20181003 Baña Pleno

O Concello da Baña subrogará o uso da reitoral de San Mamede do Monte á Asociación Anxiños para que poida poñer en marcha un centro de atención á nenos enfermos psiquiátricos ou con trastornos de conducta. O acordo, que se aprobou esta mañá en pleno cos votos a favor do PP e en contra do PSOE, conta co visto bo do Arcebispado de Santiago. O edil de Compromiso por Galicia non asistiu ao pleno por atoparse enfermo.

No ano 2007 o Arcebispado de Santiago cedeulle ao Concello da Baña o uso da reitoral de San Mamede do Monte por 25 anos (ata o 2032) para habilitar unha vivenda comunitaria no edificio. As obras de rehabilitación remataron no 2010 e, en nos anos seguintes dotouse ao inmoble de diferentes subministracións e equipamento. A entrada en vigor da Lei de Estabilidade Orzamentaria, que en 2012 obrigou ao Concello da Baña a aprobar un plan de axuste financeiro; e a modificación da normativa sobre centros de atención a persoas maiores fixeron inviable a execución do proxecto inicialmente previsto.

O informe elaborado pola Secretaría do Concello recolle que “desbotada a idea inicial de posta en funcionamento da citada residencia por razóns de índole legal, técnica e económico financeira que determinaron a consideración da inviabilidade do proxecto inicialmente concibido, non se formularon propostas alternativas nin constan iniciativas tendentes á consecución do interese xeral e o concreto interese municipal” para esta reitoral.

En abril de 2017, a Asociación Anxiños presentou no Concello da Baña unha solicitude na que pedía a subrogación no convenio co Arcebispado de Santiago para utilizar as instalacións da reitoral de San Mamede para promover a integración psicosocial dos nenos con trastornos de saúde mental, que permitirá que ata 8 nenos vivan neste edificio. Subrogación aprobada hoxe.

O alcalde, Andrés García Cardeso, explicaba ao comezo da sesión que, una vez recibida a petición da Asociación Anxiños, o Concello solicitou todos os informes pertinentes na Consellería de Política Social para coñecer se era viable ceder o uso da reitoral. “Eses informes foron positivos, e dende a Consellería tamén nos aseguraron que era inviable a construción dunha vivenda comunitaria, fogar residencial ou centro de día, por non cumprir coa normativa en vigor”. Por este motivo, dende o goberno propoñen cederlle o uso da reitoral a asociación, “ao non se presentar outras propostas, máis aló de crear un centro de refuxiados no inmoble”, dixo.

Dende o PSOE, José Antonio Pereira foi moi crítico co alcalde, a quen acusou de “enganar aos veciños, aos que sempre lles dixo que aí se ía construír unha iniciativa para a terceira idade”. Pereira, tras recoñecer que o de Anxiños “é un bo proxecto”, asegurou que na restauración do inmoble “se investiron uns 700.000 euros de cartos públicos e que agora se lle ían regalar a unha asociación” para un proxecto “que non vai beneficiar en nada aos veciños da Baña, que seguen sen ter un centro de día”.

20181003 Rut Gomez vertical webAndrés García Cardeso recoñece que se investiron fondos públicos para acondicionar o edificio, “que non podemos dedicar a centro para maiores, como pretendíamos. Agora queremos darlle unha utilidade, e por iso propoñemos esta cesión á Asociación Anxiños”. Manuel Tourís abundou nesta idea ao sinalar que “aos nenos enfermos psiquiátricos que atende este asociación, estámoslles dando unha oportunidade, coa cesión da reitoral”. O concelleiro engadiu que, ata o momento, ningún membro da corporación presentou “outra alternativa para a reitoral, toda vez que o centro de día ou o fogar residencial son inviables”.

Na votación, a subrogación foi aprobada con 5 votos a favor do PP e 4 en contra do PSOE. Agora, o concello deberá redactar o convenio coa Asociación Anxiños.

Entre os asistentes ao pleno atopábanse tres membros da Asocaición Anxiños. Ruth Gómez, presidenta; José Luis Cacharrón, secretario, e María Gudiña, vogal e nai de dous nenos enfermos.

Ao rematar a sesión, Rut Gómez amosábase “moi feliz, porque despois de moito tempo de loita, os nenos enfermos mentais ingresados no hospital de Santiago van ter un espazo amplo, cun gran xardín, no que continuar a súa recuperación e tratamento, co mesmo coidado e amor que teñen no CHUS”. Gómez engadiu que a reitoral de San Mamede servirá tamén como “un área de respiro para os país de nenos enfermos mentais ou con trastorno de conduta, e como unha segunda estancia para estes enfermos”, asegurou.

Festivos locais e xuíz de paz

No pleno tamén se aprobaron os festivos locais para 2019, que serán o 22 de xaneiro e o 9 de setembro.

Como xuíz de paz propúxose ao único candidato que se presentou, Antonio Martínez Méndez, quen xa ven exercendo esta función.