20190731 ALI6667

O Punto de Atención á Infancia (PAI) do Concello da Baña pechou esta mañá o curso 2018/19. O grupo de artistas Fabaloba foi o encargado de clausurar esta etapa da man do seu espectáculo ‘A casa encantada de Alí’, dirixido ao alumnado que estivo acompañado polas súas familias e polas súas mestras, que tamén presidiron o acto de graduación para a cativada que se traslada á escola infantil o vindeiro curso.

Hoxe comezaron as vacacións para a cativada de entre 0 e 3 anos que formou parte do PAI da Baña durante o actual curso. A agrupación artística Fabaloba visitou ao alumnado co seu espectáculo interactivo ‘A casa encantada de Alí’, que inclúe cancións, xogos e contos infantís en galego para despedir a esta familia que medrou xunta durante os últimos 9 meses. 

Nesta ocasión as familias tamén estiveron convidadas á celebración, polo que non perderon a oportunidade de pasar unha divertida mañá xunto con todo o equipo do PAI. Ademais, as mestras do centro entregaron diplomas e barretes aos cativos e cativas que pasarán á escola infantil o vindeiro curso. 

Album de fotos no facebook do Concello da Baña (neste enlace).