• Premiarase o vídeo da lectura en galego máis votado na páxina de Facebook do Concello

  • Os traballos audiovisuais terán unha duración de menos dun minuto e poderán presentarse entre o 11 e o 17 de maio

  • A persoa gañadora recibirá un lote de libros

20200511 Video LetrasO Concello da Baña convoca o I Concurso de Vídeo Letras Galegas, no que poderán participar todos os veciños e veciñas que o desexen con pequenas creacións de menos dun minuto. Cada participante poderá gravar ata tres vídeos dunha lectura en galego seleccionada entre os libros das figuras homenaxeadas polas Letras Galegas, en especial de Ricardo Carballo Calero, autor escollido para este 2020.

As pezas deben subirse como un comentario á entrada na páxina de Facebook do Concello da Baña co cancelo #ConcursoDeVídeoLetrasGalegas. O vídeo que reciba máis "gústame" será o gañador do certame e recibirá como premio un lote de libros. En caso de empate a votos, será un xurado do ámbito da cultura e da lingua o que resolva.

Os vídeos poden comezar a compartirse xa mesmo. O prazo remata o próximo domingo 17 de maio, día das Letras Galegas.

Pode consultar as bases do concurso no arquivo adxunto a esta nova.

Enlace á entrada no Facebook da Baña.

Attachments:
Download this file (BASES DO I CONCURSO DE VÍDEO LETRAS GALEGAS.pdf)Bases do I Concurso de Vídeo Letras Galegas[Bases do I Concurso de Vídeo Letras Galegas]72 kB

A partir do 27 de maio próximo xa se poden presentar as novas creacións ao certame Youtubeir@s 2020.

As entidades organizadoras deste proxecto acordaron facer públicas as bases antes de iniciar o prazo de participación para facilitarlles a todas as persoas interesadas as condicións que deberán reunir para optar a algún dos galardóns. Deste xeito, a vitalidade creativa que se está amosando durante o período de confinamento poderá canalizarse tamén á participación nos premios.

Youtubeir@s, tanto con estes premios como coas demais actividades que inclúe -formación, divulgación, encontros coa comunidade etc.-, ten como obxectivo ampliar o uso do galego na produción audiovisual non profesional que se distribúe polas redes, convidando as persoas a compartiren contido en galego e a incorporaren a nosa cultura, as nosas tradicións e o noso saber a estas canles e colaborando a difundir os traballos e as persoas que os producen para crear e asentar a comunidade youtubeira.

O evento máis sobranceiro do programa, activo desde 2016, é a convocatoria anual do concurso, que este ano incorpora novidades. A primeira e máis destacada é a modificación e ampliación de categorías, que pretende dar cabida á totalidade de xéneros que se están producindo e tamén recoñecer un máis amplo abano de cuestións relevantes no fenómeno youtubeiro. Como resultado desta modificación aumenta tamén o orzamento dedicado aos premios.

Establécense tres categorías principais dotadas con 1.000 euros cada unha:

  • CANLE
  • YOUTUBEIR@
  • VÍDEO

Dótanse asemade con 500 euros outros nove premios nas seguintes modalidades:

  • CALIDADE LINGÜÍSTICA
  • IMPACTO
  • CALIDADE TÉCNICA
  • COMUNICACIÓN
  • CREATIVIDADE
  • MUSICAL
  • DIDÁCTICO
  • PIONEIRO
  • DO PÚBLICO

As persoas que desexen participar no certame deben ter en conta que os traballos teñen que estar publicados despois do 27 de setembro de 2019 e cumprir co resto das especificacións que recollen as bases da convocatoria.

Youtubeir@s é un programa que organizan e manteñen os servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Moaña, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Rianxo, Teo e O Grove, as universidades de Santiago, A Coruña e Vigo ademais da Deputación da Coruña.

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución da consellería de Cultura e Turismo pola que se convocan os cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados Celga. Estes cursos poden ser solicitados por aquelas persoas, maiores de dezaseis anos, que desexen mellorar o seu coñecemento e dominio do galego e preparar as probas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca para certificar a competencia nesta lingua.

A Xunta de Galicia ofrece un total de 35 cursos, dos cales 11 se impartirán na modalidade presencial e os 24 restantes na de teleformación. Todos eles son gratuítos e teñen unha duración de 70 horas lectivas. Os cursos presenciais desenvolveranse de luns a xoves, en horario de tarde, entre o 16 de marzo e o 8 de maio de 2020. Na provincia da Coruña realizaranse seis cursos deste tipo, dous deles en Santiago de Compostela (Celga 3 e Celga 4). Nesta provincia tamén se ofrecen 9 cursos na modalidade de teleformación.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 19 de febreiro. Para máis información pode consultarse a resolución desta convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia número 19 de 29 de xaneiro de 2020, neste enlace.

20200224 Cartel Ricinhos webAs familias participantes do programa Apego na Baña están convidadas a participar este venres, 28 de febreiro, no contacontos teatral Riciños de ouro e os tres osos, a cargo de Trinketrinke Teatro.

A actividade, enfocada a público familiar, comezará ás 18.15 horas na casa da cultura da Baña. A entrada é libre ata completar o aforo.

Esta función, encadrada na programación do Apego, está organizada polo Concello da Baña, a través do Servizo de Normalización Lingüística; coa colaboración da Deputación da Coruña, por medio de Ler conta moito; e da Xunta de Galicia.

20200121 Cartel Mago TetoO Mago Teto presenta As novas tolemaxias este venres, 24 de xaneiro, na casa da cultura da Baña. O espectáculo vai dirixido ás familias do Apego e está organizado polo Concello da Baña, a través do Servizo de Normalización Lingüística, co patrocinio da Deputación da Coruña. A función dará comezo ás 18.15 horas.

En palabras do Mago Teto, un dos ilusionistas máis veteranos de Galicia malia a súa xuventude, As novas tolemaxias é "un espectáculo entretido, divertido, estético, emotivo e, sobretodo, cheo de ilusión e de ilusións". O show supón o retorno do mago á esencia do ilusionismo, cun espectáculo cheo de efectos novidosos e adaptado a todos os públicos.

Esta actuación enmárcase na programación do proxecto Apego, un programa colectivo no que participa o Concello da Baña xunto con outros municipios galegos, destinado a fomentar e mellorar a transmisión do noso idioma domo lingua inicial e a socialización en galego dende o berce.