imprimir
Categoría: novas
Visitas: 1229

As filloas da pedra da Baña foron onte as estrelas da xornada Filloas e Viño no Camiño, organizadas polo GDR Terras de Compostela no Hostal dos Reis Católicos. No evento destacouse o gran potencial gastronómico e turístico deste produto puramente bañés, que compartiu protagonismo coas filloas de Lestedo e co viño da Ulla e aproveitou para presentar a súa festa de exaltación, que se levará a cabo en San Vicenzo o día 11 de marzo.

A xornada Filloas e Viño no Camiño rematou cun showcooking a cargo do afamado chef Pepe Solla, galardoado cunha estrela Michelin, que propuxo catro receitas a base de filloas, mostrando a gran potencialidade culinaria deste produto da terra. "O produto é o que nos define, as receitas son viaxeiras", afirmou o restaurador, quen destacou o valor da filloa como "un claro exemplo do que debería ser en si a gastronomía: sinxela, humilde e popular". En paralelo ás elaboracións de Solla, Arita Pais elaborou en directo filloas da pedra, que fixeron as delicias dos presentes na degustación posterior.

Presentacion Festa Filloa 2

Para Mónica Tomé Rey, secretaria da Asociación de Filloas da Pedra da Baña, este produto é "o sinal de identidade dun concello eminentemente rural, con fermosas paisaxes". Segundo apuntou, as filloas da pedra son "únicas polo xeito tan particular de preparalas, que a todo o mundo lle chama a atención, e polos seus ingredientes, sempre de primeira calidade". A promoción do aspecto culinario "repercute en posibilidades de emprego e desenvolvemento do municipio, desde o cultivo do trigo á produción de ovos caseiros, ou, por suposto, a elaboración e venda de filloas".

Pola súa banda, Carlos Martínez Carrillo, presidente do GDR, afirmou que a xornada Filloas e Viño do Camiño se enmarca no empeño por "poñer en valor todas as potencialidades do rural", unha misión fundamental, "moito máis nestes tempos nos que se fala tanto dos problemas demográficos de Galicia. Fixar poboación nos municipios rurais é clave, e para conseguilo hai que fomentar a iniciativa emprendedora que dea lugar a unha maior calidade de vida e mellores servizos". "Temos paisaxe, temos herdanza cultural, temos gastronomía e temos, sobre todo, xente con iniciativa e ganas de facer do noso un territorio vivo e con futuro", afirmou Martínez Carrillo.

No peche da xornada, cunha degustación de filloas acompañadas de viño da D.O. Rías Baixas subzona da Ribeira do Ulla e doutros produtos da comarca, presentouse a festa gastronómica da Filloa da Pedra da Baña, que se celebrará no concello barcalés o domingo 11 de marzo.

Pincha aquí para ver o album de fotos da presentación, no Facebook do Concello da Baña.

Attachments:
Download this file (2018_Programa_Filloa_Pedra_Baña.pdf)2018_Programa_Filloa_Pedra_Baña.pdf[ ]503 kB