imprimir
Categoría: Emprego e Desenvolvemento INICIO
Visitas: 955

20181215 Peche Trafico

 

O Concello da Baña manterá mañá, domingo, pechadas ao tráfico as rúas da Praza do Concello pola celebración do Mercadiño de Nadal e de todas as actividades programadas para dar comezo ás festas.

En concreto, dende ás nove da maña ata as sete da tarde, permanecerá pechada ao tráfico a rúa Praza do Concello, no tramo que vai dende a rúa de Castelao ata a rúa de Rosalía de Castro, debido a que na praza que está diante da casa consistorial estará situada a carpa do Mercadiño de Nadal. Esta rúa é a que comunica A Baña con Santa Comba dende o centro de San Vicenzo.

Para facilitar a circulación estarán habilitadas rutas alternativas. Dende o Concello da Baña recomendan a todas as persoas que queiran ir en coche ata Santa Comba que utilicen o periférico.

As actividades programadas para mañá, domingo, comezan ás 10.00 horas coa saída do autobús para facer a Ruta do Románico e visitar as igrexas de Portor, Lañas e Paramos. O técnico de turismo Eutropio Rodríguez será o encargado de explicarlles aos asistentes as características de cada construcción.

As 12.30 horas, tamén na Praza do Concello, dará comezo o Concerto de Nadal a cargo dos profesores da Escola Municipal de Música Ramón Domínguez e Moncho Ces. Ás 16.30 horas na casa da cultura empeza o espectáculo dos musicreques titulado Os Quebranoces; e ás 17.00 Cayetano Lledó ofrecerá un espectáculo de maxia, antes de que Os Campantes da Baña inunden o recinto coa súa música, ás 18.00 horas. A visita de Papá Noel será o outro gran atractivo da tarde, sobre todo para os máis novos.

E ademais do Mercadiño de Nadal, no que se poderán ver e comprar produtos de artesanía, de gastronomía e agasallos para estas datas, o Concello da Baña tamén programou un mercado outlet e de segunda man na que todas as persoas interesadas poderán intercambiar e vender aquelas cousas que xa non precisen e que, tal vez, lles interesen a outras persoas.