Numerosos familiares e veciños encheron onte o auditorio da Escola de Música Municipal da Baña durante o festival de fin de curso, no que o alumnado puido amosar os seus progresos durante o último trimestre. Máis de trinta intervencións encheron de música as dúas horas que durou o concerto, con mención especial para Laura Buj, que vai entrar no conservatorio, e para Manuel Palma, o alumno de máis idade, que interpretou á guitarra ‘Mi Favorita’. Outro dos protagonistas foi Antonio Liñares, que puido estrear ‘Andando e correndo’, a peza que el mesmo compuxo e que interpretou á lira, acompañado de Mateo Suárez na batería. Ao rematar, o alcalde, Andrés García Cardeso, aseguroulles a familiares e alumnado que dende o Concello “seguiremos apostando pola formación musical, e traballando para darlles a mellor preparación musical a nenos e nenas”, aos que animou a “empezar con forza o próximo curso”. A Escola Municipal de Música da Baña contou no curso 2017-18 con 60 alumnos, segundo indicou o seu director, Ramón Leis.

Pódese ver o album de fotos deste concerto no Facebook do Concello