20190426 Maraton Contacontos

A Casa da Cultura bañense acolleu hoxe a novena edición da Maratón de Contacontos en Galego, organizada polo Concello da Baña, que incluíu como actuación especial a participación da moza Liliana Ruyère de Lonxetodo. A xornada servíu para conmemorar o Día do Libro 2019 e rematou coa distribución gratuíta de libros da campaña Libros para sermos libres.

As auténticas protagonistas da IX Maratón de narración de contos foron as familias do municipio, que se animaron a contar algunhas das súas historias favoritas diante da cativada. Como en edicións anteriores, todos os participantes foron agasallados cun libro infantil.

Para continuar coa troula, e tras presentar o seu espectáculo teatral en cidades como NovaYork, actuou a pequena Lilí de Gruyère de Lonxetodo. Cos seus relatos, os asistentes aprenderon moitos coñecementos que espertaron a curiosidade dos máis pequenos e pequenas do concello.

Para rematar este día, e grazas á campaña Libros para sermos libres, ninguén marchou coas mans baleiras, posto que se distribuíron exemplares de xeito gratuíto entre os asistentes.

 

20190425 Cartel Dia Do LibroO vindeiro venres 26 de marzo, o Concello da Baña celebra o IX Maratón de contacontos. Con motivo do Día do Libro, a Casa da Cultura bañense acollerá a novena edición deste acto, que estará acompañado pola actuación da ratiña Lilí Ruyère de Lonxetodo. A xornada rematará co reparto de libros gratis da Campaña “Libros para sermos libres”.

Este venres, a partir das 17.00 horas, o Concello da Baña levará a cabo as celebracións con motivo do Día do Libro. Por noveno ano consecutivo, a Casa da Cultura acollerá o Maratón de Contacontos en galego, que se está a afianzar ano a ano gracias a todas as familias que se animan a participar narrando os seus contos favoritos. Como nas edicións anteriores, os colaboradores terán un libro infantil de agasallo.

Unha vez rematado o maratón, a ratiña Lilí Gruyère de Lonxedetodo visitará A Baña. O seu contacontos teatral chegará ás 18.30 horas para aprender aos asistentes un montón de coñecementos que van espertar a curiosidade da cativada.

 
Para rematar esta xornada, arredor das 20.00 h, todas as persoas que se acheguen pola entrada da Casa de Cultura poderán levar libros de agasallo dentro da Campaña "Libros para sermos libres", que se desenvolve dende a área de cultura e normalización lingüística da Deputación da Coruña.  

20190412 PAIAs familias do Concello da Baña xa poden preinscribir aos seus fillos e fillas no Punto de Atención á Infancia para o curso 2019/2020. A continuación, detállase toda a información necesaria.

Persoas destinatarias: nenos e nenas de 3 meses a 3 anos (non puideron cumprir os 3 anos ao 31/12/2018), agás se teñen necesidades específicas de apoio educativo susceptibles de integración.

Renovación de praza: para os nenos e nenas que xa están matriculados. Faranse todos os trámites no Punto de Atención á Infancia.

Prazo de solicitude: do 12 de abril ao 11 de maio de 2019 incluidos.

Para máis información sobre o procedemento, funcionamento ou outras dúbidas do Punto de Atención á Infancia poden dirixirse a Patricia nos números de teléfono 981 817 605/ 608 819 741, no correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou na casa da cultura de San Vicente en horario de 9 a 14 horas.

Solicitudes de novo ingreso: a solicitude e documentación complementaria poden solicitala no despacho da educadora familiar na Casa da Cultura, ou ben consultala e imprimila dos documentos adxuntos a continuación.

Attachments:
Download this file (Anexo_1_PAI_BAÑA.pdf)Anexo_1_PAI_BAÑA.pdf[ ]261 kB
Download this file (Anexo_2_Continuacion.pdf)Anexo_2_Continuacion.pdf[ ]54 kB
Download this file (baremo.pdf)baremo.pdf[ ]55 kB
Download this file (BOPPAI2019.pdf)BOPPAI2019.pdf[ ]140 kB

20190415 OdoesteO alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, asistiu o pasado sábado aos actos conmemorativos do 40 aniversario da Asociación de Veciños Camiño Real de Ordoeste, e entregoulles unha placa co escudo do concello a cada un dos membros da xunta directiva, xunto cunha reprodución en bronce da casa do concello ao presidente, Manuel Gómez García, que leva na directiva dende que se constituíu a entidade. No acto houbo unha mención especial para Amalia López, a primeira directiva da asociación, e tamén para o ex tesoureiro Ángel Manteiga, que faleceu o pasado ano. Unha obra de teatro e a proxección dun vídeo conmemorativo, serviron para completar a programación da xornada, que rematou cos asistentes compartindo experiencias e anécdotas mentres degustaban uns petiscos.

A Asociación de Veciños Camiño Real de Ordoeste constituíuse o 10 de abril de 1978 nunha reunión celebrada no teleclub parroquial, na que se nomeou presidente da xunta directiva a Herminio Brenlla Canelas e na que figuraban como vogais Manuel Gómez García (da aldea de Cruceiro), Ceferino Almozara (Couto) e Ángel Manteiga (Cotovades). Catro décadas despois, Manuel Gómez é o presidente da asociación e Ceferino Almoraza continúa como vogal.

A representación da obra ‘As mil e unha noites’, a cargo da compañía Teatro dos Ghazafelhos, fixo gozar as preto de setenta persoas que estaban presentes no teleclub, entre os que se atopaban o alcalde e representantes da Corporación municipal. Despois do teatro, a xunta directiva proxectou un vídeo conmemorativo dos 40 anos de vida da entidade, no que Manuel García, Alicia Blanco (actual secretaria), Manuel Blanco (tesoureiro) e Ceferino Almozara recordan como se constituíu Camiño Real e os fitos máis importantes que acadaron nestas catro décadas. A construción da área recreativa e do parque infantil para os pequenos, ou as melloras nas escola, a que lle botaron o tellado e a placa, son algúns destes logros.

Tanto no vídeo como na reunión do sábado, a actual directiva fixo un chamamento á xuventude para que se implique e se anime a participar na directiva, para “poder acadar cousas que interesen a maioría dos habitantes da parroquia”, como explicou o presidente e o tesoureiro.

Para a organización dos actos, a Asociación de Veciños Camiño Real contou cunha achega da Deputación da Coruña, que financiou a edición do vídeo e tamén a dixitalización do libro de actas, para conservar os acontecementos máis importantes da historia do colectivo. O Concello da Baña tamén colaborou coa organización dos actos, durante os cales se tivo un recordo especial para Amalia López, a primeira muller que se incorporou á xunta directiva e que non puido asistir á celebración por problemas de saúde. Outra mención especial foi para o ex tesoureiro Ángel Manuel Manteiga, que formou parte da directiva de Camiño Real dende a constitución ata o seu pasamento en febreiro de 2018. “Manteiga traballou moito pola asociación, sen el posiblemente xa non houbéramos chegado ata aquí. Para poder celebrar outros corenta anos é seguir conseguindo cousas para a parroquia polo que precisamos que os veciños se impliquen e participen activamente”, sinalou Manuel Blanco.

En homenaxe a todas as persoas que durante estes 40 anos se implicaron na directiva e traballaron na Asociación de Veciños Camiño Real de Ordoeste, o Concello colocou unha placa conmemorativa na escola. Para rematar os actos todas as persoas asistentes compartiron anécdotas e proxectos mentres degustaban uns petiscos.

20190408 Cartel Obradoiro Unguentos FB

Os vindeiros días 6 e 7 de maio levarase a cabo no Local social de Corneira un taller de elaboración de ungüentos naturais. O obradoiro farase de 17.00 a 19.00 horas nas dúas xornadas e terá un custo de 5 euros.
Para máis información, contacta coa Axencia de desenvolvemento local a través dos seguintes números de teléfono: 981886 777 – 682 859 367.