imprimir
Categoría: Cultura e educación
Visitas: 535

 

20190628 Festa Apego

O programa Apego continúa medrando na comarca de Barcala. As familias con nenas e nenos de 0 a 6 anos levan  participando en actividades en galego dirixidas a ese tramo de idade desde o primeiro momento en que comezou este proxecto do que forman parte arredor de 30 concellos de toda Galicia. As accións están todas pensadas para quen queira mergullarse nunha infinidade de iniciativas para o público infantil máis novo, de maneira que permitan a socialización en galego desde as idades máis temperás

Nesta contorna, despois de divertirse coa Festa do Apego da Baña e de Negreira e coa excursión á Coruña este pasado mes de xuño, agora queda por diante, dentro do programa Ler conta moitoda Xunta, todo un abano de actividades para encher o tempo de lecer das familias.

A primeira actuación para nenos e nenas de 3 a 8 anos,Contos para un mundo mellorde Mamá Cabra, vai ser na piscina municipal ao aire libre de Negreira o 16 de agosto, ás 19.00 horas. É unha boa oportunidade para escoitar historias con música e cancións da man de Gloria Mosquera, que vai estar acompañada do violinista Harry Price. Os contos teñen unha temática variada e pretenden facer reflexionar a rapazada sobre a importancia da empatía, da prudencia, da superación persoal, da cooperación e da responsabilidade como mecanismos necesarios de paz e felicidade.

Despois tocaralle o turno ao espectáculo Fantasía musicalde Jorge Juncal e María Faltri, encadrado dentro do campamento urbano, na área recreativa de Chans, o 30 de agosto, ás 12 h. Trátase dunha festa musical coas letras do abecedario; pop, hip hop, rock and roll e swing mesturados con textos para achegar a poesía a rapaces e rapazas de 3 a 11 anos. Este é un concerto dinámico, que pretende conseguir moita interacción co público e onde van aparecendo diferentes personaxes moi divertidas en cada canción.

O 13 de setembro, ás 17.30 h, na casa da cultura da Baña, a obra Somos iguaisde Raquel Queizás, dirixida a crianzas de 3 a 12 anos, tratará a igualdade e a violencia de xénero. Queliña, a protagonista, quere ser aviadora, gústalle vivir aventuras, contar historias e como está farta de escoitar contos de apoucadas princesas rosas e de insensibles príncipes azuis, decide poñer o gorro de piloto e ir buscar outros contos que demostren que as nenas e os nenos son igual de valentes e de sensibles.

As dúas seguintes actuacións van dirixidas a bebés de 0 a 3 anos. Comezará Xarope Tulú coa súa obra Bichocasna entrada do centro sociocultural de Negreira o 24 de setembro, ás 17.30 horas,e continuará Migallas Teatro con Os contos do chupetena casa de cultura da Baña o 27 de setembro ás 17.30 h. No primeiro, as protagonistas de Bichocas aprenderán a posibilidade de compartir coas demais persoas os seus afectos nun espectáculo onde os obxectos e a palabra fan viaxar a través do mundo animal; e no segundo, integrarán música en directo, literatura infantil, expresión dramática e tradición oral co fin de que a cativada poida chuchar contos, cancións e arrolos ata encher a barriguiña.

Deseguida, ás 17.30 h, o 1 de outubro, a diversión chegará da man de Celtia Figueiras ao centro sociocultural de Negreiracoa obra, dirixida a menores de tres anos, U-la lúa?É unha versión reducida con monicreques na que a igualdade e a non violencia son os alicerces da historia. As personaxes mostran realidades como a negación do pleno desenvolvemento de nenos e nenas como persoas ou a non consecución dos seus soños. A protagonista, a gatiña Lúa, é un exemplo de constancia e de valentía para todas as crianzas.

A próxima obra vai para a Escola infantil municipal de Negreira; alí o seu alumnado poderá pasalo ben con A alfombra máxicade Teatro Babaluva o 10 de outubro, ás 11.30 h.Esta alfombra é un lugar de libre experimentación, táctil, sonora e olfactiva onde a cativada poderá mergullarse nunha viaxe sensorial e descubrir o pracer de apalpar, escoitar, ver… É unha invitación a xogar e experimentar con todo o corpo.

E finalmente, polo de agora, o 25 de outubro, ás 17.30 h chegará á casa de cultura da Bañao espectáculo Contos que veñen e vande Pavís Pavós cheo de historias de medo, amor, sorpresa, de xigantes e de ananos, bruxas e trasnos, apócemas máxicas, viaxes marabillosas, princesas e dragóns que veñen voando, que se pousan nas orellas e que entran para, logo, seguir o seu camiño.

Con esta manchea de actuacións, a cativada da comarca de Barcala poderá seguir alimentando os seus soños, a súa imaxinación, o seu orgullo, a súa identidade… e mamando a nosa lingua que lles axudará a crear vínculos coa familia e coa veciñanza.