imprimir
Categoría: Turismo
Visitas: 1218

20200804 VeranNoTambre cartelOs concellos da Baña, Negreira e Val do Dubra promoven por segundo ano consecutivo a iniciativa 'Verán no Tambre', un programa de rutas de sendeirismo que busca dar a coñecer as paisaxes únicas e os enclaves singulares das proximidades do río Tambre nesta zona.

As rutas realízanse os sábados 8 e 29 de agosto e o 5 de setembro, todas elas con saída ás 9 da mañá. Estas actividades contan con prazas limitadas, polo que haberá que inscribirse previamente (no teléfono 650 796 956) e cada persoa poderá anotar un máximo de catro participantes. Ademais, será imprescindible o uso de máscara e seguir as recomendacións impostas pola situación sanitaria actual.

A ruta inaugural do 'II Verán no Tambre' terá lugar o 8 de agosto no concello de Negreira. Os camiñantes xuntaranse na praza da feira para percorrer a coñecida Ruta dos tres Pazos, de 15,5 quilómetros e circular. O itinerario conduciraos polo paseo fluvial do río Barcala, o refuxio de Covas, o monte Bergando, Ponte Maceira e os pazos do Cotón, Baladrón e Albariña, todos eles a pouca distancia do río Tambre.

A seguir, o sábado 29 de agosto percorrerase no concello da Baña a Ruta da Ribeira do Tambre, con 11 quilómetros de lonxitude ida e volta. Partindo da área recreativa de Fiopáns, os participantes subirán a carón do río deixando atrás a Portalaxe e as súas pontellas, percorrerán camiños de pescadores e labregos e desfrutarán da andaina por un bosque de ribeira con carballos centenarios, como o de Cancelos, e muíños.

A cita no concello de Val do Dubra o 5 de setembro pechará este programa. A Ruta do Remuíño, con 13 quilómetros ida e volta, partirá do colexio de Portomouro para subir río arriba pola ponte de Portomouro e pola pequena aldea abandonada das Novais e os restos da súa capela, cruzando bosques autóctonos e tamén a histórica fábrica do Remuíño que lle dá nome á ruta, pioneira desta zona na transformación da enerxía hidráulica en electricidade a mediados do século XX.