imprimir
Categoría: Servizos sociais INICIO
Visitas: 653

Centro de saudeO alcalde da Baña, José Antonio Pereira, vén de reclamarlle a responsables do Sergas que se cubran as baixas da pediatra que atende no centro de saúde bañense para garantir unha mellor atención aos nenos e nenas do concello e evitar que se teñan que desprazar ata o Hospital Clínico de Santiago.

O centro de saúde da Baña conta con consulta de Pediatría dous días á semana. Na carta remitida o pasado 3 de decembro á xerente da área de xestión integrada de Santiago, Eloína Núñez, e ao responsable de Atención Primaria, Felipe Calle Vellés, o alcalde recórdalles que cando a pediatra está de vacacións, de baixa ou de permiso, a consulta queda sen atender “e os nenos da Baña teñen que acudir aos servizos de urxencias do Hospital Clínico, en Santiago, ou a pediatras de pago”.

Ademais, José Antonio Pereira incide en que a ausencia da especialista por eses motivos “obriga a anular as citas previamente concertadas dos nenos, tanto para consultas como para vacinacións” o que, a entender do alcalde, “pode poñer en grave risco aos menores” da Baña.

Por estes motivos, Pereira Gil solicítalles aos responsables do Sergas que cando a pediatra titular estea de vacacións, enferma ou non poida atender a consulta, que esas ausencias “sexan cubertas por outro pediatra” para que os menores da Baña sexan atendidos sen ter que desprazarse fóra do municipio.