imprimir
Categoría: Turismo
Visitas: 541

 3ALI0756

A Asociación Filloas da Pedra da Baña ten xa todo preparado para comezar a XVII edición desta exaltación gastronómica que, este ano, compartirá protagonismo mañá coas filloas de Muimenta e, o domingo, coa feira de cans de caza. Os amantes das filloas pódense achegar ata o polideportivo de San Vicenzo a partir das 16.30 horas do sábado para degustar as filloas da pedra da Baña e as da localidade lucense, e para gozar coa música galega na Foliada Filloeira.

Durante toda a tarde, ademais do produto estrela esta fin de semana, os participantes poderán gozar coas actuacións das agrupacións folclóricas Sarillo de Aiazo, Os Sentenarios, Mestura Folk, a Escola de Gaita e as Pandeireteiras da Baña.

O domingo, día grande da festa, o polideportivo abrirá ás 10.00 horas. Alí estarán xa preto de corenta pedras atendidas polas voluntarias e voluntarios da Asociación Filloas da Pedra para satisfacer os padais más esixentes. Durante todo o día poderanse degustar filloas, soas ou acompañadas de lacón con grelos, chourizo, orella de porco, queixo, nata, mel ou chocolate.

O programa festivo inclúe, ás 11.30 horas do domingo, un obradoiro de construción de horta ecolóxica en bancais, que impartirán os participantes no obradoiro de emprego Xóvenes2019. A música matinal correrá a cargo dos Campantes da Baña (12.30 horas), antes de que o director do programa radiofónico ‘+d1 Compostela’, de Onda Cero, Ramón Castro, pronuncie o pregón.

Ás 15.30 horas, a Charanga BB+ animará a bailar aos asistentes e, ás 16.30, Silvia Capelo impartirá un taller de estampación e creación de camisetas. A verbena coa orquestra Finisterre, dende as 18.00 horas, poñerá o broche de ouro a esta festa.

A Asociación Filloas da Pedra da Baña, que conta coa colaboración do Concello, ten programadas diferentes actividades para que todos os asistentes poidan gozar dunha xornada festiva. Tirolina, rocódromo e outros divertimentos. Postos de artesanía e gastronomía e os polbeiros tampouco faltarán a esta cita.

20200216 Feira Cans Caza

Feira de cans de caza

E de forma paralela á Festa da Filloa da Pedra, a Baña volve recuperar a tradicional Feira de Cans de Caza, que este ano completou as 160 prazas dispoñibles. O recinto feiral, que estará situado na finca municipal detrás do CPI San Vicente, abrirá ás 08.00 horas, aínda que a feira celebrarse entre as 10.00 e as 13.00 horas.

Haberá premios para os mellores exemplares de caza maior, caza menor, pluma, mellor manda de cans e mellor camada de cachorros, así como un premio especial ao mellor can da feira. Os premios entregaranse ás 13.30 horas.

Organizada polo Concello da Baña en colaboración coa Asociación Deportiva de Cazadores San Can e a Federación Galega de Caza, os amantes deste deporte poderán gozar na feira co simulador de tiro da federación.