imprimir
Categoría: Cultura e educación
Visitas: 781

20190606 ALI3961

O ‘Obradoiro sobre empoderamento e benestar para mulleres’ impulsado polo Servizo de Educación Familiar da Baña contou coa presenza de quince mulleres. Durante os tres días que durou o curso, que conclúe hoxe, as participantes afondaron en temas como o autocoñecemento, o reforzo da autoestima e a xestión das emocións mediante dinámicas e xogos que fomentaron a participación das mulleres.

No grupo formado para o curso hai mulleres de todas as idades e oficios, que se amosaron moi interesadas dende o primeiro momento nas materias de intelixencia emocional, empoderamento e autoestima. “As máis xoves xa estaban bastante informadas e cunha base teórica avanzada e están reafirmando os conceptos de autoestima e empoderamento. Moitas das maiores están moi concienciadas coa violencia de xénero”, destacou Diana Muñoz, docente do curso xunto a Sara Vierna. Muñoz tamén salientou a creación dunha rede de apoio entre as participantes do taller, pois “as veces vivimos na casa moi entregadas á familia e os seus coidados, así podemos ver que hai outras que nos poden botar unha man”.

20190606 ALI3956

Nos talleres buscouse fomentar a participación das mulleres mediante dinámicas, xogos, traballos en grupo e debates, sempre de forma lúdica para manter a atención e a motivación das participantes. No primeiro día de obradoiro traballáronse os conceptos de autoimaxe, autoconcepto e autoestima; para a segunda xornada a materia centrouse en igualdade e violencia de xénero; e para o último día quedou a temática de como xestionar as emocións.

Grazas ao curso as mulleres puideron “identificar as súas fortalezas, mellorar a súa autoestima, ser capaces de detectar que é violencia de xénero ou estar preparadas para identificar o machismo que hai na sociedade”, sinalou Diana Muñoz. A fin de contas, estratexias que lles  proverán máis benestar e oportunidades de conseguir os seus obxectivos na vida. Ademais, tralas sesións grupais houbo outras individuais nas que as mulleres puideron tratar coas docentes situacións que non queren contar en público.

O ‘Obradoiro sobre empoderamento e benestar para mulleres’ estivo financiado polo pacto de estado contra a Violencia de Xénero da Secretaría de Estado de Igualdade e realizouse en tódolos concellos de España que o solicitaron, aínda que as asistentes coinciden na brevidade do taller, que se levou a cabo no centro social e da terceira idade da Baña: “Dinnos que se lles fai moi curto e que lles gustaría que durase máis tempo. Está claro que hai interese na temática e é un curso moi necesario e que vén moi ben”, sentenciou  a mestra Diana Muñoz.

20190606 ALI3957