imprimir
Categoría: Emprego e Desenvolvemento INICIO
Visitas: 1134

20200507 Cultivos COVID19 Baña

Consellería do Medio Rural publicou o pasado martes, 5 de maio, no Diario Oficial de Galicia unha Orde sobre a venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados, a venda e produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais e o desprazamento de agricultores e viticultores para os efectos da realización de actividades agrarias.

Esta orde establece que aquelas persoas que se teñan que desprazar para coidar cultivos ou viñas de autoconsumo deberán levar consigo unha declaración responsable na que se identifique a parcela que se vai coidar e o tipo de cultivo que se realiza nela.

O Concello da Baña facilítalle á veciñanza un modelo de declaración responsable para que o poidan cubrir e levar consigo cando teñan que desprazarse para coidar estas leiras. 

A identificación da parcela deberá facerse, preferentemente, indicando o número de referencia catastral, que se atopa no recibo da contribución. En caso de non localizar este número poden chamar por teléfono ao Concello (981 886 501) para que llo faciliten.

Na situación actual da desescalada, permítese o desprazamento de dúas persoas para o coidado de cultivos para autoconsumo. A orde da Consellería do Medio Rural establece que estes traballos se levarán a cabo en todo caso polo tempo mínimo e imprescindible, e respectando as distancias de seguridade e demais protocolos de prevención establecidos pola autoridade sanitaria. Na declaración responsable deberá especificarse esta situación, sinalando en concreto o tipo de traballos ou cultivos ou, se é o caso, a causa xustificada de que se trate.

O desprazamento para o coidado de cultivos ou viñedos para autoconsumo pódese facer dentro do mesmo termo municipal no que se teña fixado o domicilio ou a un municipio adxacente.

O modelo de declaración responsable pode descargarse no arquivo adxunto.

Attachments:
Download this file (20200507_declaracion_responsable_cultivos_COVID19.doc)20200507_Declaracion_Responsable_Cultivos[20200507_Declaracion_Responsable_Cultivos]31 kB