imprimir
Categoría: Turismo
Visitas: 1128

Filloas e Folk no Camiño foi o nome elixido pola Asociación Filloas da Pedra da Baña para organizar este domingo, 19 de agosto, un evento que ten por obxectivo promover o Camiño de Santiago a Muxía pola Baña e, ao mesmo tempo, promocionar as filloas da pedra.

A iniciativa, que se enmarca no proxecto Explora, descobre e actúa, tenta recuperar unha antiga tradición segundo a cal moitos camiñantes facían, ao revés, o Camiño de Santiago a Muxía pasando pola Baña. Neste caso, os asistentes farán o tramo dende Especedo ata Cores.

Filloas e Folk no Camiño’ conta coa colaboración do Concello da Baña e do GDR Terras de Compostela e os interesados en asistir deberán anotarse ata o 17 de agosto na Axencia de Desenvolvemento Local da Baña ou nos teléfonos 981 886 777 e 981 886 501 (Concello da Baña) ou no GDR Terras de Compostela (981 818 357).

Os participantes reuniranse na área recreativa Agra de Chans ás 08.30 horas do domingo 19 de agosto. Dende aquí desprazaranse en autobús ata Especedo, dende onde percorrerán o Camiño Santiago a Muxía ata o Pazo de Cores, pasando por Ferraces, para visitar o seu pazo, a igrexa de Ordoeste, a de Seoane e o pazo de Cores. Dende aquí farase en autobús o viaxe de volta ata a Baña.

A Asociación Filloas da Pedra da Baña ofrecerá na área recreativa Agra de Chans unha degustación gratuíta de filloas da pedra, soas e acompañadas con outros produtos da zona. As agrupacións bañesas Os Campantes e As Pandereteiras amenizarán o xantar coa súa música.

A técnica de turismo da Baña será a encargada de guiar aos camiñantes e de explicarlles todos aqueles puntos de interese que visiten durante esta camiñada.