imprimir
Categoría: Emprego e Desenvolvemento INICIO
Visitas: 957

20210108 MAIS2020 web

Os alcaldes da Baña, Negreira, Santa Comba e Val do Dubra inauguraron esta mañá o obradoiro dual de emprego Máis2020, que vai formar a 20 persoas desempregadas dos catro concellos en pintura decorativa en construción (8 persoas) e en limpeza en espazos abertos e instalacións industriais (12), cunha achega de 346.946 euros da Consellería de Emprego e Igualdade. 

“Esta é unha iniciativa beneficiosa para ambas partes. Para vos, como alumnado, que vos poderes formar nestas especialidades para incorporarvos ao mercado laboral, e tamén para os concellos, porque as obras van quedar ai”, lles dixo José Antonio Pereira, alcalde da Baña ás persoas seleccionadas para esta iniciativa. “Tendes un profesorado que son grandes profesionais, dos que poderedes aprender moito”, engadiu.

Os outros alcaldes trasladáronlles mensaxes similares ao alumnado. O de Negreira, Ángel Leis, pediulles “tranquilidade e paciencia, e cumprir as normas sanitarias” durante este período de formación. “O obradoiro supón unha boa oportunidade laboral, porque ides recibir un certificado de profesionalidade”, recordoulles o rexedor de Val do Dubra, José Manuel Varela. O alcalde de Santa Comba, David Barbeira, recalcou que este obradoiro “supón unha oportunidade para volver integrarse na sociedade e no mercado laboral, sobre todo para aquelas persoas que levan tempo no paro”.

Durante os nove meses que dura Máis2020, o alumnado recibirá o salario mínimo interprofesional, máis a parte proporcional das pagas extras. Neste obradoiro, que ten sede na Baña, fórmanse cinco persoas de cada un dos concellos, 2 delas na especialidade de pintura, e outras 3 na de limpeza.

No caso da Baña, o alumnado vai pintar o interior do centro social e da terceira idade e tamén a casa de cultura, ademais de facer limpeza de beirarrúas, marquesiñas e contedores.

No acto de inauguración, ademais dos alcaldes, as técnicas de emprego dos catro concellos e o profesorado do obradoiro dual de emprego Máis2020,  participaron tamén membros do equipo de goberno e representantes do PP da Baña.

20210108 mais2020 02 web