- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 586
-
Superan a participación da anterior convocatoria, tanto en produtos como en canles
-
A cuarta edición pechará o prazo de inscrición o vindeiro 23 de outubro
-
Increméntanse a variedade e a calidade dos contidos
-
Repartirán 7.500 euros en premios entre as doce categorías do certame
-
A Baña é un dos dez concellos impulsores, ademais das tres universides galegas e a Deputación da Coruña
A cuarta edición dos Premios Youtubeir@s, organizados polos servizos de normalización lingüística do Concello da Baña e outros nove máis, das tres universidades e da Deputación da Coruña, recibiron xa dende que se abriu o prazo de inscrición o pasado maio un total de 300 vídeos e 50 canles que competirán nas doce categorías nas que se dividen os galardóns. Así, a participación superou xa as cifras rexistradas na edición de 2019, ano no que concorreron ao certame 240 vídeos e 31 canles. Dende a organización dos Premios Youtubeir@s, agárdase que estes números aumenten nas últimas semanas de prazo, tendencia que se vén repetindo dende a posta en marcha desta iniciativa. O prazo de inscrición finalizará o vindeiro 23 de outubro de 2020 ás 23.59 h.
Dende a organización dos premios, destácase que entre os concorrentes deste ano atopamos un perfil de youtubeir@ máis consistente que xera contidos cunha periodicidade fixa fronte a modelos de anos anteriores, cando participaban vídeos de persoas creadoras non habituais. Ademais, apúntase a un mellor coidado das canles, dos contidos e das redes sociais empregadas polas yotubeir@s xa inscritas. Detéctase, por outra banda, que están a se ampliar as temática tratadas, de xeito que asuntos menos frecuentes en edicións anteriores, como canles para nenos e nenas, o fútbol, os videoxogos ou o trap contan con maior presenza.
7.500 euros en premios.
A cuarta edición dos Premios Youtubeir@s contan con cambios significativos nas súas bases en comparanza con anos anteriores e un incremento da súa dotación económica, que pasa dos 6.500 euros de 2019 a 7.500 euros para repartir nas doce categorías do certame neste ano. O concurso está aberto a todas as persoas maiores de 14 anos con canles e/ou vídeos en galego, autoproducidos, subidos a Youtube e que estean publicados con data posterior ao 27 de setembro de 2019. No caso de presentar unha canle, esta debe conter polo menos 5 vídeos, maioritariamente en galego e realizados con posterioridade a esa mesma data. Deste xeito, os Premios Youtubeir@s regresan cuarto ano consecutivo co obxectivo de animar a creación de vídeos con temáticas e formatos diversos, dende vídeos de deportes, viaxes ou videoxogos até videoblogs políticos ou videoconsellos de moda. Ao tempo, buscan darlles visibilidade tanto á produción en galego como á comunidade creadora e “Expandir a Rede”, como versa o lema deste ano.
Ampliación de categorías
Unha das grandes novidades desta cuarta edición de Youtubeir@s será a reorganización e ampliación das diferentes categorías. Se en 2019 o certame estaba dividido en oito galardóns, para este 2020 haberá doce diferentes. Así, o concurso contará cos seguintes premios: canle, vídeo, youtubeir@, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público. Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os nove restantes chegarán aos 500 euros. En total, Youtubeir@s repartirá entre as persoas gañadoras 7.500 euros e o palmarés será decidido por un xurado conformado por persoas de recoñecido prestixio.
Premio do Público
Ademais de todo o que o xurado experto seleccione, tamén caberá a opinión xeral do público. Nesta cuarta edición, serán os/as seguidores/as quen propoñan os seus vídeos preferidos para concorrer ao Premios do Público. As propostas poderanse facer só a través do formulario habilitado na páxina web do Proxecto Youtubeir@s, cumprirán cos mesmos requirimentos das bases xerais e realizaranse antes do 23 de outubro de 2020. Entre o 2 e o 16 de novembro, abrirase a través das redes sociais un formulario de votación. Os tres vídeos que reciban máis votos do público pasarán ao xurado dos premios, que ratificará a votación do público logo de comprobar que cumpre as bases
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 1138
-
As clases comezarán o vindeiro martes 13 de outubro
-
Ofrece as especialidades de gaita, percusión e pandeireta
A Escola de Música Tradicional da Baña abriu xa o prazo de inscrición para o presente curso 2020/2021, que dará comezo o vindeiro martes 13 de outubro. Poderán asistir nenos a partir de sete anos e adultos.
As especialidades que se ofrecen son as de gaita, percusión e pandeireta, está última dirixida só aos adultos. Ten que haber un grupo mínimo de cinco persoas para que poidan impartirse.
O prezo será de 30 euros por todo o curso. As inscricións poden realizarse na Concellaría de Cultura, que tamén pon a disposición dos interesados o número de teléfono 981 886 501 para resolver posibles consultas ou dúbidas.
Descarga o formulario de inscrición no arquivo que achegamos.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 508
A gaita é o instrumento máis demandado polas persoas que responderon á enquisa promovida polo Concello da Baña para coñecer as preferencias dos usuarios adultos da Escola de Música Tradicional. Este é un dos resultados da consulta lanzada para axudar na programación desta actividade e captar alumnado. O consistorio consultou tamén sobre as preferencias da cidadanía en canto á actividade de ximnasia e estimulación cognitiva para maiores e ao servizo A Baña Madruga para o curso 2020/2021.
As consultas previas ao inicio das actividades e abertas á cidadanía son unha iniciativa que se puxo en marcha por primeira vez na Baña o curso pasado coas escolas deportivas, co obxectivo de coñecer os intereses reais da poboación e axustar deste xeito a oferta nas diferentes actividades. En tempos de pandemia, esta información adquire especial relevancia, ao se ter que elaborar horarios específicos e ordenar os espazos nos que se van a desenvolver as clases. O Concello confía en que, andado o tempo, a participación medre e se converta nunha ferramenta útil para a programación deste tipo de accións.
Para este inicio de curso, o Concello preguntou a aquelas persoas adultas interesadas en matricularse por primeira vez na Escola de Música Tradicional sobre as súas preferencias no referido ao instrumento que queren aprender. Así, un 62,5% mostrou a súa preferencia pola gaita, o 25% decantouse pola pandeireta e un 12,5% elixiu a percusión. Das 8 respostas emitidas de xeito anónimo, o 50% corresponderon a persoas de 40 a 50 anos e o 25% ao grupo de idade de 20 a 30 anos.
No que respecta ás actividades para maiores de 55 anos, das 5 respostas recibidas o 60% tomou parte pola estimulación cognitiva semipresencial, un modelo no que persoal do Concello levará aos domicilios o material da actividade e pasará despois recollelo. A ximnasia de mantemento por parroquias tivo unha aceptación do 40%. Idéntica porcentaxe de respostas tivo a consulta sobre o lugar de celebración das clases: un 60% optou pola opción do centro social e da terceira idade da Baña e un 40% por outras parroquias, amosando o seu interese por Marcelle e Suevos en concreto.
O Concello consultou tamén á veciñanza sobre o interese das familias para utilizar o Servizo A Baña Madruga, unha medida que busca facilitar a conciliación da vida laboral e familiar entre os escolares que acoden ao CPI San Vicente. Do total de respostas anónimas recibidas (12), o 91,7% elixiu a modalidade que inclúe o almorzo no servizo. Canto os días da semana nos que se utilizaría o mesmo, o 75% precisaríao todos os días, con especial incidencia nos martes e xoves, que foron sinalados polo 91,7% das familias. Preguntados polo número de días ao mes nos que precisarían o servizo, o 41,7% das familias manifestou o seu interese por facer uso desta actividade todo o mes. Tamén se preguntou polo horario que precisarían os usuarios; neste punto, o 58,3% elixiu a opción de 8:00 a 9:15, o 33,3% de 7:30 a 9:15 e o 8,3% de 8:30 a 9:15 horas.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 1295
-
Oferta este curso dez instrumentos: percusión, saxofón, frauta, clarinete, tuba, trombón, bombardino, piano, guitarra e acordéon
-
O vindeiro venres, día 9, desenvolverase unha reunión informativa no polideportivo de san Vicenzo
A Escola Municipal de Música da Baña abre o prazo de inscrición para o curso 2020/2021, que dará comezo o vindeiro martes 13 de outubro. As clases están dirixidas tanto a nenos, a partir de 3 anos, como a adultos e as inscricións poderán facerse na propia Escola de Música ou no Concello da Baña.
As especialidades que poden cursarse son percusión, saxofón, frauta traveseira, clarinete, trompeta, tuba, trombón, bombardino, piano, guitarra e acordéon. Por cada instrumento pagarase unha mensualidade de vinte euros, cun desconto da metade do importe para o segundo e seguintes membros da mesma unidade familiar. En todos os casos, estarán incluídas as clases de solfexo polo mesmo prezo.
De cara ao comezo do curso, o vindeiro venres 9 de outubro desenvolverase unha reunión informativa no polideportivo municipal de san Vicenzo. A cita será ás 20:30 horas e están convidadas a asistir todas as familias interesadas en coñecer cales serán as novidades desta temporada. Ademais, Martín atenderá consultas ou dúbidas no número de teléfono 687 133 497.
Por causa da covid-19, temos que lembrar que á xuntanza do venres só pode acudir unha persoa por unidade familiar e que non se admitirán menores. O uso da máscara será obrigatorio.
Podes atopar os documentos para formalizar a inscrición nos arquivos que achegamos.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 718
O dúo poético-musical Aldaolado, formado por María Lado e Lucía Aldao, presenta este venres na Baña o seu espectáculo Po e Xía, un recital no que as súas protagonistas contan a grande aventura que as levou a converterse en poetas. Con este evento o Concello da Baña retoma a programación cultural que quedara suspendida pola incidencia do coronavirus, á vista da boa evolución da situación sanitaria no municipio.
A actuación de Aldaolado terá lugar no centro social e da terceira idade da Baña o venres 25 de setembro, ás seis da tarde. Está indicada para crianzas a partir dos 6 anos e, de feito, inclúese nas sesións de contacontos do programa Apego que o Servizo de Normalización Lingüística organiza habitualmente para as tardes dos venres. O espectáculo forma parte do programa Ler Conta Moito, da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
María Lado e Lucía Aldao convértense en Po e Xía, dúas amigas moi fedellas que sempre andan a tramar aventuras disparatadas. Este recital-conto feito con moito sentido do humor e aderezado con cancións procura ser o primeiro achegamento á poesía para público miúdo.