imprimir
Categoría: Emprego e Desenvolvemento INICIO
Visitas: 463

20190224 Pregoeiras Autoridades

As “filloeiras e filloeiros anónimos, coñecidos só no entorno máis próximo” foron hoxe os protagonistas da XVI Festa da Filloa da Pedra, que quixo render unha homenaxe a todas esas veciñas e veciños da Baña que en 2004 “tivemos que espremer os miolos” para poñer en marcha “unha festa gastronómica, hoxe xa consolidada”, que é coñecida en varios países e ten recollido numerosos premios. 

20190224 Aldara ALI0768Neli Pisco, unha desas filloeiras da Baña que leva dende 2004 traballando na organización da festa, foi a encargada de ler o pregón en representación das 50 filloeiras e 3 filloeiros que este ano colaboraron coa Asociación Filloas da Pedra e co Concello da Baña para levar adiante unha exaltación gastronómica que reuniu a miles de persoas en San Vicenzo. 

Neli Pisco non estivo soa. Acompañárona como pregoeiras Arita País, a filloeira más veterana e de maior idade das que seguen en activo, que foi presentando unha a unha ás persoas que atendían as pedras; e Alba Losa Landeira,que viña sendo a filloeira máis nova da Baña. Un posto, o de filloeira máis nova, que este ano correspondeulle á Aldara Grille Tomé, de tan só 9 anos, que estivo facendo filloas toda a mañá e ata lles ensinou ás conselleiras do Mar, Rosa Quintana, e de Política Social, Fabiola García, como se fan as auténticas filloas da pedra da Baña.

O alcalde, Andrés García Cardeso, agradeceu o traballo e implicación de veciñas e veciños que manteñen viva a Festa da Filloa da Pedra. García Cardeso, coincidindo co aniversario do nacemento de Rosalía de Castro que se celebra hoxe, invitou a todos os presentes “a regalar un libro, e tamén unha filloa da pedra”, ao tempo que tivo un “recordo moi especial” para todos os habitantes de Venezuela “un país no que viven e viviron moitos galegos emigrados e que está a pasar por momentos moi complicados”.  Entre as autoridades que asistiron á festa, ademais dos xa mencionados, atopábanse o delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; a alcaldesa de Santa Comba, o de Val do Dubra e o tenente alcalde de Boqueixón.

20190224 FilloeirasE mentres Neli Pisco, Arita País e Alba Losa pronunciaban o pregón, a cola para mercar filloas da pedra medraba no polideportivo de San Vicenzo. Miles de persoas pasaron esta fin de semana polo recinto da festa, ata o punto de esgotar as existencias, e iso que a organización foi precavida. Preparáronse 1.400 litros de amoado (a base de auga, sal, fariña e moitos ovos) que deron para facer algo máis de 6.000 filloas. Lino, Manolo e Longueira foron os encargados do cocido, e xa dende o sábado coceron 100 quilos de lacón, 80 de orella, e chourizos, cacheiras, touciño entrefebrado, costela, grelos e patacas que acabaron desaparecendo a medida que ían aumentando os visitantes. Habían quen pedía tamén tapas doces, a base de filloa, chocolate, mel, nata e marmelo con queixo.

Os postos de artesanía dábanlle un colorido especial ao pavillón. Alí tamén estaba o alumnado do CPI da Baña, vendendo camisetas e cuncas para recadar fondos para a excursión de fin de curso. Os Campantes da Baña e Sarillo, de Aiazo, animaron a mañá e a sobremesa, mentres que a Orquestra Charleston Big Band deu comezo a verbena cando aínda as pedras botaban fume e seguían sacando filloas para saciar os padais de moitos visitantes.

Album de fotos no Facebook do Concello (preme aquí).

 20190224 Publico da Festa Filloa Pedra