20181212 Cartel Mercadiño Nadal Baña 940O Concello da Baña daralle este domingo a benvida ao Nadal cun amplo programa de actividades que inclúen música, maxia, un mercado outlet e de segunda man e unha nova etapa da Ruta do Románico, todo isto acompaña o mercado de Nadal que se instalará na Praza do Concello dende o mediodía.

Ás 10.00 horas sairá o autobús para visitar as igrexas de Portor, Lañas e Paramos nunha nova etapa da Ruta do Románico, durante a cal o técnico de turismo Eutropio Rodríguez explicaralles aos asistentes as singularidades de cada un dos monumentos que se van visitar.

Pouco despois, ás 12.30 horas, os profesores da Escola de Música Ramón Domínguez e Moncho Ces ofrecerán o Concerto de Nadal, primeira das actividades englobadas dentro do Mercadiño de Nadal que permitirá ver e comprar produtos de artesanía e pratos típicos destas datas. A carpa que se instalará na Praza do Concello estará aberta ata as sete da tarde, para que veciños e visitantes poidan gozar cos xogos populares e un ambiente que enche de ilusión a pequenos e maiores.

Precisamente, para a cativada está programado o espectáculo Musicreques, que dende as catro da tarde na casa de Cultura ofrecerán a representación As aventuras do Quebranoces. Pouco despois, Cayetano Lledó, cuarto finalista de maxia cómica do Campionato do Mundo celebrado en Corea do Sur, ofrecerá un espectáculo de maxia que, sen dúbida, deixará coa boca aberta os espectadores.

O apartado musical rematará coa actuación dos Campantes da Baña, pero o Mercadiño de Nadal aínda garda unha sorpresa: a visita de Papá Noel, que escoitará atentamente as peticións que lle fagan os nenos e nenas que están agardando os regalos destas datas.

Ademais, todos aqueles que teñan cousas que xa non precisen poderán levalas ao mercado outlet e de segunda man, por se a alguén lle puidese interesar.

Aquelas persoas que desexen pasar o día na Baña que non se apuren e miren con calma os postos de artesanía, de gastronomía e de agasallos. E cando a fame aperte poderán achegarse ata o polbeiro para degustar un dos pratos máis típicos de Galicia. Un amplo programa de actividades co que A Baña quere dar comezo por todo o alto as festas de Nadal.

29 outubro 2018

O grupo de traballo mixto do Obradoiro de emprego Xallas-Barcala-Dubra IV publicou o listado definitivo de alumnos seleccionados, que se pode consultar no documento adxunto.

 

24 outubro 2018

O grupo de traballo mixto do Obradoiro de emprego Xallas-Barcala-Dubra IV publicou hoxe o listado provisional de alumnos seleccionados, que se pode consultar no documento adxunto.

 

11 setembro 2018

 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria ven de concederlle aos concellos da Baña, Negreira, Santa Comba e Val do Dubra o obradoiro dual de emprego ‘Xallas-Barcala-Dubra IV’ que permitirá a 20 persoas desempregadas maiores de 18 anos (5 de cada concello) formarse nas especialidades de Promoción turística local e información ao visitante e en Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción.

Esta modalidade de obradoiros duais de emprego combinan un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e, como principal novidade, a contratación en prácticas dun mínimo de tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o taller de emprego, sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa, segundo informa a Consellería.

Neste caso, o alumnado que resulte seleccionado do municipio da Baña recibirá durante 9 meses formación profesional para o emprego, alternándoa coa práctica profesional nas dúas especialidades deste obradoiro. Promoción turística local e información ao visitante, por unha banda, e Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción, pola outra.

Ademais, recibirá formación en materias de alfabetización informática, sensibilización ambiental, sensibilización en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e prevención de riscos laborais. E tamén orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial. Para o alumnado participante que non acadara os obxectivos da Educación Secundaria Obrigatoria organizaranse programas específicos para obter o certificado mediante as probas correspondentes.

Poderán ser beneficiarias do obradoiro dual de emprego Xallas-Barcala-Dubra IV persoas desempregadas que teñan 18 ou máis anos e estean inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Todas as persoas que estean interesadas en participar no proceso selectivo que se desenvolverá proximamente deberán achegarse á Oficina de Emprego Santiago Norte, se non están inscritas nela como demandantes de emprego.

 

Attachments:
Download this file (20181024_Listado_Provisional_alumnos_seleccionados.pdf)20181024_Listado_Provisional_alumnos_seleccionados.pdf[Listado provisional de alumnos admitidos]1791 kB
Download this file (20181029_Listado_Definitivo_alumnos_seleccionados.pdf)20181029_Listado_Definitivo_alumnos_seleccionados.pdf[Listado definitivo de alumnos admitidos]2011 kB

 

Os Concellos da Baña e Melide e máis o municipio búlgaro de Pavlikeni celebran ata o día 5 de outubro un intercambio de boas prácticas e de busca común de solucións no eido laboral, como parte dun proxecto financiado pola Unión Europea. No marco deste encontro, A Baña acolleu hoxe unha sesión de traballo na que se falou de políticas e servizos de emprego.

O intercambio enmárcase no proxecto “Alianzas transnacionais para o emprego e o crecemento”, financiado polo Programa Operativo “Desenvolvemento dos recursos humanos 2014-2020”, cofinanciado polo Fondo Social Europeo. O obxectivo desta iniciativa é que municipios de diversos puntos da Unión Europea intercambien impresións e estratexias exitosas en innovación social e boas prácticas, na procura de solucións comúns. Neste caso, no horizonte están a mellora do mercado laboral e a loita contra a pobreza e a exclusión social.

Neste primeiro acto no Concello da Baña a encargada do relatorio principal foi a axente de emprego e desevolvemento local, Dolores Landeira Liñares. Pola súa banda, o técnico de Xuventude do Concello de Santa Comba falou das oportunidades de emprego para os menores de 30 anos nos concellos rurais.

A delegación de Pavlikeni, un municipio de 11.000 habitantes no norte de Bulgaria, está encabezada polo alcalde, acompañado por concelleiros e outros funcionarios locais.

20181021 ALI7373

• A exposición de fotos antigas da Asociación de Veciños O Outeiro espertou a curiosidade de todos os asistentes
• Uns quince produtores presentaron as súas receitas para competir na cata de conservas
• O barbeiro tivo traballo dende primeira hora


20181021 ALI7392Centos de persoas acudiron á carballeira de Ceilán para participar no feirón de Re-Volta e rememorar as grandes feiras que se organizaban nesta parroquia da Baña, que nos anos cincuenta do pasado século era das máis grandes da comarca. O ambiente e os atavíos cos que se vestiron moitos dos asistentes axudaron a cumprir co obxectivo do Concello da Baña cando puxo en marcha esta iniciativa: recordar as feiras e festas que se organizan no municipio hai máis de medio século.

A implicación dos veciños foi tamén unha das notas este ano, como recordaba o secretario da Asociación de Veciños O Outeiro de San Mamede do Monte, a parroquia duns 400 habitantes á que pertence a carballeira de Ceilán. A iniciativa para, aproveitando o Feirón de Re-Volta, organizar unha exposición de fotos antigas foi un éxito. “Participaron moitos veciños, e temos algunha foto de hai uns cen anos, como a imaxe na que se ve a tres mulleres facendo filloas arredor da lareira”, comentaba Fernando Forján.

Unhas imaxes que espertaron a curiosidade de todos os asistentes, que miraban as fotografías con agarimo, recordando ás persoas que aparecían retratadas. A Asociación de Veciños O Outeiro tamén foi a encargada de montar a cantina na que os asistentes á Re-Volta podían tomar viño ou probar uns callos recentemente feitos.

E mentres uns miraban as fotografías e outros tomaban uns viños, o barbeiro da Re-Volta vía medrar a cola de xente agardando para retocar o pelo. Sentado nunha cadeira que anda polos cen anos, o primeiro cliente solicitou o arranxo da súa barba dourada. Ao lado, outros degustaban as marmeladas artesanais, ou dispoñíanse a gozar cos xogos tradicionais preto do adro da igrexa.

Pegadas á carballeira había dúas carpas. Nunha delas, Lito Mambís estaba preparando o pulpo e o churrasco co que darlle de comer a tanta xente como esta mañá se achegou a Ceilán. Na outra, preparada pola organización, podíanse ver produtos artesáns de todo tipo: empanadas, bicas, mel, castañas, roupa, xoias, viño ou marmelos e cestos elaborados na Asociación Aspas. As flores e un taller de maquillaxe para os máis novos tamén se deron cita na Re-Volta este ano.

A cata de conservas artesanais xuntou a quince produtores, que presentaron receitas doces e salgadas para participar nun concurso no que o público foi o encargado de decidir cal de todas elas era a máis saborosa e se levaba como premio un ferrado cheo de produtos artesáns dos que se podían mercar na propia feira (un ferrado en cada categoría). Entre as marmeladas doces había castañas en caldo de azucre, marmelo de mazá e figo, marmelada de pementos. Nos pratos salgados presentáronse castañas con allo porro e cebola, agridoce de pementos, cabaza con ruibarbo e xenxibre, paté de porco con marmelada de bieiteiro ou tomates agridoces.

Os membros do grupo folclórico Faiscas da Pontraga foron os encargados de amenizar a mañá. Ao ritmo da súa música houbo que se animou a botar unhas bailas, mentres outros aplaudían con ganas. E entre tanto outros dedicábanse a tomar fotografías, tanto na feira como noutros lugares da Baña, para participar no maratón fotográfico que organizou o Concello e que tiña como premio, tamén, outro ferrado cheo de produtos artesáns da feira.

A diversión continuará durante toda a tarde do domingo.

Álbumes de fotografías no Facebook do Concello:

20181021 ALI7304

 

27 setembro 2018. Publicación listado definitivo de admitidos

Públicase o listado definitivo de candidatos seleccionados para participar como alumnos/as no Obradoiro de Emprego "XallasBarcala Dubra V", así como as puntuacións dos aspirantes para o equipo docente. Pódese consultar no documento adxunto.

 

14 setembro 2018. Publicación listado provisional de admitidos

Acordo asinado polo Grupo Mixto do Obradoiro de Emprego "Xallas Barcala Dubra V" dos concellos de Santa Comba, Negreira e A Baña

Nos locais da oficina de emprego Santiago Norte o día 13 de setembro de 2018 se reúne o grupo mixto do obradoiro sinalado para facer públicas as listas de persoas participantes  na selección como alumnos traballadores , asi como as do persoal docente .

 

Establecese un prazo de alegacións dos días 14, 17 e 18 de Setembro a presentar en calquera dos Concellos participantes así como nos locais da oficina de emprego Santiago Norte de 9 a 14,00 horas

 

Nos documentos adxuntos pódese consultar toda a documentación.

------

7 de setembro 2018.

Os mozos e mozas de entre 18 e 30 anos residentes na Baña poderán participar nos talleres de emprego impulsados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. O obradoiro do que se beneficia o Concello da Baña —en agrupación cos de Negreira, Santa Comba e Val do Dubra— especialízase en actividades auxiliares de conservación e mellora de montes. Ten unha duración de seis meses e alterna a teoría con práctica profesional. As bases da convocatoria pódense consultar no arquivo adxunto

O alumnado deste obradoiro de emprego firmará un contrato que lle permitirá cobrar un soldo durante medio ano.

Poden asistir a estes cursos todas as persoas de entre 18 e 30 anos. Para acceder ao proceso de selección do obradoiro "Xallas-Barcala-Dubra V" hai que achegarse á Oficina de Emprego Santiago Norte (Rúa do Coto, 19, Compostela) a formalizar a alta no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

Ademais da formación específica para a actividade forestal, o obradoiro actualizará aos asistentes en materias de alfabetización informática, sensibilización ambiental, sensibilización en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e prevención de riscos laborais. Tamén incluirá orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial.

Para o alumnado participante que non acadara os obxectivos da Educación Secundaria Obrigatoria organizaranse programas específicos para obter o certificado mediante as probas correspondentes.

Consulta as bases no arquivo adxunto

Attachments:
Download this file (000_Listado_definitivo_admitidos_no_Obradoiro.pdf)000_Listado_definitivo_admitidos_no_Obradoiro.pdf[Listado definitivo de candidatos seleccionados]4571 kB
Download this file (00_Resolucion_Equipo_mixto.pdf)00_Resolucion_Equipo_mixto.pdf[Resolución Grupo Mixto]83 kB
Download this file (01_PROVISIONAL ALUMNOS 2018.pdf)01_PROVISIONAL ALUMNOS 2018.pdf[Listado provisional de alumnos/as admitidos/as]117 kB
Download this file (02_PROVISIONAL DIRECTOR.pdf)02_PROVISIONAL DIRECTOR.pdf[Listado provisional admitidos posto de director]501 kB
Download this file (03_PROVISIONAL TITOR.pdf)03_PROVISIONAL TITOR.pdf[Listado provisional admitidos posto de titor]502 kB
Download this file (04_PROVISIONAL MESTRE ESPECIALIDADE.pdf)04_PROVISIONAL MESTRE ESPECIALIDADE.pdf[Listado provisional admitidos posto de mestre de especialidade]530 kB
Download this file (05_PROVISIONAL ADMINISTRATIVO.pdf)05_PROVISIONAL ADMINISTRATIVO.pdf[Listado provisional admitidos posto de administrativo/a]502 kB
Download this file (Obradoiro_Emprego_Garantia_Xuvenil_Bases.pdf)Obradoiro_Emprego_Garantia_Xuvenil_Bases.pdf[Bases para a selección do alumnado do Obradoiro de Emprego de Garantía Xuvenil]7321 kB