20190701 primeiro dia campamento ludico deportivo

Usuarios da Fundación de Discapacitados Psíquicos da Comarca de Barcala están a colaborar no campamento lúdico-deportivo que comezou esta mañá na Baña e no que 60 nenos e nenas maiores de catro anos poderán gozar coas actividades programadas durante todo o mes de xullo.

A partir das 08.30 horas chegaron os primeiros participantes neste campamento á área recreativa Agra de Chans, onde se van desenvolver a maioría das actividades programadas para este mes, aínda que tamén contarán con saídas e excursións para gozar dun verán inesquecible.

Hoxe, como era o primeiro día, toucou coñecer aos novos compañeiros de aventuras, e aos monitores e coordinadores do campamento, aínda que tamén houbo tempo para darse un baño na piscina e facer diferentes xogos. Mañá, entre outras actividades, pintarán un mural entre todos os nenos e nenas participantes.

Este ano, dende o equipo de goberno que dirixe José Antonio Pereira, chegouse a un acordo coa Fundación de Discapacitados Psíquicos da Comarca de Barcala para fomentar a integración das persoas con discapacidade. En base a este acordo, usuarios da fundación están a colaborar cos monitores do campamento no desenvolvemento dalgunhas das actividades programadas no campamento.