imprimir
Categoría: Cultura e educacion sin foto
Visitas: 830

Cartel Musicos ARiva FBA moi musical parroquia da Riva, no concello da Baña, homenaxeará o vindeiro sábado 17 de marzo aos máis de trinta intérpretes nacidos na localidade. A Asociación de Veciños Nosos Aires programou para a xornada actos que inclúen unha misa cantada, un xantar e nos que, por suposto, non faltará a música con sesión vermú, charangas, dúos e actuacións sorpresa que chamarán ao baile aos asistentes.

A festa celébrase baixo a denominación 100 anos de música na Riva, un título que resume ben a importancia do ritmo e da melodía na parroquia. Nela naceron instrumentistas que fixeron carreira en formacións clásicas de música galega coma Los Españoles, Xuntanza, Compostela, Oriente, Dinámicos ou a desaparecida Banda Municipal da Baña. Pianistas, saxofonistas, guitarristas e cantantes, desta localidade barcalesa de pouco máis de cen habitantes partiron multitude de talentos que fixeron carreira tanto en orquestras coma en conxuntos de música moderna, galegos e do estranxeiro.

Na homenaxe do sábado haberá músicos con idades que van dos 25 aos 86 anos. “Será unha festa da música”, sinalou o presidente da AVV Nosos Aires da Riva, José Manuel Ramos Freita, quen prevé que participen no xantar máis de 200 persoas. Segundo Ramos Freita, este acto conmemorativo “é emocionante para todos, porque poderemos revivir a importancia que esta parroquia tivo no seu día, precisamente nun lugar, o Campo da Carballeira, no que os veciños máis vellos recordan que se celebraba unha das feiras máis grandes da comarca de Barcala”.

O programa de actos comeza á unha e media cunha misa cantada no Campo da Carballeira, á que seguirá unha sesión vermú co grupo Os Campantes. A comida constará dun menú tradicional a base de empanada, polbo á feira e carne ao caldeiro, ademais de sobremesa e café. Ten un custo de 25 euros e, para garantir a comodidade dos comensais, a organización colocará unha carpa con peche lateral. Xa pola tarde, a música porana a charanga Os Celtas, o dúo Amenal e artistas convidados, como homenaxe aos seus colegas nacidos na Riva.