imprimir
Categoría: novas
Visitas: 645

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e a concelleira de Cultura, Mónica González, seguirán sen ter soldo do concello, ao rexeitar o pleno da Corporación as dedicacións exclusiva e parcial que presentou o goberno socialista. “Teremos que incorporarnos aos nosos postos de traballo e o funcionamento do concello non será o correcto, porque non poderemos atender aos veciños como se merecen”, indicou José Antonio Pereira, tras recordar que tanto el como a concelleira levan dous meses traballando para a veciñanza “sen cobrar e sen estar cubertos pola seguridade social”. O vídeo íntegro da sesión plenaria, á que asistiu numerosa veciñanza, pódese ver no canal de Youtube do Concello da Baña (neste enlace).

Por unanimidade, a Corporación aprobou a designación como festivos locais para 2020 os mércores 22 de xaneiro (San Vicente) e 9 de setembro (Virxe da Dores); o nomeamento de representantes nos órganos colexiados supramunicipais e iniciar o expediente de licitación para acometer o proxecto de renovación do alumeado público para poñer luminarias led no municipio.

Os representantes dos Concello da Baña na Mancomunidade do Tambre serán José Antonio Pereira Gil, José Andrés García Cardeso e Cesar Ramos Domínguez. Na Fundación de Discapacitados da Comarca de Barcala estarán o alcalde, Mónica González e César Ramos; e no GDR Terras de Compostela José Antonio Pereira e García Cardeso. A oposición votou a favor deste punto, aínda que criticou que o alcalde non levara a pleno a designación nos consellos escolares. O secretario aclarou que a designación en órganos supramunicipais é competencia do pleno, e que o representante nos consellos escolares é o alcalde ou concelleiro en quen delegue.

O proxecto para substituír algo máis de 120 cadros eléctrios e 2.281 luminarias do municipio por tecnoloxía led —o que permitirá un considerable aforro enerxético e reducir a emisión de CO2— ascende a 493.000 euros, e será subvencionado nun 80% polo IDAE. O pleno aprobou iniciar o expediente de licitación do proxecto dentro do prazo fixado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, que remata o vindeiro 18 de agosto. Neste punto, Compromiso por Galicia recordou que esta medida enmárcase no pacto europeo de alcaldes polo cambio climático clima, aínda que despois dende o PP García Cardeso matizaba que a solicitude se lle solicitou ao IDAE hai dous anos, antes de que A Baña se sumara ao pacto polo clima. O acordo por unanimidade permitirá iniciar xa o expediente de contratación deste proxecto.

Alcalde e concelleira seguen sen soldo

Onde non houbo acordo foi na aprobación de dedicacións exclusivas e parciais para o alcalde e a concelleira de Cultura. José Antonio Pereira presentou a mesma proposta que o pasado 15 de xullo: 36.000 euros brutos anuais pola dedicación exclusiva para o alcalde, e 12.000 euros por unha parcial para Mónica González Blanco, en conxunto, case 5.000 euros menos que o que viñan cobrando o alcalde e a concelleira de Cultura do PP na anterior lexislatura.

“Levamos case dous meses sen cobrar atendendo e intentando solucioarlles os problemas á veciñanza e sen estar cubertos pola Seguridade Social” en caso de sufrir algún contratempo, indicaba o alcalde, que pedía responsabilidade aos partidos da oposición. De non aprobarse “teremos que incorporarnos aos nosos traballos e vir ao concello un día pola tarde, polo que non poderemos atender á veciñanza como se merece”, dixo.

César Ramos criticou que non se “cambiara nada da proposta” do mes de xullo, polo que anunciou que “ante a mesma proposta, haberá o mesmo voto”, ao tempo que lle recriminou ao alcalde que “non lle pediran ningunha proposta a Compromiso por Galicia” para contar co seu apoio.

Dende o PP, García Cardeso, volveu insistir na argumentación do pleno de xullo, ao recordar que dende o equipo de goberno “se conta pouco co Partido Popular para dialogar”, e recriminoulle ao alcalde que non o chamara para “comentar a proposta que lle fixo Compromiso por Galicia para repartir a alcaldía dous anos co PSdeG. Coñecemos a existencia deste escrito pola prensa”, díxolle. Cardeso recordoulle ao alcalde que “negociando e cedendo se pode chegar a calquer lado”.

A hora de votar, o PSdeG (4 concelleiros) votou a favor, pero a abstención de Compromiso por Galicia (2) permitiu que os votos en contra do PP (5 concelleiros) rexeitasen a proposta. Pereira Gil adiantou que volverán a presentar de novo a proposta para o vindeiro pleno.

No apartado de rogos e preguntas, o alcalde comprometeuse a responder por escrito o antes posible. Simplemente fixo algún comentario en temas puntuais.

A pregunta do PP de porque se anulara a póliza de seguro de responsabilidade Civil, José Antonio Pereira replicou que se pediron orzamentos a varias empresas e que se contratou unha póliza con Plus Ultra que “ten mellores coberturas e só pagamos 6.400 euros, cando a anterior nos costaba case 9.000 euros”.

A pregunta de porque se eliminara a Alicia Blanco (ex concelleira de Cultura co PP) do grupo de whastapp da Escola de Música despois das eleccións cando faltaban só 7 días para rematar o curso, o alcalde pediulle desculpas a afectada “si se sentiu ofendida”, e recordou que se tomou a medida porque Alicia Blanco xa non era membro do equipo de goberno, nin tiña a filla na escola infantil.

Dende Compromiso por Galicia, César Ramos pediu que A Baña se sume a campaña para promover o sector lácteo que vai desenvolver a Casa Grande de Xanceda. O alcalde comprometeuse a analizar a proposta e dar unha resposta rápida.

A pregunta de como pensa executar a sentenza que obriga o concello a indemnizar e actualizar o soldo de 12 traballadores do concello, o alcalde respondeu que a cinco deses traballadores (os que aparecen nomeados na sentenza) xa se lles regularizou a nómina deste mes. “Agora temos que estudar como facer fronte aos atrasos, que só con estes cinco traballadores ascende a máis de 165.000 euros”. A eles hai que sumar a outros sete traballadores máis, que non aparecen recollidos na sentenza polo que os edís calificaron como un erro na redacción da sentenza.

“Estamos estudando como incluír estas partidas no orzamento de 2020. Consensuaremos cos traballadores como facer fronte a esta débeda”, sinalou José Antonio Pereira, quen tamén dixo que no concello había facturas por importe de 78.000 euros que non tiñan consignada partida orzamentaria para este ano.