imprimir
Categoría: Cultura e educación
Visitas: 718

20190731 Entrega Diplomas Campamento A Baña

O campamento lúdico-deportivo da Baña, que se celebrou durante o mes de xullo, rematou esta mañá cunha divertida xornada de troula para a cativada. Onte, día 30, os nenos e nenas  gozaron cunha festa de escuma e inchables na área recreativa de Chans, mais o prato forte chegou hoxe coa actuación de Xoán Curiel, músico da Fonsagrada. A concelleira Mónica González Blanco aproveitou a ocasión para repartir xunto co equipo de monitores os diplomas do curso de natación.

O campamento lúdico-deportivo 2019 do Concello da Baña puxo hoxe punto e final a todo un mes de diversión xunto á cativada do municipio. Xoán Curiel, cantante e compositor recoñecido internacionalmente e con moitos premios as súas costas pola orixinalidade dos seus temas, compartiu o seu fabuloso espectáculo con todos e todas as participantes desta edición do campamento. 

Antes de todo, Mónica González Blanco, concelleira de Educación, Cultura, Servicios Sociais e Deportes, repartiu xunto cos monitores e monitoras da actividade os diplomas do curso de natación que recibiron os cativos durante o campamento. 

Estas dúas xornadas pecharon o campamento lúdico-deportivo, organizado polo Concello da Baña e que reuniu a 60 nenas e nenos maiores de 4 anos durante todo o mes de xullo. As actividades continúan agora co campamento urbano, destinado á cativada maior de 3 anos e que se celebrará no mes de agosto.

Album de fotos no facebook do Concello da Baña (neste enlace).

20190731 Actuacion Xoan Curiel A Baña