Alba Perez 100 na saida ALF2811

Facendo algo de exercicio, compartindo un par de horas cos amigos e animando as rúas da Baña con vistosos disfraces. Así pasaron o último día do ano pasado as 80 persoas que participaron na primeira edición da San Silvestre da Baña, que serviu tamén para renderlle unha homenaxe a Alba Pérez, a atleta da Baña foi bronce no Campionato de España de marcha en ruta sub20.

Coa organización da proba colaboraron Protección Civil de Negreira e Santa Comba, así como a Escola de Música Tradicional da Baña, que se encargou de poñerlle á tarde algo de música galega.

Na praza do Concello puidéronse ver disfraces de Spiderman, Batman, leopardos, patos e moitos gorros de Papá Noel. Ao rematar a proba, os participantes levaron unha medalla como agasallo.

participantes disfrazados ALF2813

 

José Andrés García Cardeso recuperou hoxe a alcaldía da Baña ao prosperar a moción de censura presentada polo Partido Popular e Compromiso por Galicia  contra o socialista José Antonio Pereira Gil. No Pleno celebrado esta mañá pola Corporación da Baña, Cardeso contou cos sete votos a favor de PP e CxG e os catro en contra do PSdeG. O vídeo íntegro da sesión pódese ver neste enlace (preme aquí)

A sesión de hoxe, como establece a Lei Electoral, estivo presidida pola mesa de idade, formada por José Manuel Landeira Liñares (PP), como concelleiro de maior idade, e Lorena Trillo López (CxG A Baña), a máis nova. A moción de censura fora presentada o pasado 26 de novembro polos dous grupos entón na oposición. Cardeso recupera así a alcaldía que ostentou durante 24 anos ata as eleccións celebradas en 2019.

Na súa intervención, Andrés García Cardeso asegurou que a moción de censura é “unha figura lexítima e democrática” contemplada na Lei Electoral Xeral. Tras repasar os motivos que levaron a Partido Popular e Compromiso por Galicia A Baña a presentar a moción, Cardeso dixo que “a política debe servir para unir e non para enfrontar. Por riba das ideoloxías, o importante son as persoas, os veciños e veciñas e o interese xeral”, afirmou o novo alcalde. Concluíu reiterando o compromiso “deste novo goberno plural para acadar o mellor para a Baña”.

20211214 Bana Votacion ALF2138 web

O ex alcalde, José Antonio Pereira, considerou un “acto inxusto” a moción e asegurou que o de hoxe era “un día triste” para o municipio. “Demostramos que un goberno progresista podía mellorar as cousas despois de 24 anos, a pesar da nula colaboración dos outros dous grupos políticos presentes na Corporación”. “Son o alcalde ao que non deixaron traballar polo benestar da Baña”, concluíu Pereira Gil, antes de agradecerlle aos traballadores e traballadoras municipais e á veciñanza o seu apoio.

Pola súa banda, César Ramos recordou que no ano 2019 Compromiso por Galicia lle dera o seu apoio ao grupo socialista, “que non foi quen de aproveitar unha oportunidade histórica e demostrou a súa inoperancia”. Para César Ramos “tan lexítimo é o goberno saínte como o entrante”. Rematou a súa intervención afirmando que dende CxG “obramos con valentía para sacar isto adiante. Dentro de 16 meses, a veciñanza fará a súa valoración nas eleccións”.

20211214 Pleno Bana web Cardeso

  • Lorena Trillo López tomou posesión como concelleira de Compromiso por Galicia

  • Aprobada a declaración institucional ‘Municipios contra o maltrato’

 

 

11 Lorena Trillo LopezLorena Trillo López incorporouse onte á Corporación da Baña despois de prometer o seu cargo como nova concelleira de Compromiso por Galicia. Na sesión ordinaria de onte tamén se aprobou a declaración institucional Municipios contra o maltrato.

Lorena Trillo substitúe a David Gontán, que presentou a súa renuncia no pleno do pasado mes de outubro. Tomou posesión onte como primeiro punto da orde do día e despois os portavoces dos tres grupos políticos na Corporación da Baña déronlle a benvida.

Na sesión tamén se aprobou a declaración institucional Municipios contra o maltrato, impulsada por Antena 3 Noticias e Fundación Mutua Madrileña, na que A Baña declara ser un municipio con tolerancia cero contra o maltrato ás mulleres. O Concello da Baña “protexerá as vítimas e colaborará coa Xustiza e a Policía a perseguir aos maltratadores. Realizará todos os esforzos que poida para evitar que neste municipio se produza ningún maltrato ás mulleres”.

Con esta declaración, e ademais da aprobación no pleno, o Concello da Baña comprométese a instalar un sinal co lema “Municipio contra o Maltrato Tolerancia Cero” nunha zona céntrica.

En caso de producirse unha vítima mortal de maltrato, o Concello declarará loito oficial e promoverá unha concentración popular de repulsa diante da casa consistorial. Ademais, A Baña realizará polo menos unha acción formativa dirixida á mocidade de forma anual colaborando cos centros educativos.

O Concello da Baña, na medida das súas posibilidades, realizará un programa de axuda laboral ás vítimas de maltrato.

No debate, o portavoz do PP propuxo incluír o maltrato dixital dentro da violencia de xénero. Unha medida que foi aprobada esta mesma semana por unanimidade no Parlamento de Galicia que inclúe a violencia dixital na modificación da Lei galega de violencia de xénero.

A declaración institucional aprobouse por unanimidade dos tres grupos políticos.

No capítulo de rogos e preguntas, tanto PP como Compromiso decidiron non formular ningunha. César Ramos recordou que dende CxG presentaron un escrito solicitando información sobre o control de aforo no salón de plenos, ao que respondeu o alcalde sinalando que o pasado 21 de outubro a Xunta declarou a finalización da situación de emerxencia sanitaria, polo que se anulaba a limitación do aforo. “Admitimos público ata completar o número de butacas do salón de plenos”, concluíu o alcalde, como fan outros concellos como Teo, Val do Dubra, Ordes ou Rois.
Vídeo íntegro do pleno neste enlace (preme aquí)

  • O escrito foi presentado no rexistro esta mesma mañá, asinado polos sete concelleiros e concelleiras da oposición

  • A Lei electoral establece que o pleno para debater debe celebrarse o décimo día hábil seguinte á presentación

  • O portavoz do PP e ex alcalde José Andrés García Cardeso figura como candidato á alcaldía

 

Os cinco concelleiros do Partido Popular e os dous de Compromiso por Galicia presentaron esta mañá no rexistro do Concello da Baña unha moción de censura ao alcalde socialista José Antonio Pereira Gil. O candidato á alcaldía proposto na moción é o líder do PP e ex alcalde José Andrés García Cardeso.

Segundo recolle o artigo 197 da Lei orgánica 5/1985 do réxime electoral xeral, a moción de censura terá que debaterse nun pleno que se celebrará ás doce horas do décimo día hábil seguinte ao da súa presentación. Por este motivo, o pleno da Baña para tratar a moción de censura convocarase para o vindeiro 14 de decembro ás 12.00 horas.

A moción de censura, como recolle a Lei electoral, deberá estar firmada pola maioría absoluta dos concelleiros da Corporación. Neste caso ven asinada por 7 dos once concelleiros da Baña. 

Está asinada, por parte do Partido Popular, por José Andrés García Cardeso, Alicia Blanco Sande, José Manuel Landeira Liñares, María Rosa Ramos Freita e Francisco Pérez Redondo. Por Compromiso por Galicia asinaron César Ramos Domínguez e Lorena Trillo López.

O Concello da Baña celebrou onte pleno ordinario no que se aprobaron definitivamente as bases reguladoras das axudas a autónomos, comerciantes e pequenas empresas para paliar os danos da covid-19. Na sesión, o alcalde e os portavoces de PP e Compromiso por Galicia agradeceron o traballo realizado como concelleiro por David Gontán (CxG), que onte asistiu ao seu último pleno antes de presentar a súa renuncia como membro da Corporación.

Co voto a favor do equipo de goberno (PSdeG) e do PP, e a abstención de Compromiso por Galicia, aprobáronse definitivamente as bases reguladoras das axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social da covid-19 entre os autónomos, comerciantes e pequenas empresas. Estas axudas serán financiadas con 30.000 euros de fondos propios do Concello. 

Estas axudas divídense en dúas liñas. A primeira está destinada a complementar o PEL-Reactiva entre aquelas empresas que cumprindo cos requisitos establecidos pola Deputación da Coruña non recibiron estas axudas por falta de fondos. A segunda liña está destinada a impulsar a actividade económica e complementar as axudas xa outorgadas con anterioridade polo Concello da Baña no ano 2020. As bases foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia da Coruña o pasado 9 de setembro, e agora entrarán definitivamente en vigor. (Poden consultarse neste enlace)

O de onte foi o último pleno ao que asistiu o concelleiro de Compromiso David Gontán, que hoxe presentará formalmente a súa renuncia como membro da Corporación da Baña. Tanto o alcalde como os portavoces do PP, Andrés García Cardeso, como César Ramós (CxG) recoñeceron o traballo feito por Gontán durante estes dous anos como concelleiro na Baña e desexáronlle éxitos tanto na súa vida persoal como profesional.

No capítulo de rogos e preguntas, tanto PP como CxG solicitaron coñecer cantas persoas están matriculadas na Escola Municipal de Música e pola execución ou estado de diferentes obras.

O vídeo íntegro do pleno pódese ver neste enlace: https://youtu.be/cgp_tb_BmF0