cultura atópase actualmente illada no seu domicilio, seguindo as recomendacións de Sanidade, xunto coas persoas que conviven na casa. Mónica González sospeita que se contaxiou despois de manter contacto cunha persoa amiga que é totalmente allea ao Concello da Baña. 

Despois de que esa persoa fora diagnosticada, e se fixera o seguimento aos seus contactos, tras realizarlle unha proba PCR o pasado sábado, Mónica González deu tamén positivo e comezou o período de illamento no fogar, con síntomas leves.

Tendo en conta que na casa consistorial da Baña se respectan as medidas de distanciamento social e as recomendacións para evitar a propagación do coronavirus, dende Sanidade non consideran necesario facer as probas diagnósticas aos traballadores e traballadoras municipais. Non obstante, o alcalde explicoulle hoxe ao persoal que o concello asumirá o custo de realizar as probas aos traballadores que as queiran facer.

Despois dos brotes rexistrados tras reunións familiares nas parroquias de San Mamede do Monte e de Suevos, no municipio da Baña hai rexistrados actualmente 16 positivos por coronavirus. Outras 7 persoas foron xa dadas de alta.

Debido a estes brotes rexistrados a partir do 20 de agosto, o Concello da Baña suspendeu todas as actividades culturais e deportivas programadas durante estas últimas semanas, ademais de pechar os parques infantís e a área recreativa de Agra de Chans.

Dende o goberno local recordan que nestes momentos é preciso manter a calma e extremas as medidas de seguridade e hixiene:

  • Uso obrigatorio da máscara
  • Hixiene continua de mans
  • Manter a distancia social e evitar as reunións multitudinarias

E, recorden, se senten síntomas compatibles coa Covid-19 (febre, tose seca, malestar xeral, dificultade para respirar), non vaian directamente ao centro de saúde, deben chamar ao 061.

Poden obter máis información na web coronavirus.sergas.es e no teléfono 900 400 116.

20190904 A Baña MadrugaO Concello da Baña organiza un ano máis o programa de conciliación A Baña Madruga, un servizo de almorzo e ludoteca para a veciñanza máis cativa que está escolarizada. O programa de conciliación laboral e familiar do CPI de San Vicente xa ten todo preparado para comezar co “A Baña Madruga” correspondente ao curso 2020/2021, que se levará a cabo nas instalacións do mesmo centro educativo de luns a venres entre as 7.30 as 9.15 horas.

Para gozar de dito servizo hai dispoñibles dous abonos mensuais diferentes segundo inclúa almorzo (50 €) ou non (40 €), mais quen queira participar días soltos tamén poderá facelo cun custo de 4 euros.

As familias interesadas poderán inscribir aos seus cativos e cativas nas oficinas do Concello ou cubrindo o impreso que figura no documento adxunto e entregándoo no Concello.

Attachments:
Download this file (madrugadores.pdf)20200904_inscricion_Madrugadores[20200904_inscricion_Madrugadores]96 kB

20200630 apertura piscina municipal webO Concello da Baña comunica o peche ao público a partir de hoxe, luns 31 de agosto, das instalacións deportivas municipais (piscina e pistas polideportivas), así como dos dous parques infantís que continuaban abertos en San Vicenzo e da área recreativa de Chans, cuxas reservas quedan anuladas ata novo aviso.

Este peche súmase á suspensión da programación cultural e do campamento urbano de setembro, co fin de previr e evitar a transmisión da covid-19 no municipio.

O Concello pídelle á veciñanza extremar as precaucións e seguir as recomendacións das autoridades sanitarias (uso de máscara, limpeza de mans e manter a distancia social). No caso de presentar algún síntoma (febre, tose seca, malestar xeral e dificultade para respirar), o teléfono de información á cidadanía é o 900 400 116. Para máis información https://coronavirus.sergas.gal/.

  • O Instituto dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica remitiu a resolución o 25 de agosto

  • O Concello solicitara unha ampliación de prazo de 6 meses para contratar a empresa que executa as obras

  • O IDAE deixa sen efecto a solicitude de revocar a subvención

Concello Praza

O Concello da Baña continúa adiante coas obras de substitución de 2.281 luminarias do alumeado público do municipio (das 2.327 puntos existentes) e contará cunha axuda de 394.546,96 euros concedidos polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica. O pasado 25 de agosto, o director xeral do IDAE asinaba unha resolución pola que aceptaba as alegacións presentadas polo Concello da Baña contra a proposta de revocación da subvención, que o Concello recibiu o pasado martes, 1 de setembro.

Finalmente o IDAE recoñece que o Concello da Baña presentou en tempo e forma o 24 de xaneiro deste ano unha solicitude para ampliar o prazo para contratar a empresa que está acometendo os traballos, como permitía a propia convocatoria das axudas. Inicialmente, o Concello tiña ata o 19 de febreiro para facer a contratación, aínda que o proceso demorouse máis tempo.

Inicialmente, o 26 de xuño deste ano, o IDAE comunicoulle ao Concello que anulaba a axuda de 394.000 euros para acometer as obras por non telas contratadas antes do 19 de febreiro. A posibilidade de perder esta subvención xa fora debatida no pleno ordinario do mes de xuño, cando a oposición criticara a pouca celeridade do equipo de goberno para cumprir os prazos. No mesmo pleno, o secretario da Corporación avanzara que o Concello solicitara en tempo e forma unha ampliación de prazo e que, ao non ter resposta do IDAE, esta considerábase outorgada.

Na resolución remitida agora polo director xeral do IDAE, o organismo do Ministerio dálle a razón ao Concello da Baña, sinalando que as propias bases da convocatoria recollían a posibilidade de pedir unha ampliación de prazo, que A Baña solicitou incluso antes de que rematara o prazo inicial.

Con esta resolución o IDAE mantén a subvención de 394.546,96 euros para acometer unhas obras que están en período de execución para poñer o alumeado público con luces led e acadar un considerable aforro enerxético. O importe total das obras ascende a 493.183,70 euros, dos que o Concello debe aportar case cen mil.

 

O pleno do Concello da Baña celebrado onte, 26 de agosto, contou por primeira vez coa presenza da nova secretaria municipal, María Pardo, asignada ao municipio de forma definitiva. A sesión, que se levou a cabo na casa consistorial, serviu tamén para informar a corporación das resolucións tomadas pola Alcaldía durante as últimas semanas.

O alcalde explicou que a nova secretaria serve no Concello da Baña de maneira permanente desde a súa incorporación, o pasado luns 24. José Antonio Pereira agradeceulle ao seu predecesor, Dalmiro Núñez Méndez, "o seu esforzo e traballo na Baña durante ano e medio, un labor complicado polo que implica levar dous concellos ao tempo". Os portavoces das outras dúas forzas con presenza no plenario, Andrés García Cardeso (PP) e César Ramos (Compromiso por Galicia), iniciaron tamén as súas intervencións na quenda de rogos e preguntas cun recoñecemento ao labor do secretario saínte e coa benvida a María Pardo á fronte da Secretaría municipal.

O pleno proseguiu coa información das resolucións feitas pola Alcaldía entre o 25 de xullo e o 21 de agosto, copia das cales figuraba en poder dos membros da corporación. A nova secretaria achegou o documento que certifica que non houbo reparos de legalidade a estas resolucións.

Na quenda de rogos e preguntas, que ocupou boa parte do tempo do pleno, os grupos da oposición pediron aclaracións sobre cuestións expostas en anteriores sesións. Ademais, requiriuse información sobre varias cuestións que foron contestadas polo grupo de goberno no momento ou que, ao ser necesaria a consulta de documentación, se responderán por escrito.

O alcalde informou tamén de que o Concello recibiu a sentenza sobre pagos atrasados a traballadores, por unha contía total de 358.552,88€, con salario bruto, cotas á Seguridade Social e xuros incluídos. Os afectados, dixo Pereira, xa asinaron o acordo e a conformidade coas cantidades. A secretaria informou de que se está a traballar para atopar a mellor maneira de afrontar estes pagos, de acordo coa normativa de facendas locais e buscando que non afecte o desenvolvemento normal da actividade do Concello.

Enlace ao vídeo do pleno en YouTube: https://youtu.be/-MwEZEKEO5M

 

20200826 Pleno ordinario agosto web