imprimir
Categoría: Emprego e Desenvolvemento INICIO
Visitas: 965

20190223 ALI0615

Voluntarias e voluntarios da Baña comezaron esta tarde a quentar as pedras e facer as primeiras filloas para poder saciar a fame de todos os que mañá se acheguen ata o polideportivo de San Vicente durante o día grande da Festa da Filloa da Pedra. Nesta ocasión, o traballo foi máis pracenteiro grazas a Foliada Filloeira que preparou a organización como novidade da décimo sexta edición desta exaltación gastronómica.

20190223 ALI0605As Pandeireteiras e a Escola de Gaitas da Baña estiveron acompañados durante a tarde deste sábado por As Xoubas e Os Viracunchos do OCT Ultreia (de Santiago), Tíralle do Aire (Negreira) e a charanga Os Sentenarios (de Muros). Entre filloa e filloa, e vendo o animado do ambiente, voluntarias e voluntarios animábanse a botar algunha baila (podes ver o album de fotos no facebook do Concello, neste enlace)

O Concello da Baña e a Asociación Filloa da Pedra teñen preparados 1.400 litros de amoado, feito con auga, fariña, ovos e sal para facer uns cantos miles de filloas. Deles, uns 400 litros xa se acabarán o sábado. Mañá, domingo, dende as dez da mañá, as 36 pedras de 50x50 centímetros estarán dando unha filloa cada sete minutos, aproximadamente, mentres as 100 persoas voluntarias se irán repartindo entre atender as pedras, á cantina, aos visitantes e para servir tamén os chourizos, orellas, nata, mel e, como novidade este ano, o cocido para acompañar ás filloas.

A ruta BTT Filloa da Pedra, que nas dúas edicións anteriores se celebraba o día grande da festa, trasladouse este ano para o domingo 17 de marzo. Os amantes ao ciclismo teñen ese día unha cita para coñecer os excelentes paisaxes da Baña. As inscricións pódense facer na páxina web do Concello da Baña.

Programa para o domingo

 

O domingo 24 será o día grande da XVI Festa da Filloa da Pedra no polideportivo de San Vicenzo, que abrirá ao público a partir das 10.00 horas. Durante todo o día os asistentes poderán degustar as excelentes filloas da pedra que elaborarán as voluntarias e voluntarios da Asociación e que se servirán soas, con chourizo, nata ou mel, coma todos os anos. A novidade desta edición é que as filloas serviranse tamén acompañadas da súa parella perfecta: o cocido.

Os Campantes da Baña e a agrupación Sarillo de Aiazo serán os encargados de poñer a música pola mañá, con actuación ás 12.30 e 14.30 horas, respectivamente. Os máis pequenos terán un espectáculo dedicado para eles as 16.30 horas cos Animacreques, e a partir das seis da tarde a Orquestra Charlestong Big Band animará a verbena.

O Estudo obradoiro de cerámica Alén das Olas impartirá talleres de cerámica durante todo o día, e para repoñer forzas, ademais de degustar as ricas filloas da pedra da Baña, os asistentes poderán achegarse ata os postos de polbo e churrasco que se instalan nas inmediacións do polideportivo municipal.