imprimir
Categoría: Cultura e educación
Visitas: 754

20190830 ALI8329

Medio cento de nenos e nenas da Baña remataron hoxe o campamento urbano no que estiveron gozando e aprendendo durante todo este mes de agosto. Despois de numerosas actividades e visitas, a ‘Fantasía musical’ de Jorge e María poñía esta mañá o punto e final a unha actividade na que, hoxe, tamén participaron moitas das familias do programa Apego.

A ‘Fantasía das palabras’ foi o libro que María lles recomendou ler na biblioteca á cativada presente esta mañá de Agra de Chans, durante a festa de clausura do campamento urbano cun espectáculo no que a música, as fadas e as palabras foron as protagonistas.

Durante o mes de agosto o medio cento de nenos e nenas maiores de 3 anos que participaron no campamento urbano puideron coñecer a casa consistorial e visitar o salón de plenos e tamén a biblioteca. Noutras das xornadas foron visitar a minicentral, e tamén a explotación gandeira dos irmás Iglesias Vigo en Vilar de Suso (Lañas) ademais do taller do ferreiro, no que Diego Paredes lles explicou os pormenores deste oficio. Outro dos días recibiron a visita de membros de Cadelar, unha organización que lles ensinou a coidar e respectar aos cans. A festa da auga e moitas máis actividades farán do mes de agosto algo inesquecible para moitos dos nenos e nenas participantes.

Outra semana de campamento

O vindeiro luns, 2 de setembro, comeza unha nova edición do campamento urbano coa intención de facilitar a conciliación familiar e laboral durante a primeira semana de setembro. Os 21 nenos e nenas inscritos poderán gozar de numerosas actividades ata o día 6, antes de que comece o curso escolar 2019-2020. Entre as visitas programadas están as que se farán á escola de música e ao muíño de Nantón. Haberá un obradoiro de pasta de sal, a visita de membros da Fundación de discapacitados da comarca de Barcala.

Álbum de fotos no Facebook do Concello da Baña, neste enlace (preme aquí). 

20190830 ALI8308