A Corporación da Baña celebrou esta mañá un pleno extraordinario urxente no que se aprobou por unanimidade a conta xeral do ano 2019.

A urxencia da sesión foi aprobada cos nove votos a favor do equipo de goberno (PSdeG) e do PP. Compromiso por Galicia abstívose.

O vídeo íntegro da sesión pódese ver neste enlace (preme aquí).

20210121 Pleno extraordinario conta xeral

A Corporación da Baña celebrou a última hora da tarde de onte o último pleno ordinario do 2020, nunha sesión que estivo centrada no capítulo de rogos e preguntas. O vídeo íntegro da sesión figura no encabezado desta nova pódese ver tamén neste enlace (preme aquí).

Durante a sesión, os portavoces dos tres grupos felicitaron as festas e manifestaron o seu desexo de que o ano 2021 sexa mellor que o que remata hoxe. O alcalde pediu prudencia e respectar as normas na celebración do fin de ano, para evitar a propagación da covid-19

Dende o Partido Popular, entre outros temas, solicitáronlle ao goberno municipal que contacte coa Amtega para mellorar a cobertura de telefonía móbil e a implantación da fibra óptica. O alcalde respondeu que están solicitando constantemente que a fibra óptica chegue ao maior número de casas posible.

Por parte de Compromiso por Galicia preguntaron, entre outros asuntos, polas empresas que se beneficiaron do plan PEL Reactiva da Deputación da Coruña, indicando o alcalde que –a falta de reclamarlle documentación a algunha das solicitantes– das 25 empresas que presentaron documentación, dúas delas non compren os requisitos, polo que se beneficiarán 23. O Concello da Baña ten asignados 37.897,19 euros para subvencións do PEL Reactiva, polo que é posible que dúas destas empresas non poidan recibir a subvención. De confirmarse esta situación, o alcalde propuxo que o Concello faga unha asignación específica nos orzamentos do 2021 para que reciban a cantidade que lles correspondería.

O vídeo da sesión íntegra do pleno pódese ver na canle de Youtube do Concello da Baña (neste enlace)  

20201230 Pleno Bana diciembre web

O Concello da Baña comunica un positivo por covid-19 entre o cadro de persoal municipal. Por ese motivo, prega que se fagan por teléfono ou por vía telemática todas aquelas consultas ou trámites posibles. 
Tamén pide que se solicite cita previa no caso de que alguén precise atención física e teña que desprazarse ata a Casa do Concello.

O Concello da Baña fixo esta mañá efectivo o ingreso de máis de 350.000 euros que regulariza a situación dos once traballadores que presentaron unha denuncia en 2016 para que se lles aplicase o convenio colectivo que rixe para o sector de oficinas e despachos da provincia da Coruña.

O ingreso supón o cumprimento dunha sentencia dictada polo Xulgado do Social número 3 de Santiago o 23 de febreiro de 2017, que obrigaba ao Concello a abonarlles a estes traballadores  un total de 358.552,88 euros en concepto de recoñecemento de categoría e antigüidade, así como as cotizacións á Seguridade Social derivadas do incremento salarial e os intereses de demora.

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, sinalara no pleno de agosto que os empregados municipais afectados asinaran xa un acordo de conformidade coas cantidades que ían recibir. O pagamento pon fin a un conflito que se prolongou durante nove anos.

    • Leuse un manifesto contra a Violencia de Xénero e gardouse un minuto de silencio polas vítimas

    • Aprobada a moción de CxG para iniciar o procedemento para rebaixar un 15% o recibo do lixo en 2020

    • Aprobada a moción do PSdeG en apoio das mulleres que sofren endometriose

 

A Corporación da Baña, no pleno ordinario de novembro celebrado onte a noite, gardou un minuto de silencio en memoria das 41 mulleres que morreron en España este ano vítimas da violencia de xénero. Antes, a concelleira Mónica González leu o manifesto institucional contra a violencia de xénero, conmemorando deste xeito o 25N.  Pódese ver o vídeo do pleno neste enlace.

Na sesión, e por unanimidade, aprobouse a bonificación do 95% da cota íntegra do imposto de bens inmobles para dúas explotacións gandeiras do municipio.

Tamén por unanimidade aprobouse a moción de Compromiso por Galicia para iniciar o procedemento para modificar a taxa de recollida de lixo e rebaixar un 15% o recibo para o ano 2022. Na moción CxG pedía que esta rebaixa se aplicase xa en 2021, pero a secretaria informou que para modificar a ordenanza nesa porcentaxe hai que iniciar un expediente e contar con varios informes, entre eles o de intervención.

Tamén por unanimidade aprobouse a moción do equipo de goberno (PSdeG) en apoio da Asociación Querendo, reclamándolle á Consellería de Sanidade máis atención para as mulleres que sofren endometriose e unha maior divulgación.

O apartado de rogos e preguntas, que durou máis de hora e media, rematou cun rogo de Compromiso por Galicia para que o Concello da Baña se adhira ao programa da Xunta de Galicia Xantar na casa ao consideralo máis beneficioso que o que presta o Concello e que se presta en 177 municipios. O alcalde defendeu a calidade da comida que recibe a veciñanza co programa municipal Comedor sobre rodas, que foi pioneiro en Galicia hai dúas décadas, e adiantou que se retomarán conversacións coa Xunta para ver se compensa adherirse ao programa autonómico. O debate deste rogo non está incluído na grabación do pleno debido a un problema técnico.

20201125 Pleno Bana minuto silencio 25N web